DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

BASES DE AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS DE MULLERES SEN FINS DE LUCRO. ANO 2004

A Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, consciente do papel a desenvolver pola muller na sociedade de hoxe, convoca para o ano 2004 axudas destinadas a subvencionar actividades desenvoltas por Asociacións de Mulleres ou por aquelas outras que conten con departamentos ou vocalías da muller e así o acrediten, todas elas sen fins de lucro, dirixidas basicamente á formación de cara a súa integración no mundo laboral, segundo as seguintes

B A S E S

1.— PRESUPOSTO
A contía consignada para a realización de actividades promovidas por ditas Asociacións ascende a 158.000,00 euros con cargo á Partida 04/313.313. 480.02 do Orzamento ordinario da Deputación Provincial.

2.— ACTIVIDADES A SUBVENCIONAR
Por tratarse de subvencións destinadas a gastos correntes, soamente poderán ser financiadas as actividades que se desenvolvan durante o ano 2004 e que estean enmarcadas nalgún dos apartados seguintes:

  1. De carácter formativo:
    • Organización de cursos ós que ademais das mulleres que forman a Asociación poderán acceder aquelas outras que estean incluídas nos Programas de Apoio dos Servicios Sociais de Atención Primaria Municipais ou de Saúde.
    • Organización de congresos específicos da muller.
    • Organización de xornadas informativas ou divulgativas.
  2. Para a posta en marcha de fórmulas de emprego, como cooperativas ou outras formas de integración no mercado laboral.
  3. Estudios de investigación a calquera nivel sobre temas específicos da muller.
  4. Para Federacións de Asociacións as actividades a subvencionar serán:
    1. Organización de xornadas informativas ou divulgativas.
    2. Congresos.
    3. Estudios de investigación.
    4. Cursos de carácter supramunicipal.

Para a realización das actividades a Deputación subvencionará, a maiores, ó 100% das instalacións do Centro de A Lanzada, incluída a pernocta, en datas que están libres. Na contía da axuda farase constar a parte correspondente á actividade e a destinada ó pago das instalacións, contía esta que a Deputación transferirá directamente ó Centro de A Lanzada. O importe da manutención sería a cargo das interesadas. Para que se poida utilizar esta fórmula as actividades han de ser intensivas (mínimo de 7,30 horas por xornada completa) e os cursos ter unha duración mínima de 30 horas e máxima de 45. Ás Federacións de Asociacións, no caso de elixir esta fórmula para a realización de cursos, poderán aprobárselles axudas para catro cursos simultáneos dirixidos a catro grupos de mulleres, sempre as mesmas por grupo e curso.

Quedan excluídas aquelas solicitudes dirixidas ó pago dos locais e gastos de mantemento destes cando sexan a sede habitual da Asociación, así como tamén as dirixidas ó desenvolvemento da actividade xeral da Asociación ó longo do ano.

3.— REQUISITOS E CONDICIÓNS PARA TER DEREITO ÁS AXUDAS

  1. As Asociacións desenvolverán a súa actividade na provincia de Pontevedra e deberán estar debidamente legalizadas na Xunta.
  2. Cada Asociación, só poderá presentar un proxecto. En caso da realización de cursos, dirixido a un só grupo de mulleres. O proxecto ha de conter cada un dos apartados que se sinalan no “Anexo 1".
  3. No caso das Federacións ver na Base 2 as explicacións correspondentes ó punto 4.
  4. Consideraranse cursos aquelas actividades formativas dirixidas a un grupo estable de mulleres, como norma xeral non superior a 15, que realizarán as horas que a Asociación fai constar no proxecto do curso.
  5. Só se subvencionarán:
    1. Cursos cun mínimo de 30 horas de duración.
    2. Cursos que non teñan como fin actividades de desenvolvemento persoal, ou técnicas que formen na busca de emprego.
  6. No caso da posta en marcha de fórmulas de emprego teranse en conta o número de traballadoras que se contraten, grao de dificultade na súa inserción laboral e demanda do recurso.
  7. Cando se trate de estudios de investigación unha copia quedará nos arquivos da Deputación, podendo ser utilizados os datos recollidos no mesmo.
  8. En toda publicidade que se elabore deberase facer consta-la colaboración da Deputación, Área de Acción Social.
  9. Na realización dos cursos, a partir de 200 horas a contía da axuda non se verá incrementada.

4.— CONCESIÓNS
Non se concederán axudas a aquelas asociacións que non tiveran a 31 de marzo xustificada ou rexeitada por escrito a actividade (ou actividades) subvencionada en anos anteriores.

As axudas serán resoltas pola Xunta de Goberno previo informe da Comisión Informativa de Benestar Social e Muller.

5.— DOCUMENTACIÓN
As solicitudes, no modelo oficial adxunto, presentaranse no Rexistro da Deputación Provincial debidamente cumprimentadas e acompañadas dos seguintes documentos:

  1. Proxecto da actividade no que consten os epígrafes do“Anexo 1".
  2. Se a peticionaria é unha Asociación:
    1. Fotocopia do DNI da súa representante legal e acreditación do seu cargo a través dunha certificación da secretaria da entidade ou fotocopia compulsada da acta na que se recolla a composición do órgano de dirección.
    2. CIF da Asociación.
    3. No caso de que non sexa unha Asociación de Mulleres e sexa a primeira vez que presenta unha solicitude, achegar certificación conforme ten constituída a Vocalía da Muller.
  3. As Asociacións que soliciten axudas para por en marcha algunha fórmula de emprego deberán presentar memoria explicativa da viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto empresarial feito polo/a Técnico/a Local de Emprego. No caso de non conta-lo concello con este poderá ser presentado polas Técnicas da Deputación.

De non cumprirse ditos requisitos poderán ser rectificados segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Procedemento Administrativo.

6.— PRAZOS
O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles a partires do día seguinte ó da súa publicación no BOP.

7.— CONTÍA

  1. A contía das axudas fixarase tendo en conta os seguintes criterios:
    1. O importe da subvención na realización dos cursos estará en función do número de horas e das características dos mesmos. No caso de que unha vez realizada a actividade non se cumprisen os obxectivos do curso en canto o número de horas e características do mesmo, a contía da axuda será reducida segundo baremo establecido.
    2. As contías a subvencionar serán fixadas mediante baremo.
  2. As contías máximas a subvencionar serán:
    1. Para a realización de cursos: 4.200 euros.
    2. Para a celebración de congresos: 3.000 euros.
    3. Para a posta en marcha dalgunha fórmula de emprego: 7.200 euros. A axuda terá como fin a adquisición de material específico non inventariable para o desenvolvemento práctico da actividade empresarial, a formación que posibilite a autoxestión da fórmula e os gastos de persoal (non superiores ó SMI do ano 2004/persoa).
    4. Para estudios de investigación: 4.200 euros.
    5. Para Federacións de Asociacións: 4.200 euros.

En ningún caso a contía de axudas recibidas por tódolos conceptos poderá supera-lo custo total da actividade.

8.— PAGAMENTO DAS SUBVENCIÓNS
As Asociacións ás que se lles conceda unha subvención quedan obrigadas a xustifica-la actividade nos tres meses seguintes á súa realización, e en todo caso, por motivos xustificados, antes do 15 de decembro de 2004, salvo situacións excepcionais de prórroga. Os documentos a presentar serán os seguintes:

  1. Facturas orixinais ou compulsadas xustificativas do gasto da actividade.
  2. Memoria da mesma ou estudio realizado debidamente asinado e selado no que consten os epígrafes recollidos no “Anexo 2".
  3. Relación de axudas públicas e/ou privadas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución para desenvolvemento do proxecto que se presenta, facendo consta-lo custo total da actividade realizada.

Cando a actividade consista na celebración de Cursos ou Congresos os conferenciantes ou monitores que pertenzan á Xunta Directiva da propia Asociación non poderán percibir ningunha remuneración con cargo á subvención que se outorga.

9.— REINTEGRO DAS SUBVENCIÓNS
No caso de non cumprir total ou parcialmente o obxectivo, modifica-la finalidade para a que foi concedida a subvención sen ter recibida autorización expresa para iso ou incumprir algunha das Bases da presente convocatoria, o beneficiario reintegrará a contía concedida, sempre que non transcorran catro anos dende a súa concesión.



Pontevedra, 4 de marzo de 2004.



O PRESIDENTE O SECRETARIO





Publicado no Boletín Oficial da Provincia o 10/03/04, número 48, páxina 7, anuncio 2004001953.


Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/