DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

Servizo de asesoramento a emprendedores e fomento da cultura emprendedora

Por medio deste servizo a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento na provincia de Pontevedra a través de catro eixes de intervención principais:

  1. Sensibilización
  2. Asesoramento
  3. Formación
  4. Financiamento

Os obxectivos específicos, a partir dos cales se definen as liñas de actuación, son os seguintes:

  • Divulgar, sensibilizar e motivar o conxunto da sociedade pontevedresa cara á actividade emprendedora. Para acadar este obxectivo desenvólvense diferentes seminarios e cursos dirixidos a potenciais emprendedores.
  • Implicar a comunidade educativa e outras estruturas sociais: fundacións, colexios profesionais, asociacións empresariais, xuvenís, de mulleres, etc., para que fomenten a cultura emprendedora a través da súa interacción coas estruturas públicas que apoian o emprendemento.
  • Fomentar o emprendemento no rural, apoiando as estruturas dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) e dos grupos de acción costeira (GAC) para que detecten e asesoren os proxectos emprendedores rurais sobre o Programa Leader 2007-2013.
  • Reforzar o apoio ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto emprendedor, establecendo itinerarios e protocolos completos de formación, asesoramento e acompañamento na elaboración do seu proxecto empresarial e informalas das diferentes liñas de subvención.
  • Fortalecer a rede de asesoramento a emprendedores nos concellos da provincia de Pontevedra, apoiando o seu traballo como principais coñecedores das potencialidades do territorio no ámbito municipal.
  • Mellorar e reforzar o apoio á consolidación das empresas novas na provincia de Pontevedra para conseguir mellorar a súa competitividade e axudalas a manterse no mercado, crecendo, xerando máis emprego e riqueza e procurando reducir os índices de mortalidade empresarial a nivel provincial.
  • Potenciar o coñecemento do colectivo de emprendedores e dos autónomos, favorecendo o seu asociacionismo e a súa visibilización na sociedade.
  • Apoiar o establecemento de empresas e potenciar o solo industrial na provincia, especialmente a través do polígono industrial de Barro-Meis.
  • Facilitar o acceso ó crédito para proxectos emprendedores a través de diferentes convenios de colaboración con entidades financeiras.

O equipo de xestión das actividades para fomentar e difundir a cultura emprendedora está formado por axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDLs) e orientadores/as laborais que pertencen a diferentes ramas de especialidade.


Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/