[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 19 DE XUÑO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2
SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Axudas para a pesca e cultivos mariños

Bases | Anexos

Bases

A Deputación establece as bases reguladoras de concesión de axudas, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia, correspondendo a presente convocatoria ó ano 2006.

1.— OBXECTO
A Deputación Provincial de Pontevedra, dende a sección de Pesca e Cultivos Mariños, concederá dous tipos de axudas:

  • Axudas a investimentos realizados para a recuperación e construcción de embarcacións tradicionais adicadas a actividades de promoción socio-cultural.

    Estas axudas promoverán accións tendentes á recuperar o patrimonio marítimo tradicional e mellora das manifestacións culturais, así como a xerar beneficios no seu entorno.

  • Axudas a investimentos realizados para a mellora de embarcacións adicadas á pesca artesanal e de baixura, con base nos portos da provincia de Pontevedra, apoiando a adquisición de equipamentos que supoñan unha evidente mellora tecnolóxica ou na seguridade. Estas axudas promoverán accións tendentes á modernización das embarcacións e mellora das condicións laborais dos seus tripulantes: haladores, sondas, radares, GPS.

Materia Programa Partida Orzamento
PESCA Axudas ás embarcacións tradicionais 06/711-711-779.02 75.000 €
PESCA Axudas á pesca costeira artesanal 06/711-711-779.02 100.000 €


2.— PARA EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

  1. Tipos de investimentos que poderán acceder a unha axuda:

    Poderase subvenciona-la recuperación e a construcción de réplicas de embarcacións tradicionais de pesca para o uso en actividades de promoción socio-cultural. As ditas axudas son incompatibles co uso da embarcación para a pesca e a acuicultura, e con calquera das axudas incluídas no programa comunitario ou autonómico de construcción e modernización de embarcacións pesqueiras.

    Poderanse solicitar axudas para todos aqueles accesorios e materiais de mantemento das embarcacións tradicionais, que sexan de inversión e necesarios para o seu uso nas mencionadas actividades (velas, remolques, reparacións da cuberta, obra morta, arboladura, seguridade, etc.).

    As axudas económicas poderán alcanzar como máximo ata o 50% dos investimentos para os que se solicitan, valorándose en base ós orzamentos e os proxectos presentados.

  2. Beneficiarios:
    Poderán solicitar estas axudas entidades de carácter social e cultural que teñan entre os seus obxectivos a recuperación e conservación do patrimonio marítimo, que reúnan os seguintes requisitos:
    1. Carecer de fins de lucro.
    2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.
    3. Estar inscrita no Rexistro de Asociacións de Galicia.
    4. Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003 Xeneral de Subvencións, relativo ás obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  3. Solicitudes e documentación.
    As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servicio Agrario ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es e irán dirixidas ó Ilmo. Sr. Presidente, achegando ademais a seguinte documentación:
    1. Memoria da actividade a desenvolver.
    2. Presuposto do investimento.
    3. Certificación do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude ó asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.
    4. Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.
    5. Fotocopia compulsada do documento que acredite a inscrición no rexistro de asociacións.
    6. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.
    7. Declaración das axudas económicas solicitadas e /ou concedidas por outras Administracións Públicas con este mesmo fin.
    8. Declaración de compromiso de non transferila propiedade da embarcación, no caso de resultar beneficiario destas axudas.
    9. Declaración asinada polo presidente da asociación conforme non estea incursa en causa de incompatibilidade ou incapacidade para poder percibir subvencións da Administración, conforme ó disposto no art.. 13.3 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, e coñece e acepta as bases da convocatoria.
    10. Xustificación suficiente de ser propietario ou armador da embarcación ou acreditación da cesión dela.
    11. Certificado de estar ó corrente de pagos coa Seguridade Social e das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas.
    12. Certificación bancaria na que conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, para efectos do pagamento da axuda.

    As entidades poderán solicitar só unha subvenciónpor cada proxecto.

    Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites.

  4. Valoración e concesión
    Os proxectos serán valorados polo órgano competente da Deputación unha vez vistos os informes correspondentes, e tendo en conta os seguintes criterios de valoración:
    • Nº de socios da Asociación ata un máximo de 10 puntos.
    • Características e interese da actuación ata un máximo de 20 puntos.

    As propostas de concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión Informativa de Pesca.

3.— PARA A PESCA COSTEIRA ARTESANAL

  1. Tipos de investimentos que poderán acceder a unha axuda:
    Poderanse subvenciona-los equipamentos que supoñan unhas evidentes melloras tecnolóxicas, así como de seguridade, nos que nunca se incluirán reparacións, nin material usado.

    As axudas económicas poderán alcanzar como máximo ata o 40% dos investimentos para os que se solicitan, valorándose en base ós presupostos presentados, aplicando os topes seguintes:

    • Equipamento:
      • Halador ata 1.000 euros
      • Sonda ata 600 euros
      • VHF ata 300 euros
      • Radar ata 700 euros
      • GPS ata 500 euros
  2. Beneficiarios
    Poderán solicitar estas axudas persoas físicas ou xurídicas, armadores de embarcacións artesanais, adicadas a artes menores, incluíndo a explotación de marisqueo e recursos específicos, con porto base na provincia de Pontevedra e inscritas no censo da Flota Pesqueira Operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os seguintes requisitos:
    1. Domicilio social na provincia de Pontevedra, no caso das persoas xurídicas, ou residencia, no caso das persoas físicas.
    2. Que presenten un volume de venda en lonxa de alomenos 7.500 euros.
    3. Non estar incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003 Xeneral de Subvencións, relativo ás obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  3. Solicitudes e documentación.
    As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servicio Agrario ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es e irán dirixidas ó Ilmo. Sr. Presidente, achegando ademais a seguinte documentación:
    1. Presuposto do investimento.
    2. Copia compulsada do Permiso de Explotación.
    3. Fotocopia compulsada do DNI ou da tarxeta de identificación fiscal da entidade e do DNI do representante legal no seu caso.
    4. Declaración das axudas económicas solicitadas e/ou concedidas por outras Administracións Públicas con este mesmo fin.
    5. Declaración de compromiso de non transferila propiedade da embarcación, no caso de resultar beneficiario destas axudas.
    6. Declaración asinada polo interesado, ou no caso de persoas xurídicas polo presidente da asociación, conforme non estea incursa en causa de incompatibilidade ou incapacidade para poder percibir axudas da Administración, conforme ó disposto no art.. 13.3 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións, e coñece e acepta as bases da convocatoria.
    7. Certificación expedida por unha vendeduría legal das vendas realizadas durante o exercicio do 2005 comercializadas en lonxa.
    8. Fotocopias compulsadas da Folla de Asento.
    9. Xustificación suficiente de ser propietario ou armador da embarcación.
    10. Certificado de estar ó corrente de pagos coa Seguridade Social, se procede, e das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas.
    11. Certificación bancaria na que conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, para efectos do pagamento da axuda.
  4. Valoración e concesión.
    Os proxectos serán valorados polo órgano competente da Deputación unha vez vistos os informes correspondentes, e tendo en conta os seguintes criterios de valoración:
    • Importe das vendas xustificadas para o exercicio 2005 ata un máximo de 10 puntos.
    • Se é a primeira vez que recibe unha axuda polas inversións que figuran nas bases ata un máximo de 10 puntos.

    As propostas de concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión Informativa de Pesca.

4.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación e na forma establecida no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Concédese un prazo de trinta (30) días naturais a partir da publicación destas Bases no Boletín Oficial da Provincia para presenta-las solicitudes correspondentes.

5.— XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO
Aprobadas as axudas, cos informes previos da Intervención Provincial, estas serán aboadas ós solicitantes previa xustificación do investimento, cumprindo co disposto no artigo 30 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, relativo á xustificación das subvencións públicas. Os Técnicos do Servicio Agrario informarán sobre a realidade do investimento.

Para cobra-la subvención as entidades deberán presenta-la seguinte documentación:

  1. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran en dita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda.
  2. Xustificación con facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando cada factura, número de unidades, prezos unitarios destas e custo total de cada unidade. Nestas mesmas facturas deberá figura-lo aceptado, conforme e recibido, asinado polo beneficiario coa data do día no que se presente dita xustificación.
  3. Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
  4. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servicio provincial de Intervención.
  5. O prazo máximo de xustificación das actividades subvencionadas será de seis meses a partir da concesión da axuda, dentro do cal deberán estar realizados os investimentos subvencionados.

Para o pago da subvención terase en conta o seguinte:

  1. No caso de que se xustifique gasto polo 100% do presuposto subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.
  2. No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100%, aboarase a parte proporcional da mesma.

O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

6.— RESPONSABILIDADES
O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos nestas bases e demais normativa aplicable, poderá dar lugar a esixencia de responsabilidades e á devolución, no seu caso, das cantidades percibidas. As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas. Así mesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación e nos demais supostos recollidos na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

7.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases, rexerá o disposto nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2006 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e demais normativa de pertinente aplicación.

8.— PRAZO
O prazo máximo para resolver e notifica-la resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses, transcorrido o cal os interesados entenderán desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de concesión da axuda.



Boletín Oficial da Provincia, data 30/05/06, número 102, páxina 29, anuncio 2006005039.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 12/06/2006 10:33
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/