DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

A provincia de Pontevedra supera as medias galegas e española nos índices de lectura de prensa escrita e de audiencia de radio e televisión

A mesa sectorial de Desenvolvemento Social e Calidade de Vida do Plan Estratéxico reúnese mañá pola tarde no Pazo provincial



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Plan Estratéxico Provincial 2010

04 NOVEMBRO 2004


A mesa sectorial de Desenvolvemento Social e Calidade de Vida do Plan Estratéxico Provincial reunirase hoxe pola tarde na Deputación de Pontevedra. O experto encargado da mesma é o catedrático de Socioloxía da Universidade de A Coruña, Jose Luís Veira.

Analizarán os hábitos cotiáns da sociedade. Por exemplo, en relación coa lectura da prensa diaria Pontevedra rexistra as porcentaxes máis altas de España e de Galicia de lectores de diarios (46,5), de audiencia por radio (57,3) e de televisión (90,1). En lectores de revistas (45,3) sitúase por riba de Galicia (43,5), aínda que por debaixo de España (51,4). En canto á asistencia ó cinema aínda que a porcentaxe é menor que en España, está por riba do porcentaxe galego e, finalmente sobre o uso de Internet, en Pontevedra o uso deste medio alcanza o 22% da poboación, unha cifra sensiblemente superior á media galega (18,9) e moi semellante á media española (22,5).

Asemade, a mesa analizará outros aspectos como a confianza que teñen os cidadáns nas administracións, no sector privado (partidos políticos, sindicatos, medios de comunicación...), as crenzas relixiosas, o índice de asociacionismo e, entre outras cousas, os ingresos medios mensuais dunha familia en Galicia.

Finalmente, tratarán temas como a esperanza de vida na provincia, que se sitúa por riba da media española e europea; a situación e o tipo de coidados que reciben as persoas discapacitadas do territorio pontevedrés; as taxas de criminalidade, os delitos máis habituais e a violencia de xénero na provincia, que rexistra a taxa máis alta de Galicia.


OS COMPOÑENTES DA MESA

Asistirán Jesús Vázquez Almuíña, director provincial do SERGAS en Pontevedra; José Antonio Fraga Boullosa, delegado provincial de Educación de Pontevedra; Jorge Araújo Cortegoso, presidente da Oficina Provincial da Cruz Vermella; Ana Mínguez Vigo, presidenta da Asociación Alecrín; Isabel Ferro Carballo, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Virxe Peregrina; Cristina González Martínez, vicesecretaria e sección de deportes do Casino de Vilagarcía de Arousa; Ana Sousa Cores, presidenta da Asociación Xearasol; Clara Santos Arjona, presidenta da Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Pontevedra; José María Covelo Cartelle e Antonio Santos Guerra, do departamento de Cultura e Deportes da Deputación; e, finalmente, Joaquín Pesquera, presidente de Cogami.

A reunión terá lugar ás 17 horas. Previamente ás 16,30 horas, celebrarase unha roda de prensa no Pazo provincial.



Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/