[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 19 DE SETEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Saúdo do Presidente
Datos biográficos
Atribucións do Presidente
Artigos, discursos, ...
Axenda do Presidente
Álbum fotográfico
Entrevistas co presidente
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Ordenanzas
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Partidos xudiciais
Atención ó cidadán

Páxina 1 [2] 3 4 5 6 7
ARTIGOS, DISCURSOS, ... 

Toma de posesión

Autoridades, representacións, señoras e señores deputados, queridos concidadáns

Asumo o cometido de formar e dirixir o Goberno como un inmenso honor, como unha transcendente responsabilidade e como un firme compromiso que contraio con todos e cada un dos cidadáns da provincia de Pontevedra. O noso proxecto político ten como obxectivo a modernización e o progreso dos concellos, e como finalidade prioritaria acadar os maiores niveis de benestar económico e social para o millón de persoas que habitamos nesta provincia.

Moitas gracias, pois, señoras e señores deputados. Poden estar absolutamente seguros de que dedicarei todos os esforzos precisos, e todo o traballo necesario, para non defraudar a confianza que vostedes depositaron en min e para lograr que esta institución siga a ser o auténtico motor e o protagonista principal da vertebración e o desenvolvemento da provincia a través da axuda e a cooperación cos seus concellos. E grazas tamén ó apoio que me mostrou a miña formación política, o Partido Popular, que incrementou na nosa provincia o respaldo que obtivera hai catro anos.

Neste intre, especialmente emotivo para min, quero formular tamén o meu máis firme compromiso persoal e colectivo para cos deputados e alcaldes. Un compromiso que estendo a todos e cada un dos cidadáns.

CAMBIOS LEXISLATIVOS E REFORMA DAS DEPUTACIÓNS

Accedo á presidencia dunha grande institución, de longa e fructífera traxectoria, e de notable e transcendente influencia na vida da provincia de Pontevedra. E o fago coa certeza de que a Deputación non é algo diferente ós concellos, senón que é o organismo destes, fortalecidos pola súa capacidade de traballar conxuntamente.

A razón de ser, pois, da Deputación e das políticas que se han de desenvolver debe estar, loxicamente, ligada a eles e ós cidadáns que representan. Por iso quero expresar, dende xa, a miña firme determinación de gobernar para os concellos pero, sobre todo, contando cos concellos.

Hoxe, España está inmersa nun proceso de cambios lexislativos que afectarán ó marco xurídico do réxime local. Neste novo marco, resulta preocupante o descoñecemento, bastante xeneralizado, sobre as funcións e o quefacer diario das deputacións. E digo preocupante porque ese descoñecemento -alentado moitas veces por intereses particulares ou partidistas- pode xerar a imaxe de que son innecesarias.

E non é así. As competencias das deputacións van máis alá, moito máis alá, do simple reparto de recursos económicos, axudas ou subvencións. A función fundamental que prestan, e deben seguir prestando, é ser a garantía da aplicación real e eficiente do principio de subsidiariedade, asegurando a prestación integral e axeitada, na totalidade do territorio provincial, dos servizos de competencia municipal dende o mesmo nivel de goberno.

Galicia é un país de pequenos municipios no que moitos deles non poden levar a cabo, completa e eficazmente, competencias que lles recoñecen as leis. Hoxe, coas reformas en curso, córrese o risco de que o principio de subsidiariedade xogue, paradoxalmente, en contra da autonomía local e a favor do goberno menos próximo ós cidadáns. Por iso é indispensable manter unha instancia intermedia entre o concellos e a comunidade autónoma, para que o interese municipal quede fixado no ámbito local.

Creo, por tanto, que as deputacións forman parte cos concellos dunha soa comunidade local. E que é a esta comunidade local á que se lle deben adxudicar, de xeito global, unhas competencias locais que serán exercidas polos concellos e garantidas pola provincia. O goberno provincial haberá ser, pois, un goberno instrumental con funcións de cooperación e asistencia para garantir que os concellos -sobre todo os de menos recursos- poidan exercer as súas competencias.

Considero que non se pode xustificar, de ningún xeito, a perda do alto potencial de xestión das deputacións, a súa experiencia acumulada, e os seus probados resultados. Ó revés: as deputacións son plataformas de servizos nas que -nestes tempos dun Pacto Local por certo aínda etéreo e sen concretar- debe reforzarse o seu papel de cooperación cos concellos e incrementarse a súa solvencia económica.

PRINCIPIOS INSPIRADORES DA REFORMA

Dito esto, entendo e apoio a reforma das deputacións para adaptalas ó mundo actual. Algo non novidoso, por outra parte, pois é algo que se vén facendo dende hai 174 anos e que explica non só a súa supervivencia senón tamén, e sobre todo, o seu éxito e a súa eficacia. Unha reforma e unha evolución que, ó meu xuízo, debe basearse en cinco principios:

  1. A proximidade ós concellos e á cidadanía, pois o propio sistema de elección indirecta fai que os seus órganos os formen electos locais.
  2. O obxectivo de achegarlles máis benestar ós cidadáns, garantindo a prestación de servizos de calidade para todos e en todo lugar.
  3. A potenciación da súa eficacia e da súa eficiencia
  4. A incorporación do valor da innovación nas políticas públicas locais, pois son as deputacións as que mellor poden deseñalas, evalualas e impulsalas.
  5. Basear a súa relación cos concellos na transparencia e na participación, concertando as súas políticas, fomentando o traballo en rede e creando redes, mancomunidades ou entidades supramunicipais.

Esta reforma das deputacións, ó meu xuízo, e en base ós anteditos principios, debe delimitar claramente as súas funcións. Dotalas da capacidade de asumir algunhas das que agora ten a Xunta porque son máis efectivas desenvolvidas dende a provincia e de ceder outras que non son propias delas, pois desdebuxan o seu presuposto e a súa actividade. Outorgarlles competencias exclusivas en servizos básicos municipais e respectar o principio constitucional da autonomía local. Fixar os seus obxectivos no Plan Estratéxico provincial, como o que xa ten a Deputación de Pontevedra. Así como coordinar a súa acción coa Xunta e outras institucións, sen que iso queira dicir submisión, nin maniatar a súa independencia nin a súa capacidade de xestión e intervención.

En definitiva, considero que o futuro das deputacións pasa por incrementar aínda máis a súa cooperación cos concellos para reducirlles custos e garantir a prestación de servizos, e para contribuír á mellora e ó progreso social, cultural e económico da provincia.

TRANSCENDENCIA DO SEU LABOR

Para subliñar a necesidade, a importancia e transcendencia da Deputación para a nosa provincia baste citar algunhas accións levadas a cabo pola anterior Corporación. Accións que fixei naquel primeiro contrato meu coa cidadanía que foi o anterior discurso de investidura, e que teño a honra de poder dicir que cumprín na súa maior parte.

Por exemplo, no eido do desenvolvemento, a creación do Instituto para a Promoción e Equipamento de Solo Industrial de Pontevedra (IPESPO) que posibilitou, polo de agora, a construción, xa en proceso, de 2 millóns de metros cadrados de chan industrial no polígono Barro-Meis, ou os vinte proxectos europeos xestionados e liderados pola Deputación de Pontevedra.

No eido da cooperación municipal, o labor do ORAL, que xestiona os ingresos tributarios de 52 concellos da provincia; do Plan Cultural; do apoio e fomento do deporte base ou do investimento de 18 millóns de euros na construción de 50 campos de fútbol de herba sintética.

No ámbito das áreas metropolitanas, os convenios cos concellos de Vigo e Pontevedra para posibilitar infraestruturas cidadás ou obras tan significativas como a ampliación do Museo de Pontevedra, o novo Pasarón ou a Piscina Olímpica son, xunto á construción e mantemento dun Parque de Bombeiros por comarca, algúns dos exemplos.

Noutros campos, estas accións posibilitaron a recuperación de catro voos diarios, suprimidos por Iberia, para o aeroporto provincial de Peinador; a realización de numerosos e novidosos programas de servizos sociais en busca do maior benestar social; a potenciación, en pro da calidade e da excelencia turística, do padroado Turismo Rías Baixas ó que se lle dotou dunha nova e emblemática sede, o Palacete das Mendoza; a creación de premios e estímulos para distintos sectores da provincia; ou as numerosas obras de infraestruturas desenvolvidas en todo os concellos -que van dende a nova Ponte Arnelas ata a instalación de 40 depuradoras- a tal punto que, na maioría dos concellos, as súas máis transcendentes obras foron executadas pola institución provincial.

PAUTAS INSPIRADORAS DO VINDEIRO GOBERNO

A función da Deputación de Pontevedra revélase, pois, de vital importancia para a provincia. E, se nese meu anterior discurso de investidura detallei unha serie de accións que marcaron o norte daquel meu primeiro goberno, agora paso a relatar as pautas que me dispoño a poñer en marcha de inmediato, así como un esbozo do programa que rexerá o noso labor. As pautas da nosa acción serán as seguintes:

  1. Queremos que a Deputación de Pontevedra -que gobernará para un millón de persoas, sen exclusións- sexa unha auténtica entidade supramunicipal que axude ós concellos a prestar todo tipo de servizos. Que non compita con outras administracións, senón que cumpra o seu papel de Administración facilitadora de recursos.
  2. Buscamos que a Deputación achegue o seu asesoramento, sobre todo nos pequenos concellos, para provelos dos servizos ós que non poden acceder en modo ningún sen a axuda da institución provincial.
  3. Temos como obxectivo camiñar ata unha auténtica descentralización de servizos, de xeito que os técnicos e o persoal especializado da institución visiten periodicamente cada un dos concellos para informar de axudas, programas, liñas de actuación ou determinados servizos que, doutro xeito, é impensable que o veciño poida ter.
  4. Pretendemos que os cidadáns sigan a percibir que as deputacións están para apoiar ós concellos, non só na teoría, senón na realidade do día a día. E, neste senso, faremos un esforzo de información e de pedagoxía, que chegue a todos os recunchos da provincia, sobre a función, o sentido, os obxectivos e as actuacións da Deputación de Pontevedra. Dedicarémonos a recibir ós que desexen coñecer a institución ou propoñer novas iniciativas, e seguiremos visitando, día a día, cada concello da provincia.
  5. Apostamos por mancomunar servizos para optimizar a súa prestación e porque permiten reducir custos e unha mellor negociación a nivel supramunicipal. Esforzarémonos en promover esta iniciativa en temas como recollida do lixo, urbanismo, servizo de bombeiros ou programas UE.
  6. Incrementaremos o papel da Deputación como provedora de recursos -de formación, de técnicos, de control ou de planificación- para os concellos. E isto dende a conciencia de que para moitas entidades locais este labor é case unha cuestión de supervivencia porque eles, por si sós, dificilmente poderán desenvolver traballos de planificación e control.

AVANCE DO PROGRAMA DE GOBERNO

Estes principios de actuación veranse reflectidos nun programa de actuación concreta, cuxas liñas xerais lles paso a relatar.

  1. Para afrontar a nova realidade social da provincia e do noso tempo, modernizaremos, reformularemos e, nalgún caso, crearemos novos servizos para actualizar os seus cometidos e profundizar na asistencia e cooperación municipal. Neste senso, potenciaremos os Servizos Sociais especializados para favorecer unha mellor calidade de vida dos máis necesitados. E tamén, en base ós excelentes resultados obtidos nos 20 proxectos europeos liderados pola anterior Corporación, crearemos una Oficina de Recursos Externos e Proxectos Europeos para información e asesoramento municipal e para incrementar a nosa participación en programas e proxectos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
  2. Crearemos un órgano dedicado, exclusivamente, a atender necesidades urbanísticas dos concellos que se centre en proporcionar información, elaborar documentos de planeamento e na asesoría xurídico-técnica.
  3. Definiremos os obxectivos de cada zona a través dun Rexistro de Prioridades Municipais para axilizar as demandas dos cidadáns.
  4. Potenciaremos Viveiros de Empresas para a xente xoven, facilitándolles os medios precisos para desenvolver a súa actividade empresarial, e crearemos, en colaboración coa Universidade e outros axentes sociais, un Centro de Teletraballo para apoiar ás Pemes e formar a traballadores en paro. Estes telecentros desenvolverán tarefas como rexistro de datos, programación, marketing, deseño gráfico, traballos administrativos, traducción e contabilidade. No eido empresarial, o labor do IPESPO para crear solo industrial, e no seu caso vivenda pública, estenderase a novos concellos. E apoiaremos ós sectores agrogandeiro e vitivinícola, e ó do mar, que terá un plan específico de novas liñas de axuda.
  5. A promoción exterior da provincia e a captación de recursos e de novos sectores turísticos, será un obxectivo primordial do organismo autónomo Turismo Rías Baixas. Con este fin, seguirá participando nos principais certames do mundo e potenciará a labor dos seus profesionais en busca da calidade, da excelencia e de favorecer a ocupación durante todo o ano.
  6. O noso goberno destinará polo menos o 0,7% dos recursos correntes da Deputación ó remate do mandato para a Pontevedra Exterior e a nova realidade social que conforman tamén os inmigrantes. Entendemos que, nun caso, é unha obriga solidaria para paliar situacións de extrema necesidade dos nosos emigrantes e, noutro, un compromiso cos novos pontevedreses. A tal fin, emprenderemos actividades e artellaremos liñas de subvencións para distintas entidades. No eido social, é vontade deste goberno incrementar as partidas económicas para programas e actividades de maiores, xoves e mulleres, a través de programas tan novidosos como os que xa puxemos en marcha, como Pensa en Ti, Ti tamén Contas ou, entre outros, o programa social de balnearios que potencia o noso sector termal, crea emprego e diversifica a oferta.
  7. Nas novas tecnoloxías, a Deputación ampliará as xestións e trámites de servizos provinciais que se poden realizar a través de Internet ata conseguir a plena presencia da provincia de Pontevedra na Sociedade da Información, e a plena transparencia e participación da súa xestión. Con este fin, nos concellos con menos recursos, garantimos a instalación de redes wifi.
  8. Impulsaremos a área de Medio Ambiente da Deputación de Pontevedra con especial atención a tres eidos. En primeiro lugar, os espazos naturais, poñendo a disposición dos cidadáns centros de información e documentación, itinerarios sinalizados e rutas guiadas, museos e exposicións temporais, albergues, aloxamentos rurais, áreas de recreo e acampada, publicacións e audiovisuais, ademais de cursos, talleres e estancias ambientais. Todo iso coa finalidade de gozar, coñecer e respectar o medio natural.

    En segundo lugar, o Patrimonio Arquitectónico Local, para asesorar e ofrecer apoio técnico e científico ós concellos e para actuar nos seus monumentos e centros históricos a través dese emblema da nosa institución que é a Escola de Canteiros.

    E, finalmente, promovendo e estimulando mediante premios e incentivos, iniciativas de solidariedade e voluntariado en temas de recuperación e promoción do medio, en particular dos nosos ríos. Nesta liña, rehabilitaremos aldeas e espazos abandonados que aproveitaremos para fins educativos e sociais.

  9. No ámbito deportivo, continuaremos coa construción, coidado e mellora de infraestruturas que aseguren a práctica deportiva de todo os pontevedreses en instalacións axeitadas de carácter público. E daremos un paso máis: crearemos escolas deportivas para fomentar a práctica do deporte, cos mellores profesionais e técnicos das modalidades deportivas máis demandadas.
  10. Finalmente, somos conscientes de que a clave da segunda modernización está na educación, na investigación e na cultura, entendida esta nas súas dúas formas da creatividade e da vida cotiá. Por iso, seguiremos apostando pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro e a Finca de Mouriscade e daremos unha preponderancia especial ó novo Museo de Pontevedra. Nel, adoptaremos iniciativas para convertelo nunha auténtica Escola de Cidadanía e daremos unha nova dimensión ó Museo, que hoxe xa é unha referencia cultural incuestionable en Galicia, a segunda superficie museística de España e un dos centros que atesoura máis calidade de obra. A través dos concellos, facilitaremos o transporte e o acceso de todos os pontevedreses a el, para participar na súa nova programación e para coñecer a riqueza e diversidade cultural da nosa provincia e de Galicia.

Este programa, que lles acabo de esbozar e que continúa os obxectivos establecidos no noso Plan Estratéxico Provincial 2010, implicará cambios e remodelacións dalgunhas das actuais áreas e servizos da Deputación de Pontevedra. Propoñémonos acometelos e, para iso, a primeira medida será constituír un Consello de Dirección do organismo provincial que, formado polo presidente, o vicepresidente, os deputados responsables de cada área e os xefes de servizo, reunirase periodicamente para formular e facer un seguimento das actuacións da Deputación e dos obxectivos establecidos.

Para esta ilusionante viaxe, que agora se inicia, son precisas toda as mans e toda as contribucións. As do persoal da Deputación, de recoñecida profesionalidade e cualificación; as do novo equipo de goberno que estou seguro manterá o mesmo espírito de entrega, lealdade e ilusión en traballar por este proxecto provincial; as dos grupos do PSOE e do BNG coa súa leal oposición construtiva; as dos alcaldes e gobernos locais; as dos responsables doutras Administracións, xa que o noso programa necesitará da súa axuda e colaboración; as de empresarios e profesionais da provincia; as dos intelectuais, artistas e creativos; e as de todo os pontevedreses individualmente considerados que, en definitiva, son os protagonistas e os destinatarios deste presente que se pon en marcha, en tensión, coa renovada ilusión de cara a un futuro mellor para todos.

Para este proxecto de futuro, apelo tamén ós que exercen a función de informar e de crear opinión. A eles lles pido que nos apoien en difundir os novos proxectos e que nos incentiven na acción de goberno cunha análise rigorosa, seria e reflexiva, afastada de frivolidades, do noso traballo. A colaboración dos medios sempre foi esencial para os avances democráticos da sociedade actual.

Remato xa, non sen antes manifestar a miña lealdade á Constitución, ó Estatuto de Galicia e o ordenamento xurídico vixente que expresa a vontade do pobo ó que representamos, e do que procede a nosa lexitimidade para o exercicio da responsabilidade que hoxe asumo. E quero, finalmente, enviar un agarimoso recordo ós deputados da anterior Corporación e ós meus conveciños de Ribadumia, así como o meu afecto á miña familia.

Pontevedra, provincia líder en Galicia en tantas cousas, ben merece todos os nosos esforzos e desvelos. Por iso vos pido a todos, humildemente, o voso apoio e colaboración nesta ilusionante tarefa de acadar para ela máis altas cotas aínda de progreso, cultura e benestar. Grazas a todos pola vosa atención e pola vosa presenza.


Pontevedra, 27 de xuño de 2007
Rafael Louzán Abal
Presidente da Deputación de Pontevedra

Páxina Seguinte Páxina 1 [2] 3 4 5 6 7

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 01/08/2007 10:05
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/