[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 20 DE XULLO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Medio Natural
Páxina Principal
Servizos
Medio Natural
Pesca e Cultivos Mariños
Subvencións
Convenios
Medio Ambiente
Axudas
Agricultura
Agricultura
Convenios
Prestación servizos
Axudas
Sector Forestal
Instalacións deportivas
Agricultura Biolóxica
Instalacións
Finca Castelo de Soutomaior

Páxina [1] 2 3
MEDIO NATURAL 

Deputación de Pontevedra

-- Subvencións 2008 --
Bases reguladoras das axudas económicas a cooperativas
da provincia de Pontevedra para financiar a mellora da
comercialización dos produtos da horta

Bases | Anexos | Corrección de erros

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 9 de xullo de 2008, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Bases

A Deputación de Pontevedra, consciente da importancia do movemento cooperativista para o desenvolvemento do sector agropecuario provincial, establece as axudas a cooperativas da provincia de Pontevedra para financiar a mellora da comercialización dos produtos da horta para o ano 2008 e que se rexerán polas presentes bases.

1.— OBXECTO E FINANCIAMENTO
Constitúe o obxecto das presentes bases definir o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión das axudas económicas ás cooperativas da provincia de Pontevedra que outorgue a Deputación de Pontevedra, segundo os principios de obxectividade e concorrencia competitiva de acordo coas consignacións dispoñibles para tal fin na partida orzamentaria 08/711.711.489.01, cun crédito inicial de setenta e cinco mil euros (75.000,00 €).

2.— ACTUACIÓNS SUSCEPTIBLES DE AXUDA E CONTÍA DA SUBVENCIÓN

  1. Serán obxecto de axuda os alugueres das caixas de plástico tipo steco, europull, logifruit e cheeps para o traslado dos produtos da horta ás grandes áreas comerciais e, en xeral, para a súa distribución.
  2. As axudas económicas poderán alcanzar ata o 50% do custo dos alugueres dos colectores ou caixas para trasladar os produtos da horta ás grandes áreas comerciais, sen prexuízo de que sexan compatibles con outras axudas recibidas para a mesma finalidade por outros organismos e que en ningún caso a súa concorrencia supere o custo do investimento realizado.

3.— BENEFICIARIOS
Poderá solicitar as axudas calquera cooperativa agraria da provincia de Pontevedra que se dedique á produción hortícola e que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Estar legalmente constituídas
  2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou sobre temas de interese para a provincia

4.— FORMULACIÓN DE SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación ou na súa sé de Vigo, no Servizo Agrario ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es e que serán publicados coas presentes bases no Boletín Oficial de Pontevedra.

Achegarase a seguinte documentación:

  1. Solicitude asinada polo presidente da cooperativa ou representante legal e debidamente cumprimentada
  2. Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da cooperativa ou agrupación beneficiaria
  3. Copia cotexada do DNI do representante legal ou persoa que asina a solicitude
  4. Copia cotexada dos estatutos da entidade
  5. Memoria descritiva do aluguer, especificando as características técnicas dos modelos, o custo unitario de cada modelo e o custo total dos alugueres.
  6. Orzamento de gastos e ingresos, asinado e detallado, da actividade ou do investimento a realizar
  7. Certificado do acordo do órgano competente da entidade beneficiaria no que se autorice a solicitar esta axuda
  8. Contía da axuda solicitada, que non poderá superar o 50% do orzamento calculado de gastos do aluguer
  9. Declaración das axudas solicitadas e/ou obtidas a outras administracións públicas ou entidades privadas para esta finalidade e compromiso de comunicar á Deputación as que se soliciten e/ou obteñan nun futuro e a súa contía en relación co orzamento total do aluguer a realizar
  10. Certificación orixinal dos datos bancarios ou ben copia cotexada a nome da entidade peticionaria
  11. Certificación do número de socios de cada cooperativa, a súa categoría e declaración de que desenvolve as súas actividades no ámbito da provincia ou que teñen interese para a provincia
  12. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 12.000,00 € o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do aluguer, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da axuda (art.31.3 Lei 38/2003). Esta situación deberá acreditarse no expediente da subvención concedida
  13. Certificación de estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social
  14. Declaración asinada do presidente ou o representante legal da cooperativa conforme non está incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co establecido no art. 13 da Lei 38/2003 xeral de subvencións
  15. Compromiso de realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, conforme ao disposto no artigo 14 da Lei 38/2003 xeral de subvencións
  16. Compromiso de difundir o financiamento da Deputación de Pontevedra e facela constar en todo tipo de información que realice no desenvolvemento da actividade subvencionada

As entidades poderán autorizar á Deputación de Pontevedra para que solicite as certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social

A documentación que se presente será orixinal ou, no caso de ser fotocopia, deberá vir compulsada.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base así como o incumprimento do previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, requirirase ao interesado para que emende as faltas no prazo máximo de 10 días hábiles, indicándolle que se non o fixese teráselle por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no art. 42 da Lei 30/92.

5.— PRAZO E PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES
As axudas que se contemplan na presente convocatoria poderán solicitarse a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e durante 30 días naturais.

As solicitudes irán dirixidas ao Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación de Pontevedra (tamén na súa sé de Vigo) ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A pesar do anterior, ó longo do exercicio orzamentario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais xustificadas adecuadamente e por escrito, non puideran presentarse no prazo sinalado no parágrafo anterior. Estas solicitudes, logo de que o xefe do Servizo Agrario emita un informe sobre a existencia das causas que dan lugar á súa presentación fóra de prazo, tramitaranse de acordo coas presentes bases, agás o cumprimento dos prazos e sempre e cando exista consignación orzamentaria. Neste senso, a Deputación de Pontevedra poderá reservar ata un 20% do crédito total para a súa concesión directa, tal e como se establece na base 25ª.2.i das Bases de Execución do vixente orzamento provincial.

6.— VALORACIÓN DAS SOLICITUDES

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e avaliaranse por unha Comisión de Valoración que atenderá, para a súa adxudicación individualizada, ós seguintes criterios:

  • Número de socios da cooperativa (ata un máximo de 10 puntos)
  • Cooperativas de segundo grao fronte a cooperativas de primeiro grao (ata 10 puntos)
  • Adecuación dos investimentos ao interese provincial (ata 20 puntos)
  • Creación de postos de traballo (ata 10 puntos)

7.— RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA
A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle ao xefe do Servizo Agrario, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no artigo 24 la Lei xeral de subvencións.

A Comisión de Valoración avaliará, conforme aos criterios indicados no apartado anterior cada unha das solicitudes. Esta Comisión estará composta da seguinte maneira:

  • Presidente:
    O presidente da Comisión de Desenvolvemento Agrogandeiro ou o deputado en quen delegue
  • Vogais:
    O enxeñeiro director do Servizo Agrario
    Un técnico do Servizo de Intervención
  • Secretario:
    Un funcionario do Servizo Agrario, sen dereito a voto

A Comisión poderá:

  • acadar cantos informe estime necesarios para resolver
  • propoñer ó beneficiario a reformulación da solicitude
  • emitir un informe respecto das solicitudes de subvención

A proposta de concesión das axudas someterase ó ditame da Comisión Informativa de Desenvolvemento Agrogandeiro.

Finalmente, a proposta de resolución elevarase para a súa aprobación definitiva ao órgano competente segundo o disposto nas Bases de Execución do orzamento provincial do presente ano e na lexislación vixente.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte ao remate do prazo para presentar a solicitude, sen que os interesados obteñan resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

8.— MODIFICACIÓN
Unha vez notificada a resolución de concesión e logo de que o beneficiario da subvención o solicite por escrito e razoadamente, acreditando as causas excepcionais ou imprevisibles que o motivan, poderán modificarse as condicións da resolución, nos termos recollidos no artigo 27 da Lei xeral de subvencións.

Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución polo órgano competente, despois da proposta previa da Comisión Avaliadora, que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

  • Se o presuposto da nova actividade ou investimento é superior ou igual ao inicial, manteranse as mesmas condicións da axuda concedida: coeficiente de financiamento, importe da axuda e presuposto subvencionado.
  • Se o presuposto da nova actividade ou investimento é inferior ao inicial, a Comisión Avaliadora, logo do informe previo do Servizo Agrario, deberá determinar o novo importe da subvención e o novo orzamento subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos.

9.— XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO

9.1.- Prazo de xustificación

Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizada a actividade ou o investimento, os beneficiarios deberán xustificalas en todo caso antes do 31 de marzo de 2009, se ben antes de que finalice o prazo poderase ampliar por solicitude razoada do interesado ou proposta xustificada da unidade xestora (Servizo Agrario) , nos termos previstos no artigo 49 da Lei 30/1992.

9.2.- Documentación xustificativa

As subvencións aboaranse despois da xustificación dos gastos.

Para poder recibir a subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

  1. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando o número de unidade os prezos unitarios destas e mais o custo total de cada unidade, e que reúnan, ademais, os requisitos legais esixidos polo R.D. 1496/03 de 28 de novembro sobre confección de facturas (número de factura, datos referidos o expedidor e o destinatario da factura, concepto e prezo total con IVE, que estará detallado, incluído ou exento, o lugar e a data de emisión da factura, etc.)
  2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou o gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran en dita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontran no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación para o seu exame durante un prazo mínimo de 4 anos.
  3. Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos
  4. Declaración de non ter recibido outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e unha declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada
  5. Certificación de estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social ou autorización para que a propia Deputación as solicite directamente
  6. Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da Deputación de Pontevedra da actividade ou investimento subvencionado ou, se non é posible, declaración responsable do representante

9.3.- Tramitación da xustificación

Á vista da documentación xustificativa presentada e despois dos informes do Servizo Agrario e da Intervención provincial, o órgano competente resolverá sobre o pagamento da axuda.

No caso de que a documentación xustificativa non fose correcta ou suficiente, requirirase ao interesado para que subsane as faltas nun prazo de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte da notificación do requirimento.

Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

  • No caso de que se xustifique o 100% do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención
  • No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100% do orzamento subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.

O aboamento da subvención realizarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

10.— RÉXIME SANCIONADOR
Será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.

11.— ÓRGANO DE APROBACIÓN
De acordo co establecido na base 16ª.2 das de execución do orzamento para o ano 2008 e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

12.— RECLAMACIÓNS
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contenciosos-Administrativo como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998 (modificada pola Lei 19/2003) no prazo de dous meses. Asemade, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación, ou no seu caso da publicación no BOP, ou da data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

13.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nas presentes bases contemplarase o establecido nas Bases de Execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2008, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/2003), no seu Regulamento (BOE núm. 176, de 25/07/2006), na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e nas demais disposicións vixentes que resulten de aplicación.



Boletín Oficial da Provincia, data 08/08/08, número 153, páxina 3, anuncio 2008008193.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 09/09/2008 15:49
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/