DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

A documentación

Rematadas as sucesivas actuacións de organización e descrición dos fondos documentais conservados no arquivo municipal inventariáronse un total de 2.546 unidades de instalación, con testemuños documentais que presentan unhas datas extremas do período interanual de 1851 ata 2017; a pesar deste dato a práctica totalidade da documentación corresponde ó século XX.

A maior parte do fondo corresponde ás series documentais de obras levadas a cabo polo propio concello e o control das construccións dos particulares, así como a confección e control presupostario, seguindo a tónica xeral dos diferentes arquivos municipais desta provincia. A documentación presupostaria presenta unha notable continuidade dende a década dos primeiros anos do século vinte.

A penas hai testemuños anteriores agás as actas dos Plenos dende 1872, coa notoria ausencia das referidas ós primeiros anos (1836-1871), ou algúns documentos de patrimonio municipal que alcanzan o ano 1851. O ano 1900 e a referencia máis oportuna en boa parte das series documentais, especialmente os presupostos ordinarios, beneficencia e os da Xunta de Ensino.

Este conxunto documental, hoxe correctamente disposto para o seu uso e manexo, dispón dunha completa gama de instrumentos de descrición que permiten a súa valoración e recuperación. O cadro de clasificación deste arquivo e o seu inventario somero complétanse cunha exhaustiva descrición, a nivel de expediente en moitas series, a disposición de calquera interesado tanto no propio Concello como no Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, tanto en soporte papel (fichas) como informático nunha base de datos formada por 23.822 rexistros diferentes.


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/