DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Deputación de Pontevedra

BASES PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS A ESCOLAS DE MÚSICA PÚBLICAS 2010

bases | Modelo de Solicitude

bases

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 4 de agosto de 2010, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Esta Deputación é consciente de que determinados concellos da nosa provincia desenvolven un importante labor coa iniciativa de creación e co sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas regradas de música que sinala o artigo 39.1º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e que no seu art. 39.5º establece que os estudos de música se poderán cursar, sen límite de idade, en escolas específicas.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento do número de escolas de titularidade pública para lles achegar á mocidade e ós afeccionados a posibilidade de cursar estes estudos, tanto para realizar unha actividade de formación artística como para continuar posteriormente estudos regrados de música en conservatorios ou centros autorizados.

Co fin de potenciar o funcionamento destas escolas de música das que son titulares determinados entes públicos, a Deputación establece as bases reguladoras de concesión de axudas a escolas de música públicas:

1.- OBXECTO
Esta convocatoria destínase a subvencionar o funcionamento, no desenvolvemento das súas actividades docentes, das escolas de música de titularidade pública que radiquen na provincia de Pontevedra, durante o ano 2010.

O importe total das axudas será de cento cincuenta mil euros (150.000,00 €) que se financiarán con cargo á aplicación 10/330.323.462.06 do orzamento provincial para o ano 2010.

2.- SOLICITANTES
Poderán solicitar estas axudas os titulares das escolas de música sinalados no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ao final do prazo establecido para a presentación de solicitudes e que radiquen na provincia de Pontevedra.

3.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse no Rexistro xeral da Deputación:

  • Sede de Pontevedra: Avda. Montero Ríos, s/n (de luns a sábado)
  • Sede Vigo: Rúa Oporto, 3 (de luns a venres)

Ou tal e como establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o 30 de setembro de 2010.

4.- DOCUMENTACIÓN
As solicitudes deberán formularse nos modelos normalizados, que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es, achegando ademáis a seguinte documentación:

  1. Orzamento que dedica o Concello para a Escola de Música asinado polo interventor/a, detallado por conceptos.
  2. Relación de persoal docente e non docente, debidamente asinado
  3. Número de alumnos matriculados no curso 2009/2010, detallado por especialidades ou materias, debidamente asinado
  4. Certificado da conta bancaria a nome do solicitante
  5. Declaración de ter solicitado, ou non, axuda para a mesma finalidade doutras entidades
  6. Declaración de non estar incurso en causas de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas e de aceptar as bases da convocatoria
  7. Declaración responsable de estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social

5.- VALORACIÓN DAS SOLICITUDES
A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a súa adxudicación, os seguintes criterios:

  1. Número de alumnos matriculados no curso 2009/2010, ata 25 puntos.
  2. Número de profesores, ata 15 puntos.
  3. Orzamento da escola de música, ata 35 puntos.
  4. Grao de desenvolvemento artístico na zona, ata 25 puntos

As propostas de concesión destas axudas someteranse ó ditame da Comisión Informativa de Cultura e á aprobación do órgano de goberno competente.

Transcorridos tres meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

A Deputación poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

6.- PAGAMENTO
As subvencións estarán condicionadas aos orzamentos dispoñibles e irán destinadas a financiar operacións correntes (gastos de funcionamento e profesorado).

O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta bancaria sinalada pola entidade.

O beneficiario da subvención para efectos de xustificación deberá remitir:

  • Certificado acreditativo de toma de razón na contabilidade da entidade do dereito a percibir a axuda, asinado polo secretario ou polo interventor, de acordo co establecido na base 25ª.8ª – 2.f) de execución do orzamento desta Deputación para o ano 2010.
  • Conta xustificativa, asinada polo secretario ou polo interventor, na que se relacionen os gastos de funcionamento da Escola de Música, axustándose os conceptos establecidos no orzamento remitido coa solicitude.
  • Declaración de que os xustificantes están a disposición da Deputación para a súa comprobación e que o importe das axudas concedidas non superan o importe total do orzamento consignado para os gastos de funcionamento da Escola de Música.
  • Declaración responsable de que se fixo a debida divulgación do financiamento pola Deputación da actividade subvencionada. A xustificación deberá presentarse antes do 31 de marzo de 2011.

7.- OBRIGAS DOS BENEFICIARIOS
Nas comunicacións, escritos e propaganda das escolas de música que obteñan axuda, deberá figurar o logotipo da Deputación de Pontevedra.

8.- ÓRGANO COMPETENTE PARA A APROBACIÓN DE BASES
De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para 2010 e para dar cumprimento ó establecido no art. 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

9.- DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nas presentes bases serán de aplicación as normas incluídas nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2010 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/03) e demais lexislación de desenvolvemento.

Pontevedra, 11 de agosto de 2010


Boletín Oficial da Provincia, data 11-08-10, número 153, páxina 15, anuncio 2010008742.

Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/