DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

A Deputación de Pontevedra adxudicará a Caixanova a elaboración do Plan Estratéxico Provincial

Ten un custo de 390.000 euros e a súa redacción durará 14 meses



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

23 DECEMBRO 2003


A Deputación de Pontevedra adxudicará a Caixanova a execución dos traballos precisos e a elaboración do Plan Estratéxico da Provincia de Pontevedra que o presidente, Rafael Louzán, anunciara na súa toma de posesión como un obxectivo prioritario e inmediato do seu mandato. A proposta do grupo popular foi votada por unanimidade hoxe por tódolos grupos nunha comisión informativa celebrada no Pazo provincial. O orzamento do Plan ascende a 390.000 euros, dos cales a Deputación aportará 300.000 e a entidade bancaria 90.000.

En breves datas, a institución provincial asinará un convenio con Caixanova para a elaboración do devandito plan. O convenio ten como obxectivos concretos reforzar a colaboración e implicación doutras institucións e axentes sociais; identificar necesidades e liñas de traballo a nivel provincial; seleccionar actuacións prioritarias transformando as liñas de traballo en proxectos concretos; e reforzar a posición competitiva da provincia dende unha perspectiva de desenvolvemento sostible e equilibrado.

No convenio, fíxase un horizonte temporal do Plan de oito anos, cunha revisión ós catro, de xeito que o seu horizonte final será o ano 2010.

O convenio fixa tamén o ámbito territorial do Plan, os criterios da súa redacción, a estructura dos traballos a realizar e as súas fases, un cronograma do traballo a desenvolver, cunha duración total do proxecto de 14 meses, a estructura do equipo de traballo e a creación dunha comisión de seguimento.

Caixanova, a través da súa Escola de Negocios e da Escola para as Administracións Públicas, xa elaborou estudos e informes de diversa índole sobre o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Entre outros, plans estratéxicos do mexilón, da DO Rías Baixas, do granito, do polígono de San Cibrao das Viñas e de diagnósticos territoriais de Ferrolterra ou Val Miñor.



Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/