A documentación
Rematadas as sucesivas actuacións de organización e descrición dos fondos documentais conservados no arquivo municipal inventariáronse un total de 2.139 unidades de instalación, con testemuños documentais que presentan unhas datas extremas do período interanual de 1849 ata o 2015.
A maior parte da documentación corresponde ó século vinte, con documentos ben conservados pero con notables carencias, entre as que é preciso menciona-los libros de actas do Pleno anteriores a 1912.
No conxunto documental destaca principalmente aquel derivado da xestión e control urbanístico, tanto das obras propias como das dos particulares, e, sobre todo, do control presupostario, dende 1866, e da xestión tributaria.
Este conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, dispón dunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario somero complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado, tanto no propio Concello coma no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, nunha base de datos formada por 18.271 rexistros diferentes.
|