[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 23 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

deputación de pontevedra

Bases reguladoras para a concesión por concorrencia
competitiva de anticipos reintegrables a Entidades Locais
da provincia de Pontevedra

bases
anexo I | anexo II | anexo III | anexo IV | anexo V

bases

PRIMEIRA. FUNDAMENTO
De acordo co disposto no artigo 2-4, h) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os anticipos reintegrables, ó non reportar intereses ou outras contraprestacións propias das operación de crédito, considéranse como subvencións e, polo tanto, a súa concesión suxeitarase ó disposto na LXS.

SEGUNDA. OBXECTO
As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión de anticipos reintegrables sen xuros, por parte do Organismo Autónomo Local Caixa de Anticipos de Cooperación da Deputación de Pontevedra, a entidades locais da provincia de Pontevedra cun número de habitantes de dereito non superior a 25.000, durante o exercicio anterior para investimentos.

TERCEIRA. CRÉDITO QUE SE IMPUTA A ESTE PROGRAMA DE CONCESIÓN DE ANTICIPOS
Para financiar este programa de concesión de anticipos reintegrables destinarase o 80 por cento do crédito (é dicir 1.186.150,61 euros), da partida 08/911.821.01 do orzamento do OAL Caixa de Anticipos de Cooperación para a súa concesión por concorrencia competitiva; o 20 por cento restante (é dicir 296.537,65 euros) concederase seguindo o procedemento de concesión directa.

Estes importes representan a cifra máxima de concesión de anticipos durante o exercicio mentres non se incremente o crédito consignado.

CUARTA. FINALIDADE PARA A QUE SE PODEN CONCEDER ANTICIPOS REINTEGRABLES
Con cargo a este programa pódense conceder anticipos reintegrables para as seguintes finalidades:

  • Con carácter preferente, para facer fronte á achega dos entes locais ós investimentos incluídos en plans provinciais de cooperación, en investimentos financiados con Fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como en aqueles outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou a Comunidades Autónoma.
  • Para o resto de investimentos en obras e servizos dos entes locais
  • Con caráter excepcional poderanse conceder anticipos para operacións de tesourería, para facer fronte a situacións transitorias de tesourería, especialmente para aquelas situacións de emerxencia dos entes locais debidamente acreditados, previo informe favorable dos servizos técnicos da Caixa (xefa do Servizo e interventor) e así sexa apreciada polo Consello reitor.

QUINTA. CARACTERÍSTICAS DOS ANTICIPOS REINTEGRABLES
Os anticipos reintegrables que concede a Caixa de Anticipos terán as seguintes características:

  • Importe máximo que se pode conceder: o 75% por cento do custo do investimento, sen superar os 300.000 euros. En casos especiais o Consello Reitor poderá, motivadamente, incrementar a porcentaxe e o importe absoluto. Así mesmo, cando trala asignación de acordo cos límites anteriores haxa excedente de crédito poderanse incrementar os importes inicialmente concedidos ata o esgotamento do crédito sobrante ou proceder a unha nova convocatoria.
  • Prazo máximo para dispoñer do anticipo: o prazo para dispoñer do crédito será como máximo de dous anos, a contar dende a sinatura do contrato. En casos especiais, debidamente xustificados, poderase prorrogar por un período máximo de ata un ano.
  • Prazo máximo de amortización: o prazo máximo de amortización será de ata 15 anos, excepto os anticipos solicitados para xustificar subvencións, nos que este prazo será como máximo de dous anos.
  • As amortizacións serán por períodos naturais anuais ou fracción de ano.
  • O importe de cada amortización anual (ou no seu caso fracción de ano) será o resultado de dividir o saldo disposto entre os anos ou fraccións de ano que falten para finalizar a amortización.
  • Prazo de inicio de amortización: a amortización das cantidades dispostas comezará no exercicio que finalice a disposición do anticipo ou no que finalice o prazo para a disposición do anticipo, determinándose no contrato o prazo concreto de inicio da amortización. Non obstante, as entidades locais poderán solicitar algún período de carencia, que non poderá ser superior a tres anos, a contar dende a formalización do contrato.
  • Xuros: os anticipos que se concedan non reportan xuros.
  • Comisións: o 2 por cento, por unha soa vez, para facer fronte ós gastos de administración, e esixirase antes da formalización do contrato.

SEXTA. REQUISITOS QUE DEBEN CUMPRIR OS ENTES LOCAIS SOLICITANTES
Os entes locais que soliciten a concesión dalgún anticipo reintegrable deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Ter unha poboación de dereito inferior ós 25.000 habitantes, de acordo co último Padrón ou actualización publicado polo INE.
  • Ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente, ou en caso de prórroga cumprir co previsto no artigo 50 do TRLRHL.
  • Non se concederán anticipos a concellos ou entidades que teñan pendente de pagaren cotas de amortización vencidas de exercicios anteriores ou a comisión de formalización dalgún anticipo xa concedido.
  • Solicitude asinada polo alcalde do concello ou o presidente do ente local.
  • Memoria explicativa do investimento a realizar e do seu financiamento e proxecto do investimento a executar.
  • Importe do anticipo que se solicita en termos absolutos e relativos e indicación de se se solicitaron outras axudas para a mesma finalidade e mais o compromiso de informar a Caixa de Anticipos das que se obteñan no futuro.
  • Acordo do órgano competente polo que se:
    • Aproban as condicións do contrato de anticipo.
    • Compromete a consignar nos seus orzamentos, nos exercicios nos que estea vixente o anticipo, a cantidade necesaria para proceder a súa amortización (agás as destinadas a operacións de tesourería).
    • Faculta a Caixa de Anticipos de Cooperación e a Deputación para reter ou compensar calquera saldo que teñan ó seu favor con toda clase de débedas vencidas e pendentes de pagarlle á Caixa ou á Deputación.
  • Remisión de:
    • Certificado sobre o aforro neto, de acordo coa última liquidación do seu orzamento, e da débeda viva pendente de amortizar na data da solicitude.
    • Calquera outro requisito establecido na normativa reguladora das operacións de crédito no ámbito local: autorización, no caso de ser necesario polo órgano competente da Comunidade Autónoma, comunicación da concesión, etc.
    • Difundir que o investimento se financia total ou parcialmente co anticipo reintegrable concedido pola Caixa de Anticipos da Deputación.
    • Certificado: do esforzo fiscal, do número de habitantes de dereito e demais criterios de valoración que se establecen nestas bases.
    • Declaración das subvencións obtidas para dita finalidade e compromiso de comunicarlle á Deputación as que se obteñan nun futuro.
    • Documentación acreditativa de cumprir as condicións para percibir a subvención.
    • Datos bancarios para, no seu caso, realizar o aboamento da subvención.
    • Certificación de estar ó corrente das súas obrigas tributarias (Estado e Deputación) e coa Seguridade Social.
    • Declaración responsable de non estar incurso en ningún dos supostos de prohibición para percibir subvencións.
    • Compromiso de dar cumprimento ás condicións da subvención.

    (Ver anexos I, II e III)

  • Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na norma de convocatoria requirirase ó interesado para que a emende no prazo máximo de 10 días, indicándolle que se non o fixese se terá por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no art. 71 da Lei 30/92 do TRLAPPAC.

SÉTIMA. PRAZOS
A presente convocatoria de concesión de anticipos reintegrables suxeitarase ós seguintes prazos:

  • Presentación das solicitudes: dous meses, a contar dende o día seguinte ó da publicación da convocatoria e das bases no Boletín Oficial da Provincia.
  • Resolución das solicitudes de concesión: seis meses, a contar dende a finalización do prazo para presentar as solicitudes. O transcurso de dito prazo sen resolver supón a desestimación da solicitude.
  • Disposición do anticipo: será como máximo de dous anos, a contar dende a sinatura do contrato; só en casos especiais debidamente xustificados se poderá prorrogar por un período máximo de ata un ano.
  • Amortización: segundo a solicitude non pode superar os 15 anos, a contar dende o ano seguinte ó da formalización do contrato, excepto nos anticipos para xustificar subvencións e nos anticipos de tesourería, que non pode superar os dous anos.
  • Inicio da amortización: a amortización das cantidades dispostas comezará no exercicio no que finalice a disposición de anticipo ou no que finalice o prazo para a súa disposición, sexa esta total ou parcial ou, de ser o caso, cando finalice o período de carencia, e non poderán superar o prazo de quince anos, a contar dende a data da súa formalización. As amortizacións serán esixibles a partir primeiro día do ano á que corresponda cada amortización.

OITAVA. CRITERIOS DE CONCESIÓN E CUANTIFICACIÓN DOS ANTICIPOS
Os anticipos que se concedan por concorrencia competitiva concederanse en base ás seguintes normas:

  • Para achegas a plans provinciais de investimentos (PPC, PAM, PSA e outros), para investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como aqueles outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, valoraranse ata 5 puntos.
  • Investimentos en servizos públicos mínimos regulados nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, de 2 abril, bases do réxime local, valoraranse ata 2 puntos.
  • Importancia do investimento, valoraranse ata 10 puntos.
  • Aportación do Concello ó investimento, valoraranse ata 2 puntos.
  • Esforzo fiscal per capita, valorarase ata 1 puntos.
  • Número de habitantes de dereito do ente local, valorarase á inversa, ata 5 puntos.
  • Especial dificultade na prestación de servicios, valorarase ata 3 puntos.

NOVENA. INSTRUCIÓN E COMISIÓN DE VALORACIÓN
A instrución do procedemento de concesión dos anticipos correspóndelle a xefa dos Servizos Administrativos da Caixa de Anticipos de Cooperación, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos expedientes. Así mesmo, deberá elaborar un informe-proposta aplicando os criterios de concesión e cuantificación establecidos na base oitava.

Unha vez fiscalizado o informe-proposta a Comisión avaliadora en base a este proporá motivadamente o acordo de concesión e/ou desestimación das solicitudes de anticipos tramitadas.

A Comisión de valoración estará composto por:

  • Presidente: o presidente nato ou deputado en quen delegue
  • Vogais: o presidente executivo, o vicepresidente e o director de infraestructuras.
  • Secretario: actuará como secretario, sen voto, a xefa dos Servizos Administrativos da Caixa de Anticipos.

DÉCIMA. PROCEDEMENTO
A concesión de anticipos reintegrables seguirá o seguinte proceso:

  • Presentación de solicitudes.
  • Estudo das solicitudes presentadas polos servizos técnicos do OAL da Caixa de Anticipos.
  • Emenda, no seu caso, de defectos.
  • Elaboración de informe-proposta de concesión pola xefa do Servizo.
  • Informe de fiscalización sobre os expedientes e o informe-proposta da xefa de Servizo.
  • Proposta motivada de concesión, elaborada pola Comisión Avaliadora en base ó informeproposta da xefa de Servizo.
  • Elevación ó Consello reitor do OAL da Caixa de Anticipos de Cooperación para que decida sobre a concesión.
  • O prazo para resolver será de seis meses, a contar dende o día seguinte ó da finalización do prazo para presentar as solicitudes.
  • Recursos: potestativo de reposición ante o Consello reitor da Caixa de Anticipos, ou o recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Admnistrativo da cidade de Pontevedra.

DÉCIMA PRIMEIRA. XUSTIFICACIÓN E DISPOSICIÓN DO ANTICIPO
A xustificación da realización dos investimentos que se financian co anticipo será como a continuación se sinala:

  • Presentando certificación de obra, ou escritura pública do contrato de compra venda, no caso de adquisición de bens inmobles (neste último caso a escritura poderase presentar despois da disposición do anticipo).
  • Mediante certificación do secretario ou do interventor no que se acredite a execución real do investimento financiado co anticipo, e a declaración de que os xustificantes se atopan no ente local a disposición do OAL da Caixa de Anticipos de Cooperación para, no seu caso, proceder ó seu exame, xa sexa na propia sede do ente local ou solicitando a súa remisión ás oficinas da Caixa de Anticipos.
  • Acreditar a publicidade dada da financiación cun anticipo reintegrable concedido pola Caixa de Anticipos da Deputación.
  • Certificado de que as axudas recibidas non superan o custo do investimento para o que se concedeu o anticipo.
  • O prazo para xustificar os investimentos será o mesmo que para a súa disposición.

(Ver anexos IV e V)

O pagamento das disposicións do anticipo faranse a medida que se xustifique a realización dos investimentos que se financian co anticipo, aboándose para cada xustificación que se presente a parte proporcional do anticipo en relación co custo total do investimento.

DÉCIMA SEGUNDA. COMPATIBILIDADE CON OUTRAS SUBVENCIÓNS
Pola propia finalidade da Caixa de Anticipos de Cooperación os anticipos que esta conceda son compatibles con calquera outra subvención ou axuda destinada ó financiamento do investimento para o que se concedeu o anticipo; sempre e cando o importe agregado das subvencións e o anticipo non superen o custo total do investimento.

No caso de que o importe agregado das subvencións e o anticipo superen o importe do custo do investimento recortarase o importe do anticipo.

Pontevedra, a 22 de xullo de 2008.
O PRESIDENTE DA CAIXA

Boletín Oficial da Provincia, data 02/09/2008, número 169, páxina 23, anuncio 2008008784.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 02/09/2008 06:10
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/