[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 16 DE OUTUBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Cursos
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2
CURSOS 

deputación de pontevedra

proxecto aquelando 2

bases | solicitude de participación
LISTADO DE ADMITIDOS Y SUPLENTES

bases

1. OBXECTO
O Proxecto Aquelando 2 é unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra dentro do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios subvencionada polo Fondo Social Europeo no eido do Programa Operativo “Adaptabilidade e Emprego”, a través do Ministerio de Administracións Públicas.

O obxectivo é a inserción laboral das persoas demandantes de emprego da provincia de Pontevedra a través da formación ocupacional e profesional axeitada acompañada de práctica laboral mediante a realización de diferentes itinerarios de inserción reflectidos no anexo I.

As presentes bases regulan o procedemento selectivo das persoas para participar nos itinerarios do mencionado proxecto. O número de persoas a seleccionar é de 475 ao longo dos 36 meses de duración do proxecto.

Os/as participantes poderán ser beneficiarios/as dunha bolsa de formación como medida de fomento da formación e aptitude para o emprego.

2. CARACTERÍSTICAS DAS ACCIÓNS FORMATIVAS
A formación que se vai impartir contempla distintos ámbitos de capacitación, tanto a nivel persoal como profesional, no sector de servizos de atención ás persoas.

Nas accións formativas dos tinerarios 1 e 3 participarán 410 personas e os cursos son os seguintes

CURSOSNº EDICIÓNSNº PRAZAS
(por edición)
DURACIÓN
(en horas)
AUXILIAR DE AXUDA A DOMICILIO520550
COIDADOR/A DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE FÍSICA E/OU PSÍQUICA420465
AUXILIAR DE COIDADO INFANTIL320449
AUXILIAR DE ENFERMERÍA EN XERIATRÍA320690
AUXILIAR DE TAREFAS DOMÉSTICAS EN CENTROS SOCIOSANITARIOS E FOGARES420525
AXENTE DE MEDIACIÓN INTERCULTURAL215425

Na acción formativa que se vai realizar no itinerario 2 participarán 65 persoas que completan o número total de 475 beneficiarios/as do proxecto.

Os cursos realizaranse nos lugares que estableza o equipo técnico do proxecto atendendo aos seguintes criterios:

  1. Actual demanda de formación nese ámbito e nese municipio.
  2. Tipo de poboación.
  3. Sectores de actividade e tipos de empresas do contorno.
  4. Dispoñibilidade de recursos para a inserción.

O horario da formación teórico-práctica será de 5 horas/día, de luns a venres, dependendo da dispoñibilidade das aulas de formación, dos lugares onde se realicen as prácticas e nas datas estipuladas no cronograma interno do proxecto.

As prácticas levaranse a cabo unha vez que os/as alumnos/as finalicen a formación teórica, que terán diferente duración dependendo da formación cursada.

Estas accións formativas levaranse a cabo nos anos 2009, 2010 e 2011.

Os/as alumnos/as beneficiarios/as do proxecto que non superen o 75% de asistencia, non terán dereito a diploma.

3. PERSOAS BENEFICIARIAS
As persoas beneficiarias do Proxecto serán persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego e empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra, acreditándose coa presentación da tarxeta de demandante de emprego e co certificado de empadroamento.

As persoas demandantes de emprego empadroadas nos concellos de Vigo e Pontevedra só poderán ser incluídos/as no Proxecto Aquelando 2 naquelas situacións que polas súas necesidades persoais e/ou formativas fose necesario para a súa inserción laboral.

As persoas beneficiarias serán prioritariamente mulleres, que pertenzan a algúns dos seguintes colectivos:

  1. Inmigrantes e emigrantes retornados/as.
  2. Persoas afectadas por unha minusvalía física, psíquica e/ou sensorial.
  3. Persoas vítimas de violencia de xénero e/ou doméstica.
  4. Persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social tales como ex toxicómanos/as, ex reclusos/as, etc.
  5. Minorías étnicas.
  6. Mozos/as que non superaron o ensino obrigatorio.
  7. Coidadores/as non profesionais que non estean dados/as de alta na Seguridade Social.
  8. Outras persoas ou grupos identificados no Plan Nacional de Inclusión Social.

No caso do curso de “Axente de mediación intercultural”, os/as beneficiarios/as ademais de cumprir os requisitos anteriormente mencionados terán que estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións relacionadas coa área social: traballo social, educación social, pedagoxía, psicoloxía, psicopedagoxía, relacións laborais e/ou dereito e/ou postgrados/másters relacionados coa área social.

4. PRESENTACION DE SOLICITUDES
As persoas interesadas en participar nos cursos de formación para a inserción laboral do Proxecto Aquelando 2 deberán presentar as solicitudes, segundo o modelo establecido no anexo II, onde se ubica o equipo técnico:

      Deputación de Pontevedra
      Proxecto Aquelando 2
      Centro Príncipe Felipe
      Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios
      Avda. de Montecelo, 12
      36161 Pontevedra
      Tlfn.: 986 804 135 – Ext. 378/379
      Fax: 986 843 662
      aquelando@depo.es

Ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992 de 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes comezará no momento da publicación das presentes bases e rematará ao inicio de cada acción formativa.

5. DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POLOS BENEFICIARIOS
As persoas beneficiarias deberán presentar xunto coa solicitude a seguinte documentación debidamente actualizada:

  1. Certificado de empadroamento.
  2. DNI ou NIE en vigor.
  3. Tarxeta de Demandante de Emprego.
  4. Certificado de Vida Laboral.
  5. No caso de ter especiais dificultades para obter un emprego, acompañarase un informe do Servizo Público de Emprego ou de entidades que traballen na inserción socio-laboral de persoas en risco de exclusión social.
  6. No caso de padecer algunha minusvalía, acompañar Certificado de Minusvalía, debidamente actualizado, expedido polo órgano competente.
  7. No caso de ter a condición de emigrante retornado/a, baixa consular expedida pola oficina consular española na que está inscrito/a ou certificado de emigrante retornado/a.
  8. Certificado das axudas que está a percibir, emitido por un organismo oficial.
  9. Certificación bancaria, onde conste como titular ou autorizado/a dunha conta bancaria.

6. PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
O equipo técnico do proxecto fará unha selección das persoas interesadas tendo en conta que cumpran os requisitos imprescindibles aos que se fai referencia no punto 3.

O procedemento de selección constará de dúas fases: valoración do currículo e entrevista persoal.

Para a valoración do currículo atenderase aos seguintes criterios de baremación:

REQUISITOBAREMO
CriterioPuntos
Experiencia profesional no sectorMáis de 12 meses2
De 6 a 12 meses1
Menos de 6 meses0,5
Tempo en desempregoMáis de 12 meses2
De 6 a 12 meses1
Menos de 6 meses0,5
Recursos económicosSe non ten ingresos propios1
Formación relacionadaPor cursos de menos de 200 horas0,25
Por cursos de más de 200 horas0,50
Máximo3

A suma total da puntuación obtida nesta fase de selección non pode superar o 40% da puntuación total.

O equipo técnico do proxecto realizará as entrevistas persoais de selección, nas que se valorarán, entre outras características, as seguintes:

  1. Mobilidade xeográfica e horaria para asistir á formación.
  2. Motivación para a súa formación teórica e práctica.
  3. Características persoais axeitadas ao traballo con persoas.
  4. Boa dispoñibilidade para o desenvolvemento das accións formativas e do traballo.
  5. Inexistencia de impedimentos que lle dificulten a asistencia ao traballo.
  6. Experiencia laboral no sector de servizos de atención a persoas.

A suma total da puntuación obtida nesta fase de selección non pode superar o 60% da puntuación total.

As persoas que participen neste proceso de selección serán valoradas como idóneas ou non idóneas para a súa inclusión no proxecto.

O equipo técnico deseñará o itinerario personalizado para a inserción socio-laboral das persoas seleccionadas como idóneas, que será consensuado co/coa interesado/a, quen, ó mesmo tempo, asinará o documento que recolle o “Compromiso de Incorporación” ó proxecto así como os “Dereitos e Deberes” que debe cumprir ó inicio das accións formativas.

Se o número de usuarios/as seleccionados/as como idóneos/as excede do número de persoas que poden participar en cada curso, pasarán a unha lista de suplentes. Estes deberán manter ata a data de inicio das accións formativas, os requisitos mínimos establecidos no punto 5 das bases.

No caso de non acadar o número suficiente de persoas para iniciar as accións correspondentes en calquera dos cursos, procederase a realizar unha nova convocatoria.

7. CRITERIOS PARA A CONCESIÓN DA BOLSA DE FORMACION
As persoas seleccionadas para participar nas accións formativas poderán percibir unha axuda cando o total de ingresos persoais non supere o 75% do Índice Público da Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Esta axuda será compatible coa percepción da prestación ou subsidio por desemprego así como con outras axudas públicas para a mesma finalidade, se ben o conxunto das rendas percibidas polo/a beneficiario/a da axuda por estes conceptos, incluído o importe da bolsa, non poderá superar o 75% do IPREM, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

A bolsa tamén será compatible có rendemento de traballo obtido con posterioridade ao inicio das accións formativas, se ben o conxunto das rendas percibidas polo/a beneficiario/a da axuda por estes conceptos, incluído o importe da bolsa, non poderá superar o 75% da contía fixada para o IPREM excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

O importe das axudas previstas calcularase en función do IPREM previsto para o ano anterior á realización dos cursos, segundo o presuposto aprobado polo Ministerio de Administracións Públicas na redacción do proxecto, que ascende a 516,90€ para o ano 2008 e non poderá superar o 75 % da contía fixada para o mencionado indicador (387,65 €).

O importe da axuda por mes concederase polo tempo que as persoas usuarias participan na formación teórica e práctica, tendo en conta os días lectivos. O número máximo de faltas de asistencia será de 3 días lectivos por mes, debendo ser xustificadas de maneira oficial, e sendo descontada da bolsa a parte proporcional correspondente ao 4º e sucesivos días de ausencia. As faltas sen xustificar non serán pagadas.

Para a concesión do importe das axudas terase en conta o número de usuarios/as con dereito a bolsa.

7.1. Prazo de presentación da solicitude da axuda
As persoas que sexan seleccionadas idóneas para participar nas accións formativas e desexen percibir a bolsa de formación presentaran unha solicitude conforme ao modelo establecido no Anexo III, nas dependencias que fai referencia o punto 4. O prazo de presentación de solicitudes comezará ao inicio de cada acción formativa e rematará un mes antes da finalización de cada curso.

Xunto coa solicitude deberá presentarse unha declaración das axudas e/ou rendementos de traballo que teñan solicitados ou que estean a percibir conforme ao modelo que se achega no anexo IV para verificar a compatibilidade e aboar a cantidade correspondente.

7.2. Tramitación das solicitudes
As solicitudes da bolsa de formación tramitaranse a través do equipo técnico do proxecto quen recompilará a totalidade de solicitudes, presentadas na forma prevista no punto 7.1.

A continuación comprobará o cumprimento dos requisitos propios da axuda. No caso de que a solicitude non estivera debidamente cuberta ou non se achegara a totalidade da documentación esixida, o equipo técnico requirirá ás persoas solicitantes para que emenden a falta ou aporten os documentos preceptivos nun prazo máximo de 10 días hábiles contados dende o día seguinte ao da recepción do requirimento, de conformidade co disposto con artigo 71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coa indicación de que, se así non o fixesen, teríanse por desistidos/as da súa petición, despois da resolución, que deberá de ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

A non entrega desta documentación nos prazos esixidos, leva aparellada a renuncia á bolsa de formación.

7.3. Resolución
A competencia para resolver as solicitudes das axudas individuais recollidas nestas bases corresponderá ao órgano de goberno competente da Deputación de Pontevedra, a proposta do Director e do Equipo Técnico do Proxecto Aquelando 2 e logo do exame polos órganos de xestión económico-financeira respectivos, conforme ao establecido no procedemento de autorización de gastos.

7.4. Forma de pagamento
O pagamento das axudas que sexan aprobadas efectuarase mediante ingreso bancario. O equipo técnico recibirá e comprobará os documentos de control de asistencia ás accións de formación teórico-práctica que aportarán as entidades responsables da execución de cada unha das accións co fin de calcular a cantidade a aboar. A axuda pagarase a mes vencido e será aboada dentro dos dous meses seguintes ó mes correspondente.

7.5. Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das axudas quedarán obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e facilitar a información que lles sexa solicitada polo equipo técnico, polo Ministerio de Administracións Públicas e polos órganos competentes da Unión Europea.

8. FINANZAMENTO
O desenvolvemento destas axudas quedará supeditado ao orzamento establecido para a prestación directa de axudas no Proxecto Aquelando 2, con base á partida orzamentaria 313.327.480.01. sendo a cantidade total de 841464€, dos cales: 393762€ para o 2009, 395560€ para o 2010 e 52142€ para o 2011. Quedando condicionadas á aprobación dos seus respectivos orzamentos

9. COMISIÓN DE SELECCIÓN
A Comisión de selección dos/as beneficiarios/as destas accións formativas estará integrada polos seguintes membros:

  • Presidente: Manuel Corujo Castro, Xefe do Servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios.
  • Secretario: Joaquín Lede Martínez, Director do Proxecto Aquelando 2.
  • Vogais: Carmen Iribarren Fernández-Rogina e Cristina González Carballa, Orientadoras Laborais do Proxecto Aquelando 2.

10. CONVOCATORIA
A convocatoria para cada un dos cursos de formación publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra, así como na prensa local.

Estes anuncios emitiranse en función do cronograma de actuacións, indicando as datas e lugares onde se van impartir.

11. INTERPRETACIÓN DAS BASES
A comisión de valoración queda facultada para resolver as dúbidas que se lle presenten, adoptar as decisións que estime oportunas para a aplicación destas bases así como para o desenvolvemento dos aspectos non previstos nas mesmas.

12. DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nas presentes bases contemplarase o establecido nas Bases de Execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2008, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/2003), no seu Regulamento (BOE núm. 176, de 25/07/2006), na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e nas demais disposicións vixentes que resulten de aplicación.



Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 26/02/2009 11:17
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/