[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 23 DE XULLO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Información económica e financeira
Ordenanzas
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
ORAL
IPESPO
Museo
Escola de Canteiros
Turismo Rías Baixas
Caixa Anticipos
Partidos xudiciais
Teléfono de contacto
Atención ó cidadán
Aviso Legal

Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7
ORGANISMOS AUTÓNOMOS 

Organismo autónomo provincial
“Caja de Anticipos de Cooperación”

Estatutos

CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Natureza xurídica

A Deputación de Pontevedra, no exercicio das competencias que lle son propias, de acordo cos artigos 26 a 36 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local (LBRL), e o artigo 30 do Real decreto lexislativo 781/1986, de 18 de abril, crea un organismo autónomo, con suxeición ó disposto no artigo 85.2 b) e 85 bis da citada lei, segundo a redacción dada a estes pola Lei 57/2003, de 16 de decembro, de medidas de modernización do goberno local, coa finalidade de cooperar ao financiamento das obras de competencia municipal, fundamentalmente as incluídas nos plans provinciais de Cooperación.

Artigo 2.- Denominación

Este organismo autónomo provincial denominarase “Caixa de Anticipos de Cooperación” e, como entidade de dereito público, goza de personalidade xurídica propia e independente, plena capacidade xurídica e autonomía económica e administrativa para cumprir os seus fins con suxeición ás leis.

Este organismo, creado e tutelado pola Deputación de Pontevedra, adscríbese á área de Cooperación da Deputación, dependente do deputado delegado de Cooperación.

Artigo 3.- Domicilio

O domicilio da Caixa de Anticipos de Cooperación queda establecido no Pazo da Deputación, rúa de Montero Ríos s/n, Concello de Pontevedra.

Artigo 4.- Obxecto

O obxecto primordial da Caixa de Anticipos de Cooperación será a de facilitarlles aos Entes Locais (mancomunidades, concellos, etc … ) cunha poboación inferior á que en cada momento se sinale nas bases ou normas reguladoras da concesión dos anticipos, financiación para investimentos e operacións de tesourería en concepto de anticipo reintegrable sen xuros a curto, medio e longo prazo.

Artigo 5.- Réxime xurídico

A Caixa de Anticipos de Cooperación ten personalidade xurídica propia e patrimonio propio, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar tanto no campo do Dereito público coma no do Dereito privado para o cumprimento dos seus fins con suxeición á lexislación que lle sexa aplicable. Así mesmo, goza das prerrogativas e beneficios fiscais que se establezcan nas Leis para as administracións públicas de tal natureza.

En consecuencia co anterior o Organismo autónomo provincial poderá:

a) Adquirir, vender, posuír, reivindicar, permutar, ceder, alugar e administrar o seu patrimonio.

b) Constituír, modificar, pospoñer e cancelar hipotecas e demais dereitos reais.

c) Conceder subvencións, créditos e empréstitos así como subsidiar os intereses devengados polos préstamos concedidos para as actuacións protexibles en materia de vivenda.

d) Concertar créditos e empréstitos para financiar as súas actividades nos termos establecidos na normativa de aplicación. Estes créditos poderán ir avalados nos termos de dita normativa.

e) Celebrar contratos e convenios.

f) Constituír e participar en sociedades, empresas, consorcios ou asociación.

g) Interpoñer os recursos establecidos e exercer as accións previstas nas leis.

A Caixa de Anticipos de Cooperación rexerá o seu funcionamento segundo a normativa fixada nos presentes estatutos, polo regulamento orgánico e funcional que se aprobe e polas disposicións da lexislación sobre réxime local aplicables ás deputacións provinciais.

CAPÍTULO II.- ORGANIZACIÓN

Artigo 6.- Órganos

Por razón da súa competencia os órganos do organismo autónomo provincial serán os seguintes:

1) Órganos de Goberno:

* Consello reitor

* Presidente nato

* Presidente executivo

* Vicepresidente

2) Órganos de Dirección e Administración:

* Director do Organismo Autónomo Caixa de Anticipos de Cooperación, que será o que exerza a xefatura do Servizo de Cooperación.

SECCIÓN 1ª Do Consello reitor

Artigo 7.- Composición do Consello reitor:

O Consello reitor estará formado polos seguintes membros:

* Presidente nato: O da Deputación de Pontevedra.

* Presidente executivo: O Presidente da Comisión de Cooperación ou o deputado provincial que designará o Pleno de entre os seus membros.

* Vicepresidente: un deputado provincial, que designará o Pleno da Deputación de entre os seus membros.

* Vocais: catro deputados provinciais, que designará o Pleno da Deputación de entre os seus membros, con presenza dos grupos políticos en proporción á súa representación no Pleno.

Ademais asistirán ás sesións con voz pero sen voto o secretario, interventor e o director.

Artigo 8.- Funcións do Consello reitor e dereitos dos seus membros

1) Son función do Consello reitor, ademais da organización e a alta dirección do organismo, as seguintes:

a) Aprobar o programa de actuación.

b) Aprobar a memoria anual da xestión realizada, así como o inventario de bens.

c) Aprobar o organigrama e o cadro de persoal.

d) Aprobar a proposta de modificación dos estatutos.

e) Aprobar as bases ou normas reguladoras para a concesión e xustificación dos anticipos.

f) Aprobar a proposta inicial do orzamento do organismo, así como a proposta das súas modificacións cando requiran a aprobación do Pleno da Deputación, en virtude do disposto no artigo 18.2 do TRLHL.

g) Aprobar anualmente a conta xeral para os efectos previstos no artigo 212 TRLHL, para a súa tramitación conxunta coa conta xeral da Deputación.

h) A resolución de expedientes por faltas graves ou moi graves cometidas polo persoal do organismo.

i) Aprobar, no seu caso, os criterios para asignarlle incentivos ó persoal cos límites das dotacións orzamentarias.

j) A concesión de anticipos reintegrables ós concellos.

k) Acordar que os recursos das entidades locais afectados en garantía se apliquen ó reintegro dos anticipos.

l) As demais que, non atribuídas especificamente nestes estatutos a algún dos órganos de goberno ou dirección, lle correspondan ó Pleno da Deputación, entre elas a creación ou participación en sociedades mercantís.

m) As equivalentes ás establecidas no réxime xurídico local para o Pleno da Deputación, coas excepcións previstas nestes estatutos e as que se poidan, en materia económica, establecer a través das bases de execución do orzamento, e nas bases reguladoras da concesión dos anticipos.

2) Os membros do Consello Reitor terán os seguintes dereitos:

a) Asistirán con voz e voto ás reunións do Consello

b) Poderán examinar os expedientes e cantos antecedentes se relacionen con asuntos comprendidos na orde do día con fin de coñecelos antes das deliberacións.

c) Poderán elevar ó Consello as mocións e propostas que estimen pertinentes, relativas ós fins do organismo.

d) Poderán solicitar coa suficiente antelación, petición de inclusión de asuntos na orde do día.

e) Terán dereito ás asistencias que se fixen nas bases do orzamento, incluídos todos os asistentes.

SECCIÓN 2ª Do presidente nato

Artigo 9.- Atribucións do presidente nato

O presidente nato da Caixa de Anticipos de Cooperación e o presidente da Deputación, e como tal terá as seguintes atribucións:

a) Representar a Caixa de Anticipos nos actos ou reunións ós que asista.

b) Presidir, cando asista, as sesións do Consello reitor e demais actos que teñan lugar.

SECCIÓN 3ª Do presidente executivo

Artigo 10.- Atribucións do presidente executivo

O presidente executivo da Caixa de Anticipos de Cooperación será o presidente da Comisión de Cooperación ou o deputado provincial que designe o Pleno de entre os seus membros, e como tal terá as seguintes atribucións:

a) Representar a Caixa de Anticipos de Cooperación e presidir as sesións dos órganos colexiados cando non o faga o presidente nato.

b) Dirixir o goberno e a administración da Caixa e, en xeral, as equivalentes ás establecidas no réxime xurídico local para o presidente da Deputación, coas excepcións previstas nestes estatutos e as que se poidan, en materia económica, establecer a través das bases de execución do orzamento, e nas bases reguladoras da concesión dos anticipos.

SECCIÓN 4ª Do vicepresidente

Artigo 11.- Atribucións do vicepresidente

O vicepresidente da Caixa de Anticipos de Cooperación, que será un deputado provincial designado polo Pleno da Deputación de entre os seus membros, terá as seguintes atribucións.

a) Substituír o presidente executivo nos casos de ausencia, vacante, ou enfermidade, asumindo as súas funcións con carácter provisional cando o titular cesase no cargo.

b) Exercer todas aquelas funcións que lle delegue o presidente executivo e, de ser o caso, o presidente nato.

SECCIÓN 5ª Do director

Artigo 12.- O director do organismo autónomo será o que exerza a xefatura do Servizo de Cooperación

Correspóndenlle ó director as facultades seguintes:

a) Todas aquelas que, no seu caso, lle sexan expresamente atribuídas, no seu caso, polo regulamento orgánico ou calquera outra encomendada polo Pleno da Deputación, polo Consello reitor ou polo presidente.

b) A inmediata dirección e administración do organismo, da que lle dará conta periodicamente ó Consello reitor e, a continuación, ó seu presidente.

c) Cumprir e facer cumprir os acordos do Consello reitor e dos presidentes.

d) En particular, son funcións propias do director:

1) Ditar actos administrativos, en relación ó exercicio das funcións de xestión que lles correspondan.

2) Dirixir, organizar e xestionar o organismo, supervisar e inspeccionar as actividades que constitúen o seu obxecto.

3) Autorizar, por delegación da Presidencia para realizar horas extraordinarias, comisión de servizos con dereito a indemnización así como a resolver os expedientes de devolución de ingresos indebidos.

4) Exercer a representación do organismo por delegación da Presidencia.

5) Realizar a xestión económica de acordo co orzamento aprobado e de acordo coas competencias que se lle atribúan nas bases de execución do orzamento.

SECCIÓN 6ª Das funcións de Secretaría, Intervención e Tesourería

Artigo 13.- Secretaría, Intervención e Tesourería

As funcións propias de Secretaría, Intervención desempeñaranas os titulares da Deputación Provincial ou, mediante delegación, por funcionarios da Deputación ou do propio organismo. As funcións de Tesourería desempeñaranse, no seu caso, de acordo co que se estableza nas bases de execución do orzamento.

CAPÍTULO III.- RÉXIME DE SESIÓNS

Artigo 14.- Sesións

1) O Consello reitor reunirase, previa convocatoria efectuada a iniciativa do seu presidente ou a petición de tres dos seus membros, tantas veces como sexa necesario para o bo funcionamento do organismo e, ordinariamente, polo menos una vez cada tres meses (trimestre).

2) A convocatoria do Consello reitor, salvo en casos de urxencia apreciada polo seu presidente executivo, cursaranse por escrito, directa e persoalmente, polo menos con dous días hábiles de antelación e irá xunto coa orde do día da sesión.

3) O Consello reitor quedará validamente constituído cando concorran ás reunións, polo menos, tres deputados membros, sempre que un deles sexa o presidente (nato, executivo ou vicepresidente) e asista o secretario. Non poderá ter lugar ningunha sesión sen a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas que legalmente os substitúan.

4) Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. En caso de empate o presidente terá voto de calidade.

5) No non previsto aplicarase a normativa sobre o funcionamento e réxime de sesións do Pleno da Deputación, segundo determina a lexislación de réxime local, excepto no relativo á súa publicidade e da información e participación cidadá.

CAPÍTULO IV.- ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA

Artigo 15.- Persoal

O persoal do organismo estará integrado por:

a) Funcionarios propios do organismo

b) Persoal laboral contratado polo organismo

c) Persoal funcionario ou laboral adscrito á Deputación

d) Outro persoal colaborador da Deputación

Artigo 16.-Regulación do persoal

1) O persoal funcionario quedará sometido á mesma regulación que os funcionarios da propia Deputación. Dependerán funcionalmente do presidente do organismo e percibirán as súas remuneracións do organismo autónomo.

2) O persoal laboral quedará sometido á mesma regulación có persoal laboral da propia Deputación. Dependerán funcionalmente do presidente do organismo e percibirán as súas remuneracións do organismo autónomo.

3) A contratación ou nomeamento como persoal propio do organismo autónomo non lles conferirá ós empregados a condición de persoal funcionario ou laboral da Deputación de Pontevedra, tendo en conta a natureza xurídica do organismo e da relación contractual existente.

Artigo 17.- Retribucións

As retribucións de todo o persoal fixaranse cada ano no orzamento do organismo, respectando os límites legais e os acordos regulados en convenio nas normas emanadas da Deputación.

CAPITULO V.- RÉXIME PATRIMONIAL

Artigo 18.- Patrimonio

Constitúe o patrimonio da Caixa de Anticipos de Cooperación

a) Os bens que son titularidade do organismo

b) Os bens que a Deputación de Pontevedra lle transfira ó organismo

c) Os bens que adquira por calquera título lexítimo e que sexan convenientes ou necesarios para a consecución dos seus fins

d) Os produtos, rendas e incrementos dos seu propio patrimonio

e) Calquera outro que se lle poida atribuír segundo as disposicións en vigor

Artigo 19.- Recursos

Os recursos financeiros da Caixa de Anticipos de Cooperación estarán integrados por:

a) Achegas da Deputación

b) Produto de operacións de crédito

c) Rendementos do patrimonio do organismo e outros de dereito privado

d) Taxas e prezos públicos

e) Calquera outro recurso que lle poida ser legalmente atribuído

Artigo 20.- Inventario

A Caixa de Anticipos formará e manterá actualizado un inventario da totalidade dos seus bens e dereitos que constitúan o seu patrimonio, así como os que lle foran adscritos para o cumprimento dos seus fins, coa única excepción dos de carácter funxible.

O inventario revisarase, no seu caso, anualmente con referencia ó 31 de decembro de cada de ano, e remitiráselle á área económico- financeira da Deputación.

CAPÍTULO VI.- RÉXIME ECONÓMICO-FINANCIERO

SECCIÓN 1ª: Contratación, financiamiento e planificación

Artigo 21.- Réxime de contratación

A contratación da Caixa de anticipos réxese pola normativa de contratos aplicable ós contratos da Deputación.

Artigo 22.- Operacións financeiras

A Caixa de Anticipos poderá concertar operación de crédito en tódalas súas modalidades. Non obstante, precisará a autorización previa do Pleno da Deputación e o informe de Intervención para a concertación de operacións de crédito a longo prazo, conforme o disposto no R.d.l. 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de facendas locais (no sucesivo TRLHL).

SECCIÓN 2ª: Contabilidade e control

Artigo 23.- Contabilidade

1) A Caixa de Anticipos estará sometida ó réxime de contabilidade pública nos termos establecidos no TRLHL, nas bases de execución do orzamento da Deputación en nas específicas do propio organismo autónomo.

2) Sen prexuízo da facultade de fiscalización que lle corresponde á Intervención serán competencias desta levar a contabilidade pública establecida pola citada lei e as disposicións que a desenvolvan. Para a retirada ou saída de fondos ou cargos nas contas bancarias do organismo son necesarias as sinaturas que se determinen nas bases de execución do orzamento.

3) A contabilidade do organismo levarase a cabo axustándose ó plan de contas e outras normativas aplicables ós organismos autónomos locais dependentes da Deputación.

4) As contas do organismo terá que rendelas o presidente e someteranse ó Consello reitor, órgano que as aprobará inicialmente, elevándoas á Deputación para que poidan ser integradas no conta xeral da entidade.

Artigo 24.- Réxime de control

A Deputación de Pontevedra exercerá, coa extensión e efectos que se determina no TRLHL e nas bases xerais e específicas de execución do orzamento xeral, as funcións de control interno na súa tripla acepción: función interventora, función de control financeiro e función de control de eficacia.

SECCIÓN 3ª: Réxime orzamentario

Artigo 25.- Elaboración do orzamento

O Consello reitor aprobará inicialmente o orzamento anual da Caixa de Anticipos, que lle será remitido antes do 15 de setembro de cada ano á Deputación co fin de que poida ser integrado no seu orzamento xeral e aprobado polo Pleno da Deputación.

CAPÍTULO VII.- FACULTADES E TUTELA DA DEPUTACIÓN

Artigo 26.- Tutela

1) A función tutelar do organismo autónomo será exercida pola Deputación de Pontevedra, que a levará a cabo por medio dos seus órganos competentes de área á que queda adscrito o organismo.

2) As facultades tutelares acadarán todos aqueles actos que requiran a aprobación do Pleno da Deputación, enumerados ó longo dos presentes estatutos e os que estableza a lexislación de réxime local.

3) O presidente da Deputación poderá suspender os acordos do organismo autónomo cando se refiran a asuntos que non sexan da súa competencia, constituíndo unha infracción manifesta das leis ou por calquera causa que atente gravemente os intereses da Deputación. Así mesmo, poderá reclamar dos seus órganos de goberno a administración toda clase de informes e documentos, así como ordenar as inspeccións que considere oportunas.

CAPÍTULO VIII.- MODIFICACIÓN E DISOLUCIÓN

Artigo 27.- Modificación

A aprobación das propostas de modificación destes estatutos esixirá o voto favorable da maioría absoluta legal dos membros do Consello reitor.

Artigo 28.- Disolución

1) A Caixa de Anticipos terá unha duración indefinida, determinada polo cumprimento das finalidades recollidas nos presentes estatutos.

2) O organismo autónomo provincial poderá disolverse por:

a) Imposibilidade legal ou material de realizar os seus fins.

b) Acordo do Pleno da Deputación de Pontevedra.

c) E calquera outra circunstancia legal.

Se extinguise a Caixa de Anticipos a Deputación sucederalle universalmente.

No caso de extinción da Caixa de Anticipos a Deputación será o sucesor universal.

Declarada a disolución o Consello reitor transformarase en comisión liquidadora do organismo autónomo co obxecto de determinar e valorar os bens, dereitos e obrigas que constitúen o seu patrimonio e, no prazo máximo de tres meses, elevará a súa proposta á consideración da Deputación de Pontevedra.

CAPÍTULO IX.- RÉXIME XURÍDICO DOS ANTICIPOS REINTEGRABLES

SECCIÓN 1ª: Natureza, normativa aplicable e procedemento de concesión

Artigo 29.- Natureza e réxime xurídico dos anticipos

Os anticipos reintegrables participan dunha dobre natureza xa que por un lado se trata da concesión dunha operación de crédito, e como estes anticipos se conceden sen esixir xuros, tamén teñen natureza de subvención (artigo 2-4, h da Lei xeral de subvencións).

En termos puramente financeiros trátase dunha operación de crédito e non de préstamo xa que se entrega por disposicións e caduca o contrato se non se dispón no período de disposición.

Artigo 30.- Normativa aplicable

Esta dobre natureza xurídica determina que os anticipos reintegrables deban dar cumprimento á seguinte normativa:

a) En canto operación de crédito: a normativa reguladora destas operación aplicable á Deputación.

b) En canto subvención: a normativa reguladora das subvencións aplicable á Deputación.

c) Con carácter xeral deberán cumprir coa normativa prevista nestes estatutos e nas normas reguladoras que se aproben cada ano para a súa concesión.

Artigo 31.- Procedemento de concesión dos anticipos reintegrables

A concesión dos anticipos reintegrables farase, con carácter xeral, polo procedemento de concorrencia competitiva; non obstante, poderase, nas normas reguladoras do procedemento de concesión reservar unha parte do crédito para a súa concesión directa, para aqueles supostos nos que proceda de acordo coa normativa reguladora das subvencións que concede a Deputación.

Os demais aspectos propios do procedemento de concesión de anticipos; tales como; entidades locais que poden recibir anticipos reintegrables, requisitos que deben cumprir as entidades locais, prazos (presentación de solicitudes, de resolución do procedemento, etc…), criterios de concesión e cuantificación, procedemento e xustificación; regularanse nas bases ou normas reguladoras da concesión que se aprobarán e publicarán en cada exercicio.

SECCIÓN 2ª: Finalidades e características dos anticipos reintegrables

Artigo 32.- Finalidades para as que se poden conceder anticipos reintegrables

Os anticipos reintegrables pódense conceder para as seguintes finalidades:

* Para facer fronte ás achegas dos entes locais ós investimentos incluídos en plans provinciais de cooperación, en investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como naqueles outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou a Comunidade Autónoma.

* Para o resto de investimentos en obras e servizos dos entes locais.

* Operacións de tesourería

Artigo 33.- Características dos anticipos reintegrables

Os anticipos reintegrables que concede a Caixa de Anticipos terán as seguintes características:

* Importe máximo que se pode conceder: nas normas ou bases reguladoras da concesión poderase fixar unha limitación en termos relativos co total custo do investimentos ou en termos absolutos.

* Prazo máximo para dispoñer do anticipo: o prazo para dispoñer do crédito será como máximo de dous anos, a contar dende a sinatura do contrato. En casos especiais, debidamente xustificados, poderase prorrogar por un período máximo de ata un ano.

* Prazo máximo de amortización: o prazo máximo de amortización será de ata 15 anos, excepto os anticipos para xustificar subvencións, nos que o prazo será como máximo de dous anos. Nas bases reguladoras da concesión poderanse establecer outros prazos máximos.

* As amortizacións faranse por períodos naturais anuais ou fracción.

* O importe de cada amortización anual será o resultado de dividir o saldo disposto entre os anos ou fracción dos anos nos que se pretenda facer a amortización.

* Prazo de inicio de amortización: a amortización das cantidades dispostas comezará no exercicio no que finalice a disposición do anticipo, no que finalice o prazo para a disposición do anticipo ou, de ser o caso, ó finalizar o período de carencia.

* Período de carencia: nas bases ou normas reguladoras poderase establecer a posibilidade de fixar un período de carencia para a amortización dos anticipos.

* Xuros: os anticipos que se concedan non reportan xuros.

* Comisións: o 2 por cento, por unha soa vez, para facer fronte ós gastos de administración e esixirase antes da formalización do contrato.

As demais características dos anticipos reintegrables regularanse nas bases ou normas reguladoras que se aproben en cada exercicio para a concesión de anticipos reintegrables.

DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA

En todo o que non estea expresamente regulado nos presentes estatutos resultará de aplicación a lexislación de réxime local aplicable ás deputacións e, de modo supletorio, as normas que configuran o réxime xurídico dos organismos autónomos do Estado.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 [3] 4 5 6 7

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 21/04/2009 13:52
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/