DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

A Mesa de mobilidade do Plan Estratéxico avanza que a principal problemática da rede viaria provincial e a alta saturación das zonas costeiras e da autopista A-9 á altura de Rande

A provincia de Pontevedra soporta a densidade de estradas máis elevada de Galicia. Destas, o 50 por cento son competencia da Deputación Provincial



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

26 OUTUBRO 2004


Un avance do estudo de mobilidade para o Plan Estratéxico Provincial revela que a provincia de Pontevedra posúe a densidade de estradas máis elevada de toda a comunidade galega con 772 quilómetros de estradas por 1.000 quilómetros cadrados de superficie. Asemade, segundo fontes do Ministerio de Fomento, no ano 2002 a provincia de Pontevedra contaba con 3.448 quilómetros de estradas das cales 1.720 quilómetros son competencia da Deputación, é dicir, o 50 por cento da rede viaria principal.

Con respecto á ocupación da rede viaria obsérvase unha gran saturación das vías costeiras e da zona sur da provincia cunha media diaria de 15.000 vehículos en tramos da C-550, na península do Salnés; 20.000 vehículos na C-531 de Vilagarcía a Pontevedra así como na N-550 de entrada á capital; 23.000 na N-558 de Pontevedra a Marín; e, finalmente, na N-552 que comunica Baiona e Nigrán con Vigo, que soporta unha intensidade diaria de 16.000 coches, igual que na N-550 de Redondela a Vigo.

A autopista A-9 constitúe outro punto de gran saturación cunha media de 32.000 vehículos diarios rexistrados no 2002, no tramo situado na cidade de Pontevedra, e 48.000 na ponte de Rande, dos cales 14.000 movementos procedían da península do Morrazo.


REUNIÓN DA MESA DE MOBILIDADE DO PLAN ESTRATÉXICO

O Pazo Provincial acolle hoxe pola tarde unha reunión da Mesa de Mobilidade da que son responsables Xoán Leiceaga Baltar e Esteban López Figueroa, catedrático e mestre, respectivamente, da Universidade de Vigo, no departamento de Deseño na Enxeñería.

A mesa estará composta, asemade, por Javier D´Bidegain García, subdirector de ordenación do Transporte; Raúl López López, xerente de Autocares Mombus; María Fernanda Pardo Pedernera, directora provincial de Tráfico de Pontevedra; Antonio Coello Buffil, concelleiro de Tráfico do Concello de Vigo; Juan Ramón Comesaña Alén, xefe de Seguridade e Mobilidade; José Crespo Boullosa, presidente da Asociación de Taxis para a provincia de Pontevedra e municipios; José Manuel Abad Patiño, xefe da división de explotación da Autoridade Portuaria de Marín; Carlos Gil Suárez, enxeñeiro técnico do departamento de Vías e Obras da Deputación de Pontevedra; e, finalmente, Alfredo Montero Vaz e Baltasar Pujales Estevez, enxeñeiros técnicos do departamento de Vías e Obras da Deputación.



Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/