[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 24 DE AGOSTO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Emprego Público
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Perfil do contratante
Subvencións, axudas, bolsas...
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2 3 4 5
EMPREGO PÚBLICO 

Deputación de Pontevedra

Contratación laboral por obra ou servizo determinado de
110 peóns de limpeza ou forestais para o
Plan de conservación e limpeza de espazos naturais 2009

bases | criterios de valoración e tribunais
entrevistas e horarios | Formulario de solicitude
lista provisional de admitidos e excluídos
LISTA DEFINITIVA DE ADMITIDOS E EXCLUÍDOS
LISTA DE ASPIRANTES SELECCIONADOS

BASES

A Presidencia, no uso das facultades que lle confire a normativa local vixente, ditou a seguinte RESOLUCIÓN:

No Boletín Oficial da Provincia nº 64 de data 3 de abril de 2009 publicouse a convocatoria do Plan de Conservación e Limpeza de espazos naturais para o ano 2009 en réxime de concorrencia competitiva para o acondicionamento, limpeza e mellora das zonas medioambientais, así como a reposición, recuperación e adecuación das praias e areais do litoral, mediante a contratación laboral temporal por obra ou servizo determinado de 110 peóns de limpeza ou forestais, por un período de seis meses.

Na base novena de dita convocatoria establécese que a selección dos traballadores a contratar efectuarase mediante convocatoria pública e conforme ós principios de mérito e capacidade.

Por acordo adoptado na Xunta de Goberno da Deputación Provincial na súa sesión celebrada o 22 de abril de 2009 determinouse o número de traballadores a contratar para cada Concello.

A través deste plan preténdese asegurar, nos meses de verán e de maior afluencia turística, unha prestación integral e adecuada dos servizos de competencia municipal na totalidade do territorio provincial.

Considerando que o artigo 19 do I Convenio Colectivo para persoal laboral desta Deputación Provincial e artigo 35 do Real decreto 364/95, de 10 de marzo, permite unha simplificación do procedemento que posibilite unha cobertura máis áxil das necesidades en función dos prazos sinalados na convocatoria do plan para o inicio dos traballos a desenvolver, por razóns de urxencia e necesidade e de conformidade co disposto no artigo 34. g) da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 11/99, do 21 de abril, RESOLVO aprobar a presente convocatoria para a contratación laboral por obra ou servizo determinado de 110 peóns de limpeza ou forestais para os concellos da provincia de máis de 10.000 e menos de 50.000 habitantes, que se rexerá polas seguintes BASES:

PRIMEIRA.— Obxecto da convocatoria
Esta convocatoria ten por obxecto a contratación laboral por obra ou servizo determinado de 110 peóns de limpeza ou forestais para levar a cabo en diferentes concellos da provincia o acondicionamento, limpeza e mellora das zonas medioambientais, así como a reposición, recuperación e adecuación das praias e areais do litoral.

Dita contratación formalizarase ó abeiro do establecido no artigo 35 do Real decreto 364/95, do 10 de marzo, art. 103 da Lei 7/85, do 2 de abril, artigo 2 do Real decreto 2720/98, de 18 de decembro, e artigo 15 da Lei do estatuto dos traballadores e demais normas de concordante e pertinente aplicación.

SEGUNDA.— Número e características dos postos de traballo ofertados.
O número de postos, a súa denominación e características relaciónanse a continuación:

CONCELLOCATEGORÍANº POSTOS
BAIONAPeón de Limpeza8
BUEUPeón de Limpeza3
CAMBADOSPeón de Limpeza5
CAMBADOSPeón de Limpieza reservada a discapacitados1
CANGASPeón de Limpeza4
ESTRADA, APeón Forestal4
GONDOMARPeón de Limpeza4
GROVE, OPeón de Limpeza6
GUARDA, APeón de Limpeza5
LALÍNPeón Forestal7
MARÍNPeón de Limpeza5
MOSPeón Forestal6
NIGRANPeón de Limpeza5
POIOPeón de Limpeza4
PONTEAREASPeón Forestal6
PORRIÑOPeón Forestal3
REDONDELAPeón de Limpeza5
SANXENXOPeón de Limpeza8
TOMIÑOPeón de Limpeza2
TUIPeón de Limpeza6
VILAGARCÍA DE AROUSAPeón de Limpeza6
VILANOVA DE AROUSAPeón de Limpeza7

TERCEIRA.— Sistema de selección
A selección levarase a cabo mediante a realización dunha entrevista persoal que será valorada conforme ós criterios que se determinan na base décima.

CUARTA.— Requisitos dos aspirantes
Con carácter xeral, para seren admitidos neste proceso selectivo os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

  1. Ter a nacionalidade española, sen prexuízo do disposto no artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, respecto do acceso ó emprego público de nacionais doutros estados.
  2. Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non excederen, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
  3. Posuír ou estar en condicións de obter o título de certificado de escolaridade o día en que remate o prazo de presentación de instancias.
  4. Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais do posto ó que aspira.
  5. Non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública ou en calquera dos supostos que contempla o artigo da Lei 7/2007, de 12 de abril.
  6. Ter ingresado na Tesourería da Deputación ou na conta bancaria de Caixanova nº 2080 0401 68 0040106618 a cantidade fixada como dereitos de exame.

QUINTA.— Solicitudes

  1. As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas convocadas deberán facelo constar mediante unha instancia dirixida ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación Provincial. A instancia conterá, polo menos, os datos persoais do solicitante co seu enderezo, teléfono e a denominación do posto de traballo correspondente ó concello ó que opta, debendo achegar a seguinte documentación:
    1. Fotocopia autenticada do documento nacional de identidade.
    2. Documentación acreditativa dos criterios de valoración sinalados na base décima, que se acreditará có certificado da vida laboral, certificados de empresa ou fotocopia dos contratos de traballo.
    3. Certificado de empadroamento do concello a que pertence.
    4. Xustificante de pago individual dos dereitos de exame esixidos para participar en cada proceso selectivo, indicando o posto e concello a que corresponde, e dicir, tantas cartas de pago coma instancias.

    Para seren admitidos nestas probas selectivas os aspirantes deberán manifestar nas súas solicitudes de participación que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na data en que expire o prazo de presentación. No rexistro xeral da Deputación facilitaráselles ós interesados o modelo de solicitude incluído no anexo I desta convocatoria.

  2. O prazo para presentaren as solicitudes será de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
  3. A presentación de solicitudes poderá facerse ben no rexistro xeral da Deputación Provincial de Pontevedra, ben en calquera das formas establecidas no art. 38.4 da Lei 30/92, de 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As solicitudes que se presenten a través da oficina de correos deberán entregarse en sobre aberto para seren seladas e datadas polo funcionario de correos antes de seren certificadas.

    En caso de que as solicitudes se presenten na oficina de correos ou nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración Xeral do Estado ou a calquera Administración das Comunidades Autónomas, o interesado deberá acreditar, co resgardo correspondente, a data do envío dende a Oficina de Correos ou dende ditas Administracións e remitir nese día ó Servizo de Recursos Humanos, por fax ó 986804141, a solicitude e demais documentación esixida. Sen cumprir tales requisitos non será admitida a solicitude de participación no caso de que se recibira no rexistro xeral fóra do prazo fixado na convocatoria.

    Non se admitirán as solicitudes presentadas no rexistro dos Concellos da Provincia ó non existir o correspondente convenio.

  4. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que consten na súa solicitude, se ben os erros de feito que poidan advertirse poderán emendarse ou repararse en calquera momento, ben de oficio, ben a instancia de parte.
  5. Os aspirantes con algunha discapacidade deberán indicalo na súa solicitude e, no seu caso, solicitarán as posibles adaptacións de medios para realizar a entrevista.
  6. Na instancia deberá especificarse obrigatoriamente o posto de traballo ó que opta e o concello ó que figura adscrito. En caso de optar a postos de diferentes concellos, os aspirantes deberán de presentar unha instancia por cada posto e concello e aboar os correspondentes dereitos de exame por cada un deles de forma separada.

SEXTA.— Dereitos de exame
Será requisito necesario para participar neste proceso selectivo aboar a cantidade de 3 € en concepto de dereitos de exame así como os gastos de tramitación que, no seu caso, determine a entidade bancaria, que poderán satisfacerse directamente na Tesourería da Deputación, ou ben mediante xiro postal, telegráfico ou transferencia a conta bancaria de Caixanova nº 2080 0401 68 0040106618, dirixida á Deputación Provincial e indicando o posto ó que aspira; de non realizarse o pagamento directamente na Tesourería provincial, o solicitante fará constar na súa instancia a data do xiro ou da transferencia e o número do resgardo.

En ningún caso a mera presentación ou pagamento dos dereitos de exame suporá substituír o trámite de presentación en tempo e en forma da solicitude.

Estarán exentas de pagar os dereitos de exame as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, debendo acreditalo documentalmente xunto coa instancia mediante certificado de minusvalía.

Os dereitos de exame reintegraránselles de oficio ós interesados que sexan excluídos definitivamente da lista de admitidos para a entrevista.

SÉTIMA.— Admisión de aspirantes

  1. Finalizado o prazo de 5 días hábiles establecido para presentar as solicitudes, o presidente ditará resolución declarando aprobada a lista provisional de admitidos e excluídos, especificando, no seu caso, os motivos de exclusión, así como o lugar e data en que terá lugar a entrevista, que se publicará no Boletín Oficial da Provincial e no taboleiro de anuncios da Deputación Provincial.
  2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 3 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, no seu caso, o defecto que motivase a súa exclusión. No suposto de producirse reclamacións deberá ditarse unha nova resolución estimándoas ou desestimándoas coa publicación da lista definitiva no taboleiro de anuncios.
  3. Contra a resolución do presidente, aprobatoria da lista definitiva, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que a ditou, no prazo de un mes a partir do día seguinte ó desta notificación (artigos 107 e 117 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99 do 13 de xaneiro) ou ben un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, segundo o artigo 46 da Lei 29/98, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
  4. O feito de figurar incluído na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados posuíren os requisitos esixidos no procedemento selectivo convocado, que deberán ser xustificados documentalmente no suposto de que os aspirantes admitidos superen o proceso selectivo.

OITAVA.— Tribunal cualificador

  1. Os membros dos tribunais cualificadores designaránse polo presidente segundo o disposto no art. 4, parágrafos e) e f) do Real decreto 896/91, do 7 de xuño, así como artigo 60 da citada Lei 7/2007, do 12 de abril, tendo en conta a paridade entre homes e mulleres.
  2. Cada un dos tribunais cualificadores estará integrado por tres membros titulares e tres suplentes, sendo a súa composición a seguinte: presidente, secretario e un vogal.
  3. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse en representación nin por conta de ninguén.
  4. Non poderán formar parte dos tribunais as persoas de elección ou designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual.
  5. A Presidencia, antes de que teña lugar a entrevista de selección, publicará no BOP e no taboleiro de anuncios da corporación, xunto coa lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, a resolución na que se nomean os membros titulares e suplentes dos tribunais cualificadores,
  6. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, comunicándolle ó presidente cando concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/92 de26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.
  7. O tribunal cualificador deberá constituírse na data que designe o presidente para estes procesos selectivos, entendéndose validamente constituído cando asista a maioría absoluta dos membros de cada tribunal, titulares ou suplentes.
  8. Os tribunais cualificadores adoptarán as medidas precisas naqueles casos que resulte necesario para que os aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións para realizaren os exercicios cás do resto dos demais aspirantes, dispoñendo, no seu caso, as posibles adaptacións de tempo e de medios.
  9. En caso de ausencia do presidente titular e do presidente suplente actuará no seu lugar o vogal designado en primeira orde.
  10. Os membros do tribunal e os seus asesores que asistan ás sesións percibirán as axudas de custo pola súa asistencia segundo a contía legalmente establecida.

NOVENA.— Entrevista

  1. Os aspirantes convocaranse para a realización da entrevista nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os aspirantes que non comparezan.
  2. Os aspirantes deberán presentarse a entrevista provistos do DNI, ou documento fidedigno acreditativo da súa personalidade a xuízo do tribunal.
  3. Concluída a entrevista, o tribunal fará pública, no taboleiro de anuncios, a relación de aspirantes que a superasen, indicando a puntuación obtida. Os aspirantes non incluídos na lista terán a consideración de “non aptos”. 4. O tribunal non poderá en ningún caso declarar que superou a entrevista un número superior de aspirantes ó de postos ofertados para cada concello. Calquera proposta que contraveña o establecido anteriormente será nula de pleno dereito.
  4. Os candidatos seleccionados para os postos de traballo ofertados deberán acreditar que cumpren os requisitos esixidos na base cuarta desta convocatoria.
  5. Non obstante o anterior, co fin de cubrir tódolos postos ofertados, no caso de que o aspirante proposto non supere o recoñecemento médico, non acredite os requisitos esixidos ou renuncie con posterioridade ó contrato, o tribunal deberá preparar unha relación complementaria de aspirantes que sigan ós propostos por orde de puntuación para súa posible contratación, sen prexuízo de que o posto poida quedar deserto.
  6. Nestes procesos selectivos promoverase a igualdade real entre mulleres e homes para accederen os postos de traballo ofertados.
  7. Contra os acordos do tribunal poderá interpoñerse recurso administrativo de alzada perante o presidente que os nomeou, segundo o previsto no artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/99, do 13 de xaneiro.

DÉCIMA.— Cualificación da entrevista

  1. A entrevista será cualificada de 0,00 (cero) a 10,00 (dez) puntos. Para súa valoración teránse en conta os seguintes criterios:
    1. Experiencia profesional no desempeño do posto de traballo convocado: ata un máximo de TRES PUNTOS. Acreditarase xunto coa instancia mediante certificado da vida laboral, certificados de empresa ou fotocopia dos contratos de traballo.
    2. Proximidade xeográfica ó lugar de traballo: CATRO PUNTOS. Acreditarase xunto coa instancia a través do certificado de empadroamento do concello a que pertence, cuxa inscrición deberá ser anterior á data en que se publiquen estas bases no BOP.
    3. Aptitudes e coñecementos teóricos e prácticos sobre o contido do posto de traballo ofertado: ata un máximo de TRES PUNTOS. Acreditarase na entrevista coas preguntas que formule o tribunal.

DÉCIMO PRIMEIRA.— Desenvolvemento do proceso selectivo
O lugar, data e mais a hora en que terá lugar a entrevista publicarase no Boletín Oficial da Provincia xunto coa lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos.

DÉCIMO SEGUNDA.— Contratación
Finalizado os procesos selectivos, o presidente da Deputación Provincial procederá á contratación laboral por obra ou servizo determinado dos aspirantes propostos polos tribunais cualificadores ó abeiro do establecido no artigo 2 do Real decreto 2720/98, do 18 de decembro.

DÉCIMO TERCEIRA.— Recoñecemento médico
Os aspirantes propostos someteranse obrigatoriamente a recoñecemento médico ó inicio da súa relación laboral, a fin de poder comprobar que o traballador reúne as condicions físicas axeitadas para o desenvolvemento do posto de traballo ofertado, e no suposto de que dito recoñecemento médico declarase a este traballador non apto, este cesará automaticamente no posto para o que foi contratado.

DÉCIMO CUARTA.— Condicións laborais
As condicións laborais deste persoal rexeranse polo disposto no I Convenio Colectivo para persoal laboral desta Excma.Deputación Provincial, e supletoriamente polo disposto no Estatuto dos traballadores.

  • Duración: SEIS meses, do 1 de xuño ó 30 de novembro do 2009.
  • Xornada laboral: 37,50 horas e media.
  • Horario de traballo: O que determine o Concello.
  • Vacacións: 11 días hábiles.
  • Retribucións: 1.286,09 € brutos mensuais, incluída a parte proporcional das pagas extras.

DÉCIMO QUINTA.— Período de proba
Establécese un período de proba de un mes.

DÉCIMO SEXTA.— Carácter vinculante das bases
As bases desta convocatoria vinculan á Deputación Provincial, ós tribunais cualificadores e ós aspirantes que participen no proceso selectivo convocado.

DÉCIMO SÉTIMA.— Incidencias
O tribunal de cada proceso selectivo queda facultado para interpretar as bases da convocatoria, así como para resolver cantas dúbidas e incidencias presente a súa aplicación e poderán adoptar os acordos necesarios procurando a boa orde e desenvolvemento do proceso selectivo.

DÉCIMO OITAVA.— Disposición final
As bases da convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas e das actuacións dos tribunais poderán ser impugnadas nos casos e na forma establecidos pola Lei 30/92, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99, do 13 de xaneiro.

Pontevedra, 22 de Abril de 2009
O PRESIDENTE
Rafael Louzán Abal
O SECRETARIO
Carlos Cuadrado Romay

Boletín Oficial da Provincia, data 24-04-2009, número 77, páxina 14, anuncio 20090043333.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3 4 5

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 19/05/2009 07:35
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/