DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS POR
PARTE DO ORAL

ARTIGO 1º.—FUNDAMENTO E NATUREZA

    No uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85 (LRBRL), e de conformidade co disposto nos artigos 15 ó 19 do R.d. lexislativo 2/2004, que aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e o artigo 132 do mesmo texto, o Pleno da Deputación de Pontevedra acorda a imposición e ordenación da taxa por expedición de documentos administrativos.

Art. 2º.—OBXECTO DA TAXA

    Ten por obxecto gravar a expedición de documentos que leve a cabo o ORAL no ámbito funcional da súa actividade, a instancia de parte.

Art. 3º.—FEITO IMPOÑIBLE

    Estará constituído pola actividade administrativa desenvolvida, a instancia de parte, para tramitación e expedición dos seguintes documentos:
    1. Impresos e documentos de acreditamento catastral.
    2. Certificacións de actos, acordos, resolucións e calquera antecedente.
    3. Compulsa de documentos.

Art. 4º.—SUXEITO PASIVO

    Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35 da Lei 58/2003, xeral tributaria, de 17 de decembro, que soliciten os documentos e promovan a actividade administrativa para a súa expedición e formalización.

Art. 5º.—RESPONSABLES

    Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei xeral tributaria.
    Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que se sinala no artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Art. 6º.—BENEFICIOS FISCAIS

    Por aplicación do artigo 9 do R.d. lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e pola natureza e obxecto do gravame, non se recoñecen exencións, reducións nin bonificacións para a aplicación desta taxa.

Art. 7º.—COTA TRIBUTARIA

    A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa, sinalada segundo a natureza dos expedientes ou documentos para tramitar, segundo a tarifa que contén o artigo seguinte.

Art. 8º.—TARIFA

    A taxa cuantificarase e esixirase de acordo coa seguinte tarifa:

    1. IMPRESOS E DOCUMENTOS DE ACREDITACIÓN CATASTRAL

    • 1.1.—Entrega de impresos: por cada xogo de impresos de declaración de alteración de titular catastral aboarase o importe que figura en cada impreso e que vén determinado pola Dirección Xeral do Catastro.
    • 1.2.—Certificacións expedidas polo ORAL dende o punto de información catastral (PIC).
      • 1.2.1.—Certificacións catastrais literais: 4,00 € por cada documento expedido, que se incrementará en 4,00 € por cada un dos bens inmobles a que se refire o documento.
      • 1.2.2.—Certificacións catastrais descritivas e gráficas referidas unicamente a unha unidade urbana ou a unha parcela rústica, a contía será de 15,80 € por documento expedido.

    Cando as certificacións descritivas ou gráficas incorporen, a petición do interesado, datos doutros inmobles (p.ex.: lindeiros), a contía incrementarase noutros 4,00 € por inmoble.

    As cotas deste apartado fíxanse segundo o previsto no artigo terceiro, apartado dous da Lei 4/2004, de 29 de decembro, de modificación de taxas e de beneficios fiscais de acontecementos de excepcional interese público, ademais da aplicación dos incrementos xerais das taxas estatais aplicados polas diferentes Leis de orzamentos xerais do Estado.

    2. CERTIFICACIÓNS DE ACTOS, ACORDOS, RESOLUCIÓNS E CALQUERA ANTECEDENTE

    • 2.1. Por cada certificación de documento ata 5 anos anteriores, 3,59 euros.
    • 2.2. Por cada certificación anterior a 5 anos a contía do apartado precedente elevarase a 7,23 € por certificado.

    3. COMPULSA DE DOCUMENTOS

    • Por cada compulsa................. 1,46 euros

Art. 9º.—DEVENGO

    A taxa devéngase e nace a obriga de contribuír coa presentación da solicitude que dá lugar á actuación da Administración para a expedición do documento.

Art. 10º.—XESTIÓN E INGRESO DA TAXA

    A xestión da taxa estará a cargo dos servizos administrativos das oficinas centrais e periféricas.
    Non se lle entregará ningún documento ó interesado ata que este presente a correspondente carta de pagamento.

Art. 11º.—ENTRADA EN VIGOR E APLICACIÓN DA TAXA

    A entrada en vigor da taxa terá lugar cando se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia segundo o artigo 17-4 R.d. lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, (TRLHL).

DISPOSICIÓN FINAL

    O acordo de aprobación inicial da modificación desta ordenanza adquiriu carácter definitivo o día dezasete de xuño de 2006.


Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/