DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
http://www.depontevedra.es/

ARQUIVOS DAS IRMANDADES E CÁMARAS AGRARIAS



    As Irmandades sindicais de labregos e gandeiros constituían o organismo representativo do sindicalismo agrario tanto durante o período franquista coma nos primeiros anos da democracia, xa en forma de Cámaras Agrarias, ofrecéndolle servizo e asesoramento ó ben nutrido sector agropecuario dos concellos en diversos aspectos administrativos.

    A orixe remota das Cámaras agrícolas remóntanse ó Rd de 14 de novembro de 1890, que regula de forma detallada estas asociacións agrarias, de carácter voluntario e cualificadas de interese público, con funcións de defensa e fomento dos intereses agrícolas.

    Logo de varias modificacións, atendendo á realidade socio-política de cada momento, xorden as Irmandades sindicais de labregos e gandeiros no ano 1939, modificadas polo Decreto de unidade sindical agraria de 17 de xullo de 1944 e a publicación do regulamento das Irmandades en 1945.

    As Irmandades sindicais provincias conviviron ata 1947 coas Cámaras oficiais agrícolas, fusionándose nunha nova corporación de dereito público denominada Cámara Oficial Sindical Agraria (COSA), que tiña funcións moi amplas, pasando de ser corpos consultivos da administración en materia agraria a actuar como órganos executivos e representantes dos intereses dos traballadores agrícolas e das industrias relacionadas con eles.

    A aparición dun sistema democrático e a nova realidade sindical derivaron na creación en 1977, en plena transición democrática, das Cámaras agrarias provinciais, que se mantiveron ata a súa descentralización e transferencia as respectivas Comunidades Autónomas no ano 1995.

    Estes derradeiros procesos conlevaron a desaparición das Cámaras agraria locais e a paralización administrativa e funcional das provinciais, antesala dunha prevista desaparición como organismo. Coincidindo con esto desapareceu tamén unha boa parte do patrimonio documental das cámaras locais, conservándose o da Cámara Agraria Provincial

    Os fondos conservados organizáronse seguindo un criterio de clasificación orgánico-funcional, co resultado dun similar cadro de clasificación, artellado arredor de catro seccións, referidas sucesivamente á xestión dos órganos de goberno colexiados e unipersoais, ó funcionamento administrativo das respectivas entidades, á xestión de servizos e as relacións con outras administracións e, por último, ó control e xestión orzamentario e dos seus recursos. Cada unha destas seccións subdivídese en subseccións e estas en series e subseries, atendendo á variedade da tipoloxía documental e ás series existentes.



Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/