[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 19 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Deportes
Páxina Principal
Servizos
Deportes
Plan Deportes 2008
Subvencións
Asociacións e clubs deportivos
Clubs e deporte base
Arreglo e mellora de campos deportivos
Convenios
Festa do Deporte Provincial
Festa da Bicicleta
Escolas deportivas

Páxina [1] 2
DEPORTES 

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

BASES DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A AGRUPACIÓNS E CLUBS DEPORTIVOS
SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA ACTIVIDADES DEPORTIVAS
E INFRAESTRUTURAS 2008

bases | formularios

BASES

A Xunta de Goberno desta Deputación provincial, na súa sesión ordinaria do día 2 de xaneiro de 2008, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

BASES DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A AGRUPACIÓNS E CLUBS DEPORTIVOS
SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA ACTIVIDADES DEPORTIVAS
E INFRAESTRUTURAS 2008

A Deputación, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas e coñecedora das carencias que teñen aqueles que desexan realizar a súa práctica, establece as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas destinadas a promocionar, fomentar e impulsar as actividades e investimentos deportivos, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia.

1.— OBXECTO
A finalidade desta convocatoria é apoiar as entidades e clubs deportivos sen animo de lucro na realización de actividades deportivas e infraestructuras durante o ano 2008.

A concesión das axudas estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2008, convocándose as subvencións que a continuación se detallan:

MATERIAPROGRAMAPARTIDAORZAMENTO
DEPORTESA/08Actividades deportivas08/451.452.489.04150.000,00 €
B/08Persoas físicas08/451.452.489.0721.000,00 €
C/08Infraestruturas08/451.452.789.04150.000,00 €

O programa A/08 “actividades deportivas” vai dirixido ó financiamento de campionatos e eventos deportivos que desenvolverán os clubs ou entidades deportivas ó longo do ano 2008.

O programa B/08 “persoas físicas” vai dirixido ó financiamento de campionatos ou eventos deportivos de relevancia nacional ou internacional nos que participen os deportistas da provincia.

O programa C/08 “Infraestruturas”vai dirixido ó financiamento do arranxo de instalacións deportivas non municipais.

2.— BENEFICIARIOS
Poderán solicitar estas axudas todas as agrupacións e clubs deportivos legalmente constituídos e persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Carecer de fins de lucro (acreditarao en declaración responsable o solicitante).
  2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia ou sobre temas de interese para a provincia.
  3. Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.
  4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

3.— SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura, Xuventude e Deportes ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  1. Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.
  2. Fotocopia cotexada do DNI do representante legal.
  3. Memoria explicativa da actividade concreta ou do investimento asinada polo representante.
  4. Orzamento detallado dunha actividade concreta e determinada ou, no seu caso, do investimento asinado polo representante. A entidade haberá de solicitar, polo menos, tres ofertas de distintos provedores no caso de que o gasto sexa superior a 30.000 €, para a realización de obras ou superior a 12.000 € para a adquisición de equipamento.
  5. No caso de realización de obras ou investimentos acreditación da titularidade do ben.
  6. Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade ou investimento a subvencionar.
  7. Declaración de non estar incurso en causas de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria.
  8. Declaración responsable de estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social
  9. Declaración do número de licenzas federativas.
  10. Certificación orixinal dos datos bancarios ou ben copia cotexada a nome da entidade peticionaria.

As entidades poderán autorizar a Deputación de Pontevedra para solicitar as certificacións de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social.

As entidades só poderán solicitar unha subvención por cada programa, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude.

Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámites.

4.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Deputación e na forma establecida no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes comezará ó día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia e rematará o 28 de febreiro de 2008.

5.— VALORACIÓN E CONCESIÓN
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para adxudicación das axudas os seguintes criterios:

  1. Categoría da agrupación ou club, ata 15 puntos.
  2. Número de licenzas federativas, ata 15 puntos.
  3. Antigüidade da agrupación ou club deportivo, ata 10 puntos.
  4. Orzamento total do investimento e porcentaxe solicitada de financiamento, ata 30 puntos.
  5. Adecuación das actividades ou investimentos que se van realizar ó interese provincial, ata 30 puntos.

As propostas de concesión de subvencións someteranse ó dictame da Comisión de Xuventude e Deportes.

Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario, aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose a estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total destes programas para a súa concesión directa, tal como se establece na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo real da actividade ou da adquisición ou da mellora a desenvolver polo beneficiario.

6.— RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA
A instrucción do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao Xefe do Servizo de Cultura e Deportes, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no art. 24 da Lei Xeral de Subvencións.

As solicitudes de subvención para cada un dos programas serán avaliadas conforme ós criterios sinalados anteriormente, pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente:
    - O Deputado-Presidente da Comisión de Deportes e Xuventude
  • Vogais:
    - Dous/dúas técnicos do servizo de Cultura e Deportes.
    - Un/unha Técnico do servizo de Intervención.
  • Secretario:
    - Actuará como secretario, sen voto, un/unha funcionario/a do Servizo de Cultura e Deportes.

A Comisión de Valoración poderá:

  1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver.
  2. Solicitar a reformulación da solicitude e do proxecto.
  3. Emitir informe respecto das solicitudes de subvención.

7.— REFORMULACIÓN DE SOLICITUDES
Unha vez notificado a resolución de concesión, despois de solicitude razoada do beneficiario da subvención, poderá autorizarse a reformulación da solicitude inicial, mediante o cambio dos obxectivos ou conceptos concretos que se detallan na memoria ou presuposto da solicitude, sempre que se manteña a finalidade da subvención.

Esta solicitude de reformulación deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución da Presidencia, logo da proposta previa da comisión avaliadora que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

  • Se o orzamento da nova actividade ou investimento é superior ou igual ó orzamento subvencionado inicial, manteranse as mesmas condicións da subvención concedida:importe da subvención e orzamento subvencionado.
  • Se o orzamento da nova actividade ou investimento é inferior ó orzamento subvencionado inicial, a comisión avaliadora, logo do informe previo do Servizo de Cultura, deberá determinar o novo importe da subvención e o novo orzamento subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos.

8.— XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO
Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizada a actividade ou o investimento os beneficiarios deberán xustificalas no prazo máximo de tres meses e en todo caso antes do 31 de marzo de 2009.

Para o cobro da subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

  1. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando cada factura, número de unidades, prezos unitario destas e custo total de cada unidade.
  2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran en dita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontra no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación do seu exame, tal como se establece na base 25.8º.2c das de execución do vixente orzamento provincial.
  3. Os gastos xustificados deberán axustarse no posible ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
  4. No caso de subvencións de execución de obras ou instalacións que superen os 12.000 euros poderase esixir un informe previo do técnico provincial.
  5. No caso da realización d investimento por administración será necesario achegarlle á certificación a xustificación de todos os gastos relacionados nela informando o técnico provincial que estes se axustan ó orzamento ou proxecto previo.
  6. Declaración de non ter recibido outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada.
  7. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Intervención.
  8. A xustificación deberá ir xunto cunha memoria da actividade ou do investimento realizado dos resultados obtidos.
  9. Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da Deputación da actividade ou investimento subvencionado, sendo suficiente a declaración responsable do representante de ter feito esta.

Para o pagamento da subvención terase en conta o seguinte:

  • No caso de que se xustifique gasto polo 100 % do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.
  • No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100%, aboarase a parte proporcional da subvención.

O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

Os gastos de aloxamento, gastronómicos e desprazamentos admitiranse soamente cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para esta. Os gastos gastronómicos non superarán o 50 % da subvención concedida, obrigándose os beneficiarios a explicalos detalladamente.

9.— DEVOLUCIÓN E REINTEGRO
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requiridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.

10.— ÓRGANO DE APROBACIÓN

  1. De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para o 2008, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

    A resolución do procedemento notificaráselles aos interesados conforme ao previsto no art. 58 da Lei 30/92, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. O vencemento do prazo máximo sen terse notificada a resolución, lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de subvención.

  2. Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes.

    Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar: neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo coo se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da Xurisdición Contencioso-administrativa (tras modificación dada pola Lei 19/2003, de 23 de decembro) no prazo de dous meses. Asemade, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entende desestimado.

11.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercizo 2008 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003), e demais lexislación de desenvolvemento.

Pontevedra, 9 de xaneiro de 2008


Boletín Oficial da Provincia, data 16/01/2008, número 11, páxina 9, anuncio 2008000276.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 16/01/2008 13:08
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/