[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 18 DE SETEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Saúdo do Presidente
Datos biográficos
Atribucións do Presidente
Artigos, discursos, ...
Axenda do Presidente
Álbum fotográfico
Entrevistas co presidente
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Ordenanzas
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Partidos xudiciais
Atención ó cidadán

Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7
ARTIGOS, DISCURSOS, ... 

Discurso para entrega das medallas
da provincia

É para min unha honra presidir, un ano máis, a entrega da Medalla de Ouro e das distincións da provincia, un acto que pretende homenaxear o traballo e o esforzo dos premiados porque considero que un pobo que honra as súas xentes se honra a si mesmo. E hoxe, aquí, no día da Patroa da provincia, a institución que representa a todos os pontevedreses, a Deputación de Pontevedra, quere render pública homenaxe a un grupo de persoeiros, de empresas e de institucións que, co seu labor constante e extraordinario, calado e responsable, veñen traballando arreo nas súas distintas ocupacións e profesións, para impulsar esta terra e para construír un futuro máis culto, máis solidario, máis rico e mellor. Nesta edición, o grupo de goberno desta Deputación acordou concederlle a máis alta distinción, a Medalla de Ouro da provincia de Pontevedra, ó Grupo Pescanova dirixido por Manuel Fernández-Sousa Faro.

Antes de avanzar na miña quenda de palabra quero facer unha pequena descrición de cada un dos premiados coas mencións honoríficas Traxectoria distinguida:

Unha das entidades merecedoras destes premios da provincia de Pontevedra, no eido da Acción Social, é o Grupo de Estudios sobre a Condición da Muller, Alecrín, que dirixe Ana Míguez. Ela e os seus colaboradores dedican os seus desvelos a conseguir a plena integración das mulleres na vida social, laboral, económica e cultural e desenvolven un inmenso labor de formación, información e prevención dirixido ás mozas e mozos no ámbito da saúde sexual, reprodutiva e afectiva.

Alecrín é un bo exemplo de que a maior revolución do século non foi nin o maquinismo, nin a chegada á Lúa, nin sequera a revolución informática. O maior cambio, o de máis transcendencia, foi a plena incorporación da muller ó mundo do traballo, da sociedade, da política, da cultura... Foi a plena afirmación da súa personalidade e dos seus dereitos. De tal xeito, e ata tal punto, que a sociedade, e particularmente os homes, houberon de revisar os seus roles e a súa formulación da vida.

Claro que aínda queda moito por facer e por cambiar. Pero nisto, coma en tantas outras cousas, tampouco importa onde estamos senón a dirección na que nos movemos, que é, exactamente, na que se move Alecrín.

Por isto quero felicitar, e sobre todo agradecer, o traballo de Ana Míguez e do seu equipo en favor da plena e real igualdade de oportunidades, da non-discriminación laboral, da oposición a toda marxinación ou da erradicación da pobreza e da violencia sexista.

No capítulo empresarial, o premio da Deputación de Pontevedra recaeu na Asociación Galega de Graniteiros. Sobre todo porque, recollendo a tradición histórica galega do uso da pedra, soubo revalorizala e apostar pola innovación tecnolóxica, pola investigación, pola mercadotecnia, polo I+D, pola prevención de riscos e pola protección do medio.

Deste xeito, mantendo un dos sinais de identidade de Galicia, como é a cultura da pedra, a Asociación de Graniteiros converteuse nunha referencia mundial do sector do granito pola súa proxección máis alá das nosas fronteiras. E converteuse en todo un símbolo da Galicia futura que todos queremos. Unha Galicia que sabe valorar os seus extraordinarios recursos e competir, con calidade e innovación, nun mundo de economía mundial e de libre mercado.

O noso premiado na sección de Cultura é Antón Lamazares, un artista que soubo conxugar o universal con ser un pintor de Lalín.

Lamazares é un dos máis recoñecidos e diferenciados pintores da arte española contemporánea, porque posúe talento e unha inesgotable capacidade de inventiva para elaborar unha obra clara e distinta. A súa pintura é unha viaxe ós temas que definen a condición humana, ó mundo do pasado e ó sentido existencial primario e primitivo, todo mesturado con referencias á sociedade contemporánea e á súa maneira de vivir. Os seus cadros, presentes nos máis representativos museos do mundo, son unha exploración de novos territorios e novas linguaxes para a arte.

Na persoa de Antón Lamazares perviven homes e mulleres antigos e modernos, galegos e universais. Dende un labrego da súa parroquia de Maceira a San Francisco; dende Borges ata Cunqueiro. E sempre mirando adiante, ó futuro, ó máis alá. Como a el lle gusta dicir pá diante, que pá atrais non hai sitio.

Del, que cre que a boa pintura é a capacidade para crear materia de asombro, podería dicirse que vai envellecer para todo, ata para o amor ou para a mentira. Pero nunca envellecerá para o asombro. Ese é o seu aval e a súa garantía dunha arte eterna, sempre nova e actual.

No eido deportivo, a Deputación de Pontevedra decidiu premiar á Federación Española de Piragüismo na persoa do seu presidente, Santiago Sanmamed Lora, pola súa decidida aposta e o seu apoio para a construción das pistas de piragüismo en Pontillón de Castro, en Pontevedra, e para a celebración na nosa provincia do Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas.

Hoxe, a nosa sociedade réxese por valores que poderiamos cualificar de deportivos. Son, entre outros, a vida sana, o ocio compartido, a xenerosidade no traballo, a vocación de servizo, a tolerancia, o traballo en equipo e, sobre todo, a consciencia de que o esforzo para acadar unhas metas ten sempre unha recompensa.

Por iso, este premio é un estímulo de cara á xuventude, para potenciar as actividades deportivas na provincia e para recoñecer o labor e o apoio prestado por este pontevedrés de pro que é Santiago Sanmamed.

A busca da excelencia e da calidade, partindo dunha sólida tradición histórica, é un dos maiores logros doutro dos nosos premiados, no apartado do Turismo: O Gran Hotel-Balneario da Toxa, pertencente ó Grupo Hesperia, que este ano celebra o seu centenario.

Dende que, a finais do século XIX, se fundara o primeiro local dedicado á hostalaría na illa, a chamada Fonda dos amigos, e se constituíra en 1903 a Sociedade Anónima A Toxa, pode dicirse que naceu o turismo en Galicia. Entre esa data e 1929 construíronse o Gran Hotel, o seu comedor e o seu balneario. Despois, as sucesivas melloras introducidas fixeron da Toxa un dos máis preclaros estandartes do turismo galego e do Gran Hotel a mellor Escola de Hostalaría de Galicia na práctica formativa.

A tal punto que, hoxe, o Gran Hotel Balneario da Toxa é o bastión do noso turismo, ese que conxuga tradición e modernidade e que ten como obxectivos irrenunciables, a través do noso organismo Turismo Rías Baixas, a calidade e a excelencia turística.

Dicir hoxe Gran Hotel da Toxa é dicir -ademais de lugar de ocio, saúde e descanso- un espazo de encontro e de debate de xentes, de iniciativas e de cultura. Con el, os nomes do Grove, de Pontevedra e de Galicia traspasaron as fronteiras e convertéronse nun dos máis importantes factores de atracción e de proxección do noso turismo: un auténtico faro que ilumina o turismo galego.

Nesta edición dos premios, a Medalla de Ouro da Deputación de Pontevedra foille concedida ó Grupo Pescanova, que dirixe Manuel Fernández-Sousa Faro. Pescanova é unha empresa exemplar e galega dende as súas orixes, na posguerra, a partir do denominado Grupo FAO que constituían Paz Andrade, Domingo Quiroga, José Fernández, López Capón e o ex-subsecretario da ONU e ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Osorio Tafall.

O compromiso con Galicia de Pescanova está fóra de toda dúbida. No eido cultural, baste lembrar a decisiva achega de José Fernández ó Museo de Pontevedra, onde unha sala especial e un edificio levan o seu nome en recoñecemento ás súas doazóns que permitiron que este museo sexa un dos máis importantes de España no seu xénero. Outras xentes vinculadas a Pescanova, como Álvaro Gil, colaboraron tamén co museo doando gran parte do Fondo Castelao de pintura e orixinais dos seus escritos. Hoxe, este decidido apoio de Pescanova ó Museo de Pontevedra renóvase coas achegas para o certame Novos Valores e para o propio centro que acaba de realizar o galardoado de hoxe, Manuel Fernández-Sousa Faro.

Pero se dende o punto de vista cultural Pescanova foi determinante para o rexurdir da cultura galega, ó comparar a sede da Fundación Penzol ou da primeira sede da Editorial Galaxia, por exemplo, dende o punto de vista social o seu labor foi e é aínda máis determinante. Coido neste senso que, coa concesión deste premio, a Deputación de Pontevedra fai xustiza a unha grande empresa, decisiva para o desenvolvemento de Galicia.

Pescanova é unha empresa locomotora que tira polos nosos sectores produtivos e pola economía galega, polo emprego, pola riqueza e polo desenvolvemento, pois fai políticas de modernidade, é básica para o I+D, xera emprego, frea a migración dos mozos e potencia os sectores produtivos de Galicia.

Pescanova, en fin, mostra un camiño que moitos entendemos como de compromiso con Galicia, o camiño do futuro que queremos para Galicia. Un futuro no que o mundo da empresa, da cultura ou do medio ambiente non son incompatibles, senón complementarios. No que se pode ter recoñecemento e proxección mundial sen deixar de ser galego. Un camiño no que as institucións e as empresas son instrumentos de primeira orde para valorar os nosos recursos, os extraordinarios recursos de Galicia. Pescanova móstranos cada día que é posible, e ata aconsellable, ver o mundo con ollos galegos.

Xa para rematar quero reiterar que, grazas a todos os galardoados, Pontevedra é hoxe máis universal, coñecida e recoñecida internacionalmente. É unha terra fortemente identificada polos seus sinais de identidade e pola capacidade loitadora, creativa, dialogante, aberta e polo dinamismo das súas xentes.

Felicidades a todos os premiados e ás súas familias e moitas grazas a todos por compartires con nós este acto que simboliza un dos feitos máis importantes para a provincia de Pontevedra.


Pontevedra, 9 de agosto de 2007
Rafael Louzán Abal
Presidente da Deputación de Pontevedra

Páxina Seguinte Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 06/09/2007 09:30
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/