[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 19 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2
SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Programa de Acción Comunitaria

Bases | Anexos

A Xunta de Goberno desta Excma. Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 20 de febreiro de 2008, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Fóra da Orde do Día, e previa declaración de urxencia adoptáronse os seguintes acordos:

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC), PARA O EXERCICIO 2008

1.— OBXECTO
A finalidade desta convocatoria e apoiar ás Agrupacións Veciñais na realización de investimentos, tanto obras como adquisicións, durante o ano 2008.

Os obxectivos dos investimentos que se financiarán con cargo a este programa serán os seguintes:

  1. A mellora do medio rural e barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, que permita ós seus habitantes unhas adecuadas condicións de vida.
  2. O desenvolvemento das Agrupacións Veciñais ó obxecto de aumentar a súa capacidade para resolver os seus problemas. Dita solución requerirá a unión de recursos, esforzos e vontades.

Poderán ser obxecto da subvención:

  1. As obras incluídas nos artigos 25 e 26 da Lei 7/85 de 2 de abril, de Réxime Local, coa excepción da compra de terreos.
  2. Adquisicións que teñan relación coas materias antes ditas.

2.— FINANCIAMENTO
O seu financiamento e réxime acomodaranse ó determinado nestas Bases.

Dito Programa, por importe de un millón douscentos mil (1.200.000,00) euros, financiarase con cargo ó Orzamento de 2008, partida 911.514.789.07, que poderá incrementarse mediante suplementación de créditos.

3.— REQUISITOS
As actuacións comunitarias serán caracterizadas pola concorrencia dos seguintes requisitos:

  1. Libre determinación dos veciños na elección das obras que desexan executar.
  2. Voluntariedade na participación e liberdade de ditos veciños sobre a forma de organizarse.

4.— BENEFICIARIOS
Poderán solicitar estas axudas tódalas Agrupacións Veciñais que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Carecer de fins de lucro
  2. Desenvolvelas súas actuacións no ámbito territorial do municipio o que pertenece.
  3. Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.
  4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

5.— SOLICITUDES E DOCUMENTACION
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cooperación ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  1. Proxecto ou memoria explicativa do investimento concreto, acompañado de croquis de situación, asinado polo representante.
  2. Orzamento do investimento a realizar, ben sexa obra ou adquisicións de suministros ou equipamentos.
  3. Declaración responsable na que conste o conxunto dos acordos adoptados polos veciños para a realización das obras ou adquisicións, en réxime de Acción Comunitaria, co nomeamento dun representante único da Agrupación e identificación do mesmo, sinalando expresamente o compromiso de completar o financiamento da obra mediante a achega do traballo, transporte, maquinaria ou metálico, así como de asumir os riscos que puideran xurdir con ocasión da prestación antes citada.
  4. Declaración responsable na que conste se a Agrupación de Veciños obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien a actividade ou investimeno a subvencionar, e compromiso de comunicar a Deputación as que se obteñan nun futuro.
  5. Acta de constitución da Agrupación Veciñal, e fotocopia cotexada do CIF. do representante da mesma, no caso de contar con él
  6. Declaración responsable de estar ó corrente das obrigacións tributarias (Estado e Deputación) e coa Seguridade Social.
  7. Declaración de non estar incurso en causas de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria.
  8. Certificación da sucursal correspondente da conta bancaria na que haberá de ingresarse o importe da subvención, que debe estar a nome da Agrupación ou como mínimo de tres titulares que figuren na Acta de constitución da mesma.

As Agrupacións só poderán solicitar unha subvención por cada investimento, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude.

Dado o carácter municipal das actuacións a realizar en réxime de acción comunitaria, incumbe ás Agrupacións Veciñais obter as licenzas necesarias para acometelas obras solicitadas, consonte dispón o Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Disciplina Urbanística e demais disposicións aplicables.

Solicitarán licenza do Concello, sen prexuizo das autorizacións ou concesións que sexan necesarias outorgar polos organismos competentes, unha vez concedida a subvención pola Diputación.

Se o escrito de solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites.

6.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACION
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións, que se acollan a este programa, comenzará ó día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia, sendo de 45 días naturais.

7.— DESTINO
O importe total das subvencións públicas destinadas a financiar obras en réxime de Acción Comunitaria utilizarase exclusivamente:

  • Tratándose de obras, na adquisición de materiais e/ou alugamento de maquinaria, e
  • Tratándose de subministros, na adquisición dos mesmos.

8.— COMPATIBILIDADE
Estas axudas serán compatibiles con outras axudas ou subvencións concedidas por outras entidades para a mesma obra ou adquisición, pero en ningún caso o volume das mesmas poderá superar o custo da actividade a realizar. A tal efecto comunicarase a Deputación Provincial de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración, incluida a propia Deputación, u outros entes públicos ou privados, nacionais ou extranxeiros.

9.— SELECCION E CONCESION
A asignación de axudas ou subvencións das distintas obras ou adquisicións farase en función dos seguintes criterios:

  1. Número de veciños beneficiarios afectados da obra ou adquisición para a que se solicita a subvención.
  2. Incidencia e interés municipal ou provincial.
  3. A potencialidade económica da Agrupación Veciñal que solicita a realización de obras con cargo a este programa de Acción Comunitaria.
  4. A necesidade das obras ou adquisicións apreciada en razón da súa urxencia, estado material e condicións de uso.
  5. Outras circunstancias globais de interese socioeconómico, que a xuízo do órgano competente se deban considerar.

A instrucción do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó Xefe de Servicio de Cooperación Municipal, que realizará de oficio cantas actuación estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no art. 24 da Lei Xeral de Subvencións.

As solicitudes de subvención serán avaliadas conforme ós criterios sinalados anteriormente, pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente:
    O Presidente da Deputación ou Deputado en quen delegue
  • Vogais:
    O Presidente da Comisión Informativa de Cooperación Municipal e un Técnico do Servicio de Cooperación.
  • Secretario:
    Actuará como secretario, sen voto, un/unha funcionario/a do Servicio de Cooperación.

A Comisión de Valoración poderá:

  1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver.
  2. Emitir informe respecto das solicitudes de subvención.

As propostas de concesión de subvencións someteranse ó informe da Comisión Informativa de Cooperación Municipal. Sendo procedemento ordinario de concesión das axudas o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose a estes efectos a Presidencia ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal como se preveé na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá supera-lo 100% do custo real da actividade ou da adquisición ou da mellora a desenvolver polo beneficiario.

10.— REFORMULACION DE SUBVENCIONS
Os beneficiarios dunha subvención, por razóns xustificadas poderán solicitar a reformulación da subvención concedida, antes de que o órgano competente acorde a concesión da mesma. Neste momento e cando os beneficiarios poderán axustar o orzamento da solicitude á subvención otorgada. A nova subvención terá que ser aprobada polo órgano competente para a súa concesión e, en todo caso, terá que respetar o obxecto e demais requisitos previstos nas bases desta convocatoria e demais normas reguladoras de subvencións.

11.— MODIFICACIONS DE SUBVENCIONS
As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou rexeitan expresamente no prazo de dez días contados desde a súa notificación.

Unha vez recaída a resolución de concesión, poderase solicitar a modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria.

A modificación deberá ser solicitada antes de que conclúa o praza para a xustificación da actividade subvencionada.

12.— XUSTIFICACION E ABOAMENTO DAS SUBVENCIONS

  1. Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizado o investimento, ben sexan obras u adquisicións, os beneficiarios deberán xustificalas antes do día 31 de outubro do 2009.
    Se non puidesen executalas no prazo establecido, poderase solicitar unha ampliación do prazo establecido para a xustificación que non exceda da metade do mesmo.
  2. Será esixida a xustificación do 100% do presuposto presentado para recibir a totalidade da subvención.
    No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100% do orzamento subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.
  3. Para recibilas subvencións concedidas, de acordo con estas bases, cómpre presentar, directamente na Deputación Provincial, os seguintes documentos:
    1. Facturas orixinais, ou fotocopias compulsadas, conformadas polo Presidente da Agrupación Veciñal, con indicación do DNI. Admitíndose só aquelas que inclúan materiais, alquiler de maquinaria, ou a realización dalgunha adquisición. A xustificación con facturas será, como mínimo, polo importe da subvención concedida.
    2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo (identificando: acreedor e documento, importe, data de emisión, si é posible, data na que se pagou; información, no seu caso, das desviacións con relación o orzamento que serviu de base á concesión). Asimesmo, presentarase unha declaración da Agrupación de Veciños de darlle difusión a actividade ou investimento subvencionado, facendo constar a colaboración da Deputación-Area de Cooperación.
    3. Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose maís que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
    4. Informe dos técnicos provinciais correspondentes ó obxecto de comprobar a realidade da inversión e que a obra executada se axusta ó previsto no proxecto ou orzamento ou, no seu caso, memoria valorada.
    5. Declaración responsable de non ter recibido outras subvencións de Administracións Públicas ou detalle do financiamento obtido para a finalidade subvencionada e declaración responsable de que os ingresos obtidos non superan o custo da mesma.
    6. Acreditación de estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Intervención.
    7. A Xustificación deberá acompañarse dunha memoria da actividade ou do investimento realizado e dos resultados obtidos, debidamente asinada polo representante da Agrupación.

O aboamento da subvención practicarase directamente á Agrupación Veciñal na conta bancaria indicada por esta.

13.— CAMBIO DE APLICACION
Non se admitirá o cambio de aplicación da subvención se non se solicita antes do 31 de marzo do 2009, sempre que existan razóns excepcionais que o aconsellen e así o decida o Presidente ou Vicepresidente en quen delegue, e que se poida realizar a nova obra no prazo de execución que se establece para as que se acollan a este programa

14.— DEVOLUCION E REINTEGRO
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requeridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprilo beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.

As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de réxime xurídico das Administracións Públicas. Asímesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación.

15.— APROBACION DAS BASES
De acordo co establecido na Base 16.2 das de execución do orzamento para o 2008, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei Xeral de Subvencións e demais lexislación aplicable, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

16.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2008, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003), no Real Decreto 887/2006, de 21 de julio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e demáis lexislación aplicable.

17.— RECLAMACIÓNS
Contra o acordo da aprobación destas bases que pon fin á via administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto nos artigos 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo Reguladora da Xurisdicción Contencioso-Administrativa, e todo iso no prazo establecido no artigo 46 da citada Lei.

Todo iso sen prexuízo de que poida utilizar calquera outro recurso que estimen conveniente.

Pontevedra, 26 de febreiro de 2008
O SECRETARIO
ilexible

Boletín Oficial da Provincia, data 06/03/08, número 47, páxina 31, anuncio 2008002241.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 06/03/2008 14:47
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/