DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

O Consello Rector do Plan Estratéxico da Provincia de Pontevedra queda constituído



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

06 OUTUBRO 2004


O Consello Rector do Plan Estratéxico da Provincia de Pontevedra quedou hoxe constituído no Pazo Provincial. Toman parte deste órgano que rexerá o desenvolvemento do traballo de diagnóstico e redacción o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e os deputados José Juan Durán e Francisca Canal por parte do grupo de goberno da institución; os deputados Juan Manuel Rei e Xabier Toba como representantes dos grupos do PSOE e do BNG, respectivamente, na oposición provincial, e por Antonio Gómez Rivera, subdirector xeral de Caixanova, a entidade que está redactando o Plan Estratéxico a través da súa Escola Para as Administraciones Públicas.

No que respecta á elaboración do Plan Estratéxico Provincial, o plan de traballo está articulado en catro fases: descrición e diagnóstico, formulación estratéxica, deseño normativo e elaboración final dun documento con aspectos operativos que permitan a súa aplicación.


CASE UN 95 POR CENTO DE PARTICIPACIÓN

Ata o de agora, -na fase de descrición e diagnóstico- o equipo do Plan entrevistouse coa práctica totalidade dos alcaldes e líderes da oposición dos 62 concellos da provincia así como con boa parte dos voceiros dos restantes grupos políticos con representación nos municipios da provincia. A participación dos políticos municipais nesta liña de traballo achegouse ó 95 por cento das enquisas propostas.

O modelo de inquérito que se trasladou ós políticos dos concellos da provincia estructurouse en tres fases: a primeira relacionada co propio Concello e as liñas de actuación prioritarias para os vindeiros anos, nunha segunda parte analizáronse as principais oportunidades e freos ós que se enfronta a provincia nun futuro próximo e un terceiro bloque ocupouse da Deputación de Pontevedra, facendo especial fincapé nos servizos que lle presta ó Concello e nas liñas nas que debería centrar a súa actuación.

Esta primeira fase de descrición e diagnóstico complétase cunha análise do entorno xeral que lle foi encargado a expertos da Universidade de Vigo –o Pleno da Deputación acordou que a Universidade tivese un papel activo na redacción do plan-, das outras universidades galegas e de empresas que traballan coas administracións; e coa creación de mesas sectoriais para definir as liñas de traballo concretas.

Deste xeito, os expertos realizarán a diagnose de nove novas áreas de actividade: análise económica e análise empresarial (Xosé Luís Outes), imaxe territorial e turismo (Carles Canto), mobilidade (Xoán Leiceaga), xestión pública (Argimiro Rojo), sociedade da información (Carlos Suárez Rei), desenvolvemento e calidade de vida (José Luis Veira), medio ambiente (Amancio Landín) e poboación, territorio e vivenda (José Pérez Vilariño).

Tamén dentro de esta primeira fase de traballo, o equipo redactor do plan realizará unha investigación a través de 2.000 enquisas telefónicas que se realizarán a cidadáns da provincia elixidos pola representatividade social, política, económica, de idade, nivel de estudios, etc.. Este primeiro traballo de achegamento á realidade da provincia e da Deputación de Pontevedra contemplou, asemade, a realización de consultas ós responsables técnicos da institución provincial.


Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/