[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 19 DE SETEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Saúdo do Presidente
Datos biográficos
Atribucións do Presidente
Artigos, discursos, ...
Axenda do Presidente
Álbum fotográfico
Entrevistas co presidente
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Ordenanzas
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Partidos xudiciais
Atención ó cidadán

Páxina 1 2 3 4 5 6 [7]
ARTIGOS, DISCURSOS, ... 

A Bienal dunha Pontevedra ponte de culturas e de civilizacións

A Deputación de Pontevedra organiza, a través do seu Museo provincial, unha nova edición da Bienal de Pontevedra. Nesta ocasión, baixo o tiduo Sen fronteiras: converxencias artísticas hispano-magrebís, está dedicada a tres países do Magreb, Túnez, Marrocos e Arxelia. Co tema xenérico de fondo do multiculturalismo e a integración, ofrece unha reflexión, confrontada coa hispana, sobre a realidade artística actual deses tres países. Pode dicirse, pois, que hoxe, máis que nunca, Pontevedra se converte nunha auténtica ponte de culturas e de civilizacións, algo, por outra parte, que caracteriza boa parte da súa historia.

Esta 30 Bienal de Pontevedra vén a continuar a liña de propiciar o diálogo interterritorial e superador de visións localistas de anteriores bienais. Algo que xa presidiu a edición do ano 2006, dedicada á relación entre Galicia e os países do Cono sur sudamericano.

Nesta ocasión é a primeira vez que unha Bienal lle dedica en Europa o seu certame monográfico ó Magreb, unha zona xeográfica coa que o noso país mantivo unha intensa e profunda relación ó longo da historia. Hoxe o Magreb e España son límite e fronteira de dous continentes e conforman dúas tradicións socio-culturais e relixiosas moi distintas que, con todo, están chamadas a entenderse e interrelacionarse.

A Bienal de Pontevedra ten, pois, o seu argumento esencial na reflexión sobre esa situación paradóxica: dun lado, o contraste e a diferenza; e, doutro, a inevitable relación e fusión cultural propiciada hoxe polo trasvase de xentes, de ideas e de xeitos propios dun mundo cada vez máis globalizado.

O tema elixido como base da mostra non pode estar máis de actualidade. A chegada masiva e moitas veces incontrolada de inmigrantes, a presenza da polietnicidade entre nós, o choque de culturas e de civilizacións son algún dos asuntos que polarizan boa parte da atención nacional e internacional.

A Bienal de Pontevedra ofrecerá, dende o 17 de xullo ó 7 de setembro, converxencias e respostas a moitos dos interrogantes que o tema suscita. E farao dende a óptica artística e creativa dos 29 artistas seleccionados, pero tamén dende o espazo para a reflexión que supón o seu simposio paralelo no que participan varias personalidades especialistas e de relevo internacional.

Algúns deses interrogantes son: ¿A chegada de inmigrantes que non queren integrarse supón un risco para a democracia e o pluralismo?, ¿a sociedade pluralista e aberta é a boa sociedade?, ¿o pluralismo suma valores e, pola contra, o multiculturalismo crea pequenas sociedades pechadas?, ¿os inmigrantes teñen que aceptar as regras dos países de acollida e os que non queiran integrarse rompen o principio de igualdade ante a lei?, ¿cómo poden armonizarse relixións públicas, que marcan pautas de organización social, coas que se circunscriben ó ámbito do privado?, ¿a integración é un mero asunto de concesión da cidadanía?

Estas son algunhas das preguntas que a nosa sociedade se fai. Unha sociedade que, ó meu modesto xuízo, debe ter como límites da súa apertura a negación de todo dogmatismo; a fixación dos límites da liberdade no límite da liberdade dos demais; e a reciprocidade de dereitos e obrigacións, en canto non se pode ser tolerante cos que profesen ou practiquen a máis rotunda e cega intolerancia.

A Deputación de Pontevedra vén contribuíndo, de diversos xeitos, á integración e o respecto por outras culturas. A través de axudas directas a colectivos e asociacións de emigrantes; por medio do programa Cidade +; organizando o Foro das Migracións; ou outorgando os premios Entreculturas que recoñecen o labor de persoas e entidades que veñen traballando en pro da solidariedade, da integración, do intercambio e da profundización no mutuo coñecemento entre os pobos.

Esta Bienal que hoxe se inaugura marca o camiño por onde queremos transitar. A ampliación do Museo de Pontevedra, que a Deputación está a piques de rematar e que o converterá nun dos espazos museísticos máis importantes de España, servirá para abrir definitivamente o noso museo a todas as correntes, a todas as tendencias, a todo os ventos e a todas as maruxías…Servirá para facer realidade unha vella aspiración da Deputación de Pontevedra: converter o seu Museo nunha auténtica Escola de Cidadanía aberta, plural, nova, dinámica e ó servizo da xente e do noso país. Un Museo de Pontevedra que sexa o mellor dos espellos da nosa provincia e de Galicia. Da Pontevedra ponte de culturas entre Galicia e Portugal, entre Galicia e España, entre Galicia e América, entre Galicia e o mundo…Porque a todos nos enriquece mirar o mundo con ollos pontevedreses e galegos. Só me resta agradecer a colaboración de todos os que fixeron posible esta 30 Bienal de Pontevedra que racha e supera fronteiras e nos abre ó mundo. Dende o seu director, Carlos Valle, e todo o personal do Museo de Pontevedra ata institucións coma a Consellería de Cultura, o Concello de Pontevedra, Caixanova ou a Casa Árabe dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación e os propios ministerios de Cultura de Arxelia, Marrocos e Túnez, pasando por entidades privadas como as empresas Dragados, Fujitsu e o estudo de arquitectura Ulargi-Pesquera. A todos eles, moitas grazas, así como ós artistas participantes e a todos vostedes, pois para vostedes, para a xente, para a cidadanía, vai dedicada esta 30 edición da Bienal de Pontevedra.

Rafael Louzán Abal
Presidente da Deputación de Pontevedra

Pontevedra, 17 de xullo de 2008

Páxina 1 2 3 4 5 6 [7]

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 21/07/2008 14:47
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/