[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 18 DE SETEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Saúdo do Presidente
Datos biográficos
Atribucións do Presidente
Artigos, discursos, ...
Axenda do Presidente
Álbum fotográfico
Entrevistas co presidente
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Ordenanzas
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Partidos xudiciais
Atención ó cidadán

Páxina 1 2 3 4 5 [6] 7
ARTIGOS, DISCURSOS, ... 

Apertura da sede da Deputación en Vigo

Antes de nada permitanme dicirlles, con claridade, que hoxe é un deses días que un político coma min se sente especialmente satisfeito. E digo isto porque para un responsable público o seu primeiro e irrenunciable deber é cumprir os compromisos contraídos. A apertura da nova sede da Deputación Provincial en Vigo é non só un feito histórico senón un compromiso persoal meu hoxe cumprido. É un feito real, e non un anuncio, unha promesa electoral ou un proxecto virtual. Dende mañá a Deputación Provincial está aberta, para servizo de todos os vigueses e viguesas, na rúa Oporto, número 3, en Vigo.

Os datos son moito máis contundentes cás opinións. Así que, despois de 171 anos de historia, a Deputación Provincial ten sede en Vigo. Hoxe é, pois, queridos amigos, unha data para a historia da provincia, da Deputación de Pontevedra, e tamén para a historia de Vigo.

Para nós, para o Partido Popular, que temos o goberno da institución provincial, as deputacións son organismos fundamentais, imprescindibles, que teñen como obxectivo a modernización e o progreso dos concellos, e como finalidade, acadar maiores cotas de benestar económico e social dos seus cidadáns. Nós entendemos, como di a Constitución, que a Deputación non é algo diferente dos concellos senón que é o seu organismo. E dicimos que a súa razón de ser e o das políticas que desenvolve deben estar ligadas ós concellos. Por iso queremos gobernar para eles e para a xente. E, sobre todo, con eles e coa xente.

Isto que digo non é retórica, nin demagoxia, nin anuncio virtual, nin unha declaración de intencións, senón unha realidade contrastada e firme. Non hai concello en Pontevedra que poida dicir que foi discriminado pola Deputación. Porque, na maioría deles, os investimentos da institución provincial superan, ou triplican, as da Xunta de Galicia.

Nós cremos nas deputacións e por iso defendemos a súa modernización, a súa descentralización e a súa adaptación ós tempos. Porque queremos que as deputacións sexan unha auténtica entidade supramunicipal, unha administración que facilita os servizos e os recursos. Que asesore. Que ofreza servizos descentralizados. Que sexa próxima ó día a día dos cidadáns. E que promova a mancomunidade de servizos.

Esta é a auténtica explicación de por qué dende mañá a Deputación abre a súa sede en Vigo. Porque é esta a cidade onde reside a maioría dos cidadáns da provincia. Porque é esta unha cidade exemplar, que todo llo debe a si mesma. Que é o motor económico de Galicia. E que é unha das referencias inexcusables de Galicia fora da nosa Comunidade. A cidade que é a mellor embaixadora de Galicia, e todo un exemplo do país que queremos e impulsamos dende a Deputación: unha sociedade activa, moderna, viva, áxil, nova, ilusionada e valente. Queremos, en definitiva, facer de Galicia un Vigo máis grande.

A realidade non é máis ca unha. Queremos que as institucións se acheguen ós cidadáns, ás persoas, que estean próximas a elas. Nós facemos o que dicimos, facemos real o que anunciamos: a Deputación é parte de ti e está preto de ti, na rúa Oporto. Porque esta iniciativa pioneira de descentralizar a Deputación responde a iso: a ser unha Deputación para a xente, para os veciños, para solucionar os vosos problemas. Unha Deputación que non está ó servizo de ningún grupo, de ningún partido político, de ningún proxecto persoal. A Deputación Provincial é a representación dos concellos e dos cidadáns da provincia e por iso non está vencellada a ningunha cidade, vila ou pobo, senón ós seus cidadáns.

Non é casual que, coincidindo coa apertura da nova sede viguesa, nos últimos anos, a Deputación Provincial veña efectuando o maior investimento da súa historia na cidade de Vigo, por riba da que fan institucións locais ou autonómicas. E así imos seguir, poden estar seguros. Non defraudaremos pero, iso sí, as prioridades fixarémolas nós como institución autónoma que somos.

Quero recoñecer aquí que este feito histórico da apertura da sede viguesa foi posible grazas á perfecta simbiose que a Deputación tivo coa cidade de Vigo na etapa da entón alcaldesa Corina Porro, do seu tenente alcalde José Manuel Figueroa e do seu equipo de goberno. E grazas tamén á colaboración, á unión e á firme crenza do anterior equipo de goberno da Deputación e do actual.

Fai un par de horas acabo de facer un percorrido pola Feira do Libro de Vigo, na praza de Compostela, e teño que dicirlles que eu mesmo quedei gratamente sorprendido da cantidade de publicacións que, relacionadas coa cidade de Vigo, vén editando a Deputación Provincial. Confésolles que algunhas delas ata eu as tiña esquecidas. Digo isto como unha humilde autocrítica. Porque, se isto é así, con máis razón os vigueses e viguesas poden ter unha percepción distorsionada do que a Deputación vén facendo na cidade de Vigo.

Invítovos, pois, a que visiten a Feira do Libro e o stand da Deputación para que poidan comprobar, de primeira man, algo do moito que vimos facendo. E destaco, especialmente, entre as moitas publicacións que poderán atopar, o libro Vigo, la ciudad que se perdió do que hoxe o seu autor, Jaime Garrido, nos deu cumprida conta con motivo da quinta edición desta obra, que xa é unha referencia inescusable da memoria colectiva de Vigo para quen queira coñecer, de verdade e profundamente, esta cidade.

Aproveito tamén para decirlles que se houbo un Vigo que se perdeu, hai un Vigo do porvir. O Vigo que está por vir. E aproveito para invitar a todos e cada un de vostedes a sumarse a este ilusionante proxecto e a este decidido quefacer da Deputación na construción do Vigo que está por vir. Un Vigo no que a Deputación lidera algúns dos proxectos que cambiarán a faz, a economía e aínda a realidade social da cidade e da comarca. Un bo exemplo de todo isto é o Circuíto de velocidade Rías Baixas.

A súa construción, que acadará os 54 millóns de euros, ten por obxectivo lograr que Vigo sexa un referente no mundo do motor, da investigación e do desenvolvemento (I+D) e da atracción turística no norte de España e na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Porque o Circuíto albergará instalacións para competicións, para formación e para avaliación de vehículos pre serie. E terá usos deportivos, de educación vial e de tipo comercial e industrial.

Para todo isto invitamos as institucións e a sociedade viguesa a colaboraren pois sen ela nada será posible. E, con ela, todo será máis fácil. Sobre todo porque Vigo é un dos máis importantes núcleos industriais do sector do automóvil, que factura máis de 6.000 millóns de euros, o 20% do PIB galego e o 50% das exportacións de Galicia. O Circuíto será o mellor escaparate de todo iso, de Vigo, do deporte, do turismo e da puxanza da cidade. Eu espero, desexo e pido a fervente e decidida colaboración de todos neste proxecto que, insisto, será absolutamente decisivo na construción dese Vigo do porvir que todos queremos.

Un Vigo que se construirá dende o seu propio pasado, pero tamén dende un presente de colaboración, de entendemento e dende a firme convición de que é moito máis, e moito máis forte, o que nos une que o que nos separa. Neste proxecto ninguén sobra e todos somos decisivos e fundamentais. Dende os vigueses e viguesas, ata as súas empresas e institucións públicas e privadas, pasando polos medios de comunicación. O Circuíto de Velocidade Rías Baixas, o único proxectado en Galicia, será o mellor escaparate de Vigo, das Rías Baixas, da provincia e de Galicia.

E, se ese é o proxecto de futuro máis inminente, anunciolles xa que o pasado de Vigo poderá contemplarse nunha exposición que o noso Museo Provincial de Pontevedra mostrará na cidade o vindeiro ano. Nesta liña de descentralización da Deputación que vimos mantendo será a primeira vez que o Museo traslade temporalmente os seus fondos e todo o seu amplo legado cultural relacionado con Vigo á cidade.

Remato xa non sen antes pedirlles desculpas por abusar da súa paciencia nesta longa exposición. Pero creo que a ocasión ben o merecía. Quedo pois á súa disposición como o que son: un vigués máis, aínda que non de nacemento si de feitos e de compromiso coa cidade e con todos vostedes.


Rafael Louzán Abal
Presidente da Deputación de Pontevedra

Vigo, 30 de xuño de 2008

Páxina Seguinte Páxina 1 2 3 4 5 [6] 7

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 01/07/2008 15:48
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/