DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

O redactor do informe sectorial de turismo salienta que as rías deben vertebrar o sector na provincia de Pontevedra



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

19 OUTUBRO 2004


O profesor Carles Cantó expuxo hoxe a súa análise sobre o sector turístico redactada para a elaboración do Plan Estratéxico Provincial de Pontevedra perante responsables de entidades públicas e privadas na segunda mesa sectorial que se reúne na programación deseñada para a formulación estratéxica da provincia de Pontevedra, encargada á Escuela para las Administraciones Públicas de Caixanova.

Cantó manifestou que o turismo pontevedrés debería desenvolver unha liña estratéxica baseándose “en dous ou tres conceptos ó sumo, que funcionen como eixe vertebrador da imaxe do productor que se quere vender”. Sobre este aspecto, o profesor entende que a provincia conta coas súas rías “que constitúen un espazo marabilloso sobre o que se deben artellar os productos turísticos primarios e complementarios”.

Así, como eidos turísticos que deberían estar presentes no entorno das rías pontevedresas, o redactor da análise turística salientou os cruceiros, o turismo rural azul (municipios mariñeiros) como complemento ó turismo rural verde (territorios interiores) e as “posibilidades catalizadoras que teñen o turismo náutico –dende o punto de vista da sostenibilidade ambiental, social, económica e cultural- e dentro del a próxima Volvo Ocean Race”, apuntou Cantó.

Con respecto á Volvo Ocean Race, o profesor apuntou datos que indican que Cidade do Cabo (Sudáfrica), a localidade que acolle habitualmente a primeira etapa da volta ó mundo de vela beneficiouse dun impacto económico de 75 millóns de dólares ata a saída da seguinte etapa e contou con visitas de 36.000 persoas, o 46 por cento procedentes do Reino Unido e o 13 por cento dende Alemaña. Deste xeito, Carles Cantó esgrimiu que este evento ten que servir como catalizador para mellorar, promocionar e ofrecerlle ó mundo a mellor cara da provincia de cara a acoller ocio relacionado co turismo náutico.

Por outra banda, Canto aseverou que as tendencias mundiais no que se refire a turismo correspóndense coas vivencias, “xa que as persoas que viaxan non só queren coñecer os sitios, senón vivilos e ter neles experiencias que os fagan diferenciados de calquera outro destino que puidesen escoller”, e que as distancias non se contan en quilómetros, senón en horas de viaxe ata o lugar escollido para pasar uns días de ocio.

Polo que se refire á desestacionalización do sector, admitiu que “é moi difícil desestacionalizar completamente o turismo de Pontevedra, hai que axeitar o producto a unha demanda que tente aumentar o rendemento”. Como posibilidades, apuntou o turismo de feiras, congresos e convencións de empresas, así como a posibilidade de converter o hándicap nun atractivo. “Do mesmo xeito que en Finlandia existe un turismo do frío e da neve e en Viena poida haber turistas que acudan atraídos polo seu clima”.

Segundo os estudios-base que se debaterán na Mesa Sectorial, Pontevedra é a provincia máis importante de Galicia pois tivo no 2003 o 44,6 por cento das pernoctacións habidas, o que supón máis de 2,6 millóns de pernoctacións.

Outro dos datos que recolle o citado estudio indica que a procedencia dos turistas de Pontevedra en verán son de Madrid, o norte de España, sobre todo Castela-León, Asturias, e Cataluña. A porcentaxe de turismo estranxeiro é moi reducida. O estudio revela que o turista que acude a Pontevedra utiliza pouco os servicios das axencias para organizar a súa viaxe: só un 23 por cento.

Os participantes na Mesa sectorial, que ten por obxecto realizar o diagnóstico da situación do turismo en Pontevedra e formular as diversas propostas de mellora, serán os alcaldes de Baiona e Sanxenxo, Luis Carlos de la Peña e Telmo Martín, respectivamente; o director xerente de Turgalicia, Pedro Capó; o presidente da asociación provincial de axencias de viaxe, José A. Espada Barros; o presidente da Federación Provincial de Hostelería, Carlos Rodríguez Cerdeira; o xerente do campo de golf de Meis, Alfonso Ozores; o xerente do Ifevi, Rubén López; a concelleira de Vigo, Lucía Molares; o xerente do Pazo de Bendoiro, Siro González; o xerente de Turismo Rías Baixas, Octavio Rodríguez; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; e a xefa do servicio da Delegación de Cultura, Ángeles Herrero.


Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/