DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Introducción

O territorio do concello de Ponteareas de Arousa sitúase no sur da provincia de Pontevedra, na comarca do Condado. Linda cos concellos de Pazos de Borbén, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Porriño e Mos.

Ocupa unha superficie de cento dezaoito quilómetros cadrados, con duascentas vinte entidades de poboación dispersas nas súas vinte e catro parroquias: Angoares, Arcos, Areas, Arnoso, Bugarín, Celeiros, Cristiñade, Cumiar, Fontenla, Fozara, Guillade, Guláns, Moreira, Nogueira, Santiago de Oliveira, San Mateo de Oliveira, San Lourenzo de Oliveira, Padróns, Paredes, Pías, Ponteareas, Prado, Ribadetea e Xinzo, nas que residen case que vinte mil habitantes.

Esta área xeográfica formou parte da provincia de Tui ata a división constitucional e a reforma posterior, que derivou na súa inclusión definitiva na provincia de Pontevedra. A totalidade das parroquias integrábanse daquela nas xurisdiccións de Sobroso, con señorío do marqués de Sobroso; a de Oliveira, con señorío do bispo de Tui; e a de Salvaterra, con señorío do conde de Salvaterra.

Neste territorio, nos primeiros anos do século dezanove, chegaron a funcionar concellos en Ponteareas, Guláns e Areas. Iniciado o proceso de constitución definitiva dos concellos actuais, dentro do Partido xudicial de Ponteareas, créanse o concello de Ponteareas, xunto cos de Mondariz, Setados e Salvaterra. Dende entón permanece inalterable na súa estructura e delimitación xeográfica.

Deste funcionamento continuado do concello ata a actualidade xorde un conxunto documental, conservado parcialmente, que foi obxecto de sucesivos tratamentos por parte do Servicio Técnico do Patrimonio Documental, tras os que derivou na actual situación: un local debidamente equipado para a súa conservación, tratamento e consulta.

A primeira actuación para a organización dos fondos documentais levouse a cabo no ano 1986, data a partir da cal se acometeron novos procesos de reincorporación, informatización e adaptación ó novo cadro de clasificación usado na actualidade.

O resultado final e actualizado destes traballos, desenvoltos nas fases sucesivas polo Servicio Técnico do Patrimonio Documental e por persoal municipal, reflíctese de xeito somero neste inventario e no cadro de clasificación específico que, de seguido, se presenta e no inventario detallado, impreso e informatizado, do que dispón o Concello para o manexo destes fondos e para o seu usufructo eficaz tanto por parte da Administración coma por posibles usuarios


Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/