[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 24 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Emprego Público
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Perfil do contratante
Subvencións, axudas, bolsas...
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2 3 4
EMPREGO PÚBLICO 

deputación de pontevedra

Relación de aspirantes que superaron o segundo exercicio
da oposición libre convocada para cubrir interinamente,
por razóns de urxencia e necesidade, unha praza de eneñeiro técnico en informática de xestión

resolución presidencial
ANEXO I - Solicitude | ANEXO II - Admitidos | ANEXO III - Aspirantes
lista de admitidos e excluídos | notas do primeiro exercicio
Aspirantes que superaron o segundo exercicio

anuncio

A Presidencia, no uso das facultades que lle confire a normativa vixente, ditou a seguinte RESOLUCIÓN:

De conformidade coa proposta do responsable do Servizo de Novas Tecnoloxías de data 21 de maio de 2009, e virtude das facultades que me confire o artigo 34. g) da Lei 7/85, do dous de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 11/99, do 21 de abril, RESOLVO aprobar a convocatoria e bases para cubrir interinamente una praza de enxeñeiro técnico en informática de xestión, que se rexerá polas seguintes BASES:

PRIMEIRA.- OBXECTO
Esta convocatoria ten por obxecto cubrir interinamente, por razóns de urxencia e necesidade, unha praza de ENXEÑEIRO TÉCNICO EN INFORMÁTICA DE XESTIÓN do grupo A2, encadrada na escala de admón especial, subescala técnica, clase técnico medio.

A dita convocatoria efectúase ó amparo do disposto no art. 27.1.2 do Real decreto 364/95, do 10 de marzo, e na disposición adicional primeira do Real decreto 896/91, do 7 de xuño (BOE nº 142 de 14 de xuño de 1991), así como o art. 246 da Lei 5/97 de Admón. local de Galicia e artículo 10 de la Ley 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, segundo os principios de mérito e capacidade e no uso das facultades que á Presidencia lle confire o art. 34.g) da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 11/99, do 21 de abril.

SEGUNDA.- SISTEMA DE SELECCIÓN
A selección levarase a cabo mediante o sistema de oposición libre

TERCEIRA.- CONDICIÓNS DOS ASPIRANTES
Para seren admitidos neste proceso selectivo os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

  1. Ter a nacionalidade española, sen prexuizo do disposto no artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, respecto do acceso ó emprego público de nacionais doutros estados.
  2. Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non excederen, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
  3. Posuír ou en estar en condicións de obter o título enxeñeiro técnico en informática de xestión ou ter superados os tres primeiros cursos da titulación de enxeñería superior informática o día en que remate o prazo de presentación de instancias.
  4. Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da praza a que aspira.
  5. Non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ó corpo ou escala de funcionario no que houbese estado separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos ó acceso o emprego público.
  6. Ter ingresado na Tesourería da Deputación ou na conta bancaria de Caixanova nº 2080 0401 68 0040106618 a cantidade fixada como dereitos de exame.

Todos os requisitos esixidos no apartado anterior deberán posuílos os aspirantes o día que remate o prazo para presentar as solicitudes e conservalos, polo menos, ata a data do seu nomeamento como funcionario interino

CUARTA.- SOLICITUDES

  1. As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas convocadas deberán facelo constar mediante unha instancia dirixida ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra. A instancia conterá, polo menos, os datos persoais do solicitante co seu enderezo e a denominación da praza convocada á que opta, achegándolle unha fotocopia autenticada do documento nacional de identidade ou a tarxeta acreditativa da súa identidade, expedida polas autoridades competentes no caso de cidadáns comunitarios, e xustificante de ingreso dos dereitos de exame.
    Para ser admitido os aspirantes deberán manifestar na súa solicitude de participación que reúne todas e cada unha das condicións esixidas na data en que remate o prazo de presentación. No rexistro xeral da Deputación facilitaráselles ós interesados o modelo de solicitude incluído no anexo I desta convocatoria.
    No caso de equivalencia ou homologación de titulacións deberá xustificarse co certificado expedido polo organismo competente para establecelas.
  2. O prazo para presentar as solicitudes será de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia
  3. A presentación de solicitudes poderá facerse ben no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra, ben en calquera das formas establecidas no art. 38.4 da Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; as solicitudes que se presenten a través da oficina de correos deberán entregarse en sobre aberto para ser seladas e datadas polo funcionario de Correos antes de seren certificadas.
  4. As solicitudes subscritas por españois no estranxeiro poderán cursarse no prazo sinalado a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que llas remitirán seguidamente ó organismo competente.
  5. Os aspirantes con algunha discapacidade deberán indicalo na súa solicitude e, no seu caso, solicitarán as posibles adaptacións de tempo e de medios para realizar os exercicios nos que a adaptación fose necesaria.
  6. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que consten na súa solicitude, se ben os erros de feito que poidan advertirse poderán emendarse ou repararse en calquera momento, ben de oficio, ben a instancia de parte.

QUINTA.- DEREITOS DE EXAME
Será requisito necesario para participar neste proceso selectivo aboar, dentro do prazo de presentación de instancias, a cantidade de 5,00 ? en concepto de dereitos de exame e os gastos de tramitación que, no seu caso, determine a entidade bancaria, que poderán satisfacerse directamente na Tesourería da Deputación, ou ben mediante xiro postal, telegráfico ou transferencia bancaria dirixida á conta nº 2080 0401 68 0040106618 da Deputación de Pontevedra en Caixanova; de non realizarse o pagamento directamente na Tesourería provincial o solicitante fará constar na súa instancia a data do xiro ou da transferencia e o número do resgardo.

En ningún caso a mera presentación e o pagamento dos dereitos de exame suporá substituír o trámite de presentación en tempo e en forma da solicitude, segundo o disposto na base IV.

Os dereitos de exame reintegraránselles de oficio ós interesados que sexan excluídos definitivamente da lista de admitidos.

Estarán exentas de pagar os dereitos de exame as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%.

SEXTA.- ADMISIÓN DE ASPIRANTES

  1. Finalizado o prazo dos 5 días hábiles fixado para presentar as solicitudes a Deputación ditará resolución, declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos, especificando, no seu caso, os motivos de exclusión, que se publicará no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da Deputación de Pontevedra.
  2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 3 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, no seu caso, o defecto que motivase a exclusión. No suposto de producirse reclamacións deberá ditarse unha nova resolución estimándoas ou desestimándoas coa publicación da lista definitiva no Taboleiro de anuncios da Deputación.
  3. Contra a resolución do presidente, aprobatoria da lista definitiva, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta notificación (artigos 107 e 117 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99 do 13 de xaneiro) ou ben un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, segundo o artigo 46 da Lei 29/98, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
  4. O feito de figurar incluído na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados posuíren os requisitos esixidos no procedemento selectivo convocado, que deberán ser xustificados documentalmente no suposto de que o aspirante admitido supere as probas selectivas.

SÉTIMA.- TRIBUNAL CUALIFICADOR

  1. Os membros do tribunal cualificador serán designados polo presidente segundo o disposto no art. 4, parágrafos e) e f) do Real decreto 896/91, do 7 de xuño, así como artigo 60 da citada Lei 7/2007, do 12 de abril, tendo en conta á paridade entre homes e mulleres
  2. O tribunal cualificador estará integrado por cinco membros titulares e cinco suplentes, sendo a súa composición a seguinte: presidente, secretario e tres vogais.
  3. A pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, no podendo ostentarse en representación nin por conta de ninguén.
  4. A composición dos tribunais será predominantemente técnica e os seus membros deberán posuír titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso ás prazas convocadas.
  5. Non poderán formar parte do tribunal as persoas de elección ou designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual.
  6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación ós seus traballos de asesores especialistas, con voz e sen voto, cando a natureza ou as circunstancias dalgunha das probas así o aconselle, limitándose os mencionados asesores a prestaren a súa colaboración nas súas especialidades técnicas.
  7. A Presidencia, antes de que teña lugar cada unha das probas e xuntamente coa lista provisional de admitidos, publicará no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da corporación a resolución pola que se nomean os membros titulares e suplentes do tribunal cualificador.
  8. Os membros do tribunal deberá absterse de intervir, comunicándolle ó presidente cando concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, así como cando tivesen realizado tarefas de preparación de aspirantes durante os cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria. Así mesmo, os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias previstas para a abstención e de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 30/92.
  9. O tribunal cualificador deberá constituírse na data que designe o presidente, entendéndose validamente constituído cando asista a maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na sesión constitutiva de cada tribunal adoptaranse as decisións pertinentes para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.
  10. A partir da sesión de constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presenza da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes, e axustará as súas actuacións en todo momento ó disposto na Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común e ás bases xerais e específicas reguladoras desta convocatoria.
  11. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos que resulte necesario para que os aspirantes con discapacidade gocen de similares condicións para realizaren os exercicios cás do resto dos demais aspirantes, dispoñendo, no seu caso, as posibles adaptacións de tempo e de medios.
  12. En caso de ausencia do presidente titular e do presidente suplente actuará no seu lugar o vocal designado en primeira orde.
  13. Os membros do tribunal e os seus asesores que asistan ás sesións percibirán as axudas de custo pola súa asistencia segundo a contía legalmente establecida.

OITAVA.- CARACTERÍSTICAS DAS PROBAS SELECTIVAS

  • PRIMEIRO EXERCICIO: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito a 30 preguntas tipo test con catro respostas alternativas propostas polo tribunal e correspondentes ó contido do programa no tempo máximo de veinte (20) minutos.
  • SEGUNDO EXERCICIO: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá na resolución dun suposto práctico proposto polo tribunal sobre o contido do programa e as tarefas propias da praza convocada no tempo que determine o tribunal.

NOVENA.- PROGRAMA DA CONVOCATORIA

  • Tema 1.- Estruturas da información. Modelo conceptual de datos: modelo entidade-relación. Entidades, atributos e relacións. Regras de modelación.
  • Tema 2.- Linguaxes de interrogación de bases de datos. Estándar ANSI SQL. Estándares de conectividade: ODBC e JDBC.
  • Tema 3.- Linguaxes de programación: características, elementos e funcións de Java.
  • Tema 4.- Arquitectura de aplicacións en 3 capas: a plataforma J2EE. Características de funcionamento. Elementos constitutivos. Produtos e ferramentas. Struts e patróns de deseño.
  • Tema 5.- Ferramenta de xeración de informes JReport.
  • Tema 6.- Linguaxes de marca ou etiqueta. Características e funcionalidades. SGML, HTML, XML. Linguaxes de script.
  • Tema 7.- Follas de estilo CSS e etiquetas JSTL.
  • Tema 8.- Lexislación sobre protección de datos. Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal. Real decreto 994/1999 de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados. Real decreto 1720/2007. Axencia de Protección de Datos.

DÉCIMA.- COMEZO DOS EXERCICIOS

  1. A data e mais a hora na que deberá constituírse o tribunal, así como o día e a hora para o comezo do primeiro exercicio da proba selectiva convocada será determinado polo presidente mediante resolución, xuntamente coa aprobación da lista provisional de aspirantes admitidos e excluidos, e a composición do tribunal, que se publicará mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia e no taboleirode anuncios da Deputación.
  2. Os aspirantes convocaranse para cada exercicio nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os opositores que non comparezan a realizalo, salvo os casos debidamente xustificados, que resolverá o tribunal.
  3. Os aspirantes deberán presentarse para realizaren cada exercicio provistos do DNI, ou documento fidedigno acreditativo da súa personalidade a xuízo do tribunal, e tamén os medios materiais adecuados que sexan necesarios para a práctica daqueles.

DÉCIMO PRIMEIRA.- DESENVOLVEMENTO DOS EXERCICIOS DAS PROBAS SELECTIVAS

  1. En calquera momento o tribunal poderá requirir ós opositores para que acrediten a súa identidade.
  2. A orde de actuación dos opositores para realizaren aqueles exercicios que non poidan facerse de forma simultánea será determinada mediante sorteo polo tribunal en presenza dos aspirantes e inmediatamente antes de iniciarse o exercicio.
  3. Na realización e corrección dos exercicios escritos garantirase o anonimato, podendo utilizar o tribunal os medios que considere oportunos.
  4. Se en calquera momento do proceso selectivo chegase a coñecemento do tribunal que algún dos aspirantes non posúe a totalidade dos requisitos esixidos na respectiva convocatoria, previa audiencia do interesado, deberá propoñerlle ó presidente a súa exclusión indicando as inexactitudes ou falsidades observadas para os efectos procedentes.
  5. Concluído cada un dos exercicios da oposición o tribunal fará pública, no taboleiro de anuncios, a relación de aspirantes que o superasen, indicando a puntuación obtida. Os opositores non incluídos na lista terán a consideración de “non aptos”.
  6. A relación de aprobados en cada exercicio deberá publicarse no taboleiro de anuncios, polo menos con 12 horas de antelación á nova reunión do tribunal cando se trate do mesmo exercicio e con 24 horas de antelación cando se trate dun novo exercicio.
  7. Desde o momento en que remate un exercicio ou proba ata que empece o seguinte deberá transcorrer un prazo mínimo de 48 horas e un máximo de 40 días hábiles.
  8. Contra os acordos do tribunal poderá interpoñerse recurso administrativo de alzada ante o presidente que os nomeou, segundo o previsto no artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/99.

DÉCIMO SEGUNDA.- CUALIFICACIÓN DOS EXERCICIOS DA OPOSICIÓN

  1. Cada un dos exercicios obrigatorios e eliminatorios da oposición será cualificado entre cero (0) e dez (10) puntos, necesitándose para aprobar cada un dos exercicios obter unha puntuación mínima de cinco (5) puntos.
    No exercicio tipo test o tribunal determinará o número mínimo de respostas acertadas que se requiren para superar a proba, en función da complexidade técnica destas e das peculiaridades propias da praza convocada.
    Neste tipo de exercicios quedarán automaticamente anulados os exames asinados, os que conteñan datos que identifiquen o persoal asinante, ou sinais ou marcas que puidesen romper o anonimato, así como aquel que resulte ilexible.
  2. A cualificación de cada aspirante nos diferentes exercicios do proceso de selección será o resultado da media aritmética das puntuacións outorgadas por todos os membros do tribunal.
  3. Cando entre dúas puntuacións outorgadas por parte dos membros do tribunal exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas ambas, a maior e a menor, calculándose a media aritmética coas puntuacións concedidas polos demais membros do tribunal.

DÉCIMO TERCEIRA.- CUALIFICACIÓN FINAL E RELACIÓN DE APROBADOS

  1. Á cualificación obtida polos aspirantes, resultante da suma das puntuacións outorgadas nos distintos exercicios obrigatorios e eliminatorios, determinará a puntuación total final.
  2. Seguidamente, o tribunal fará pública a relación de aprobados por orde de puntuación no taboleiro de anuncios da corporación.
  3. O tribunal non poderá en ningún caso aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido anteriormente será nula de pleno dereito.
  4. Non obstante, o tribunal, ó cualificar cada un dos exercicios, non terá en conta a limitación anterior, que só se considerará ó formularlle á Presidencia a proposta coa relación de aprobados, na que só se incluirán aqueles opositores que obtivesen a maior puntuación total final, que nunca poderán superar o número de prazas convocadas en este proceso selectivo.
  5. No suposto de empate nas puntuacións totais finais de dous ou máis aspirantes, este resolverase tendo en conta a maior puntuación obtida no primeiro exercicio e, se isto non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que o empate se resolva. De persistir o empate este resolverase por sorteo.

DÉCIMO CUARTA.- ACHEGA DE DOCUMENTOS POR PARTE DOS OPOSITORES APROBADOS

  1. A relación de aprobados, publicada no taboleiro de anuncios da corporación provincial, conterá unha advertencia recordándolle ó opositor aprobado que deberá presentar a documentación sinalada nas bases para xustificar que cumpren os requisitos esixidos para ingresar na función pública local e accederen interinamente á praza convocada.
  2. O aspirante proposto achegará, dentro do prazo de 10 días naturais, contados desde a publicación da relación de aprobados, os documentos acreditativos de capacidade e mais os requisitos esixidos na convocatoria:
    1. Documento nacional de identidade mediante fotocopia compulsada por os dous lados.
    2. Certificación de nacemento expedida no rexistro civil correspondente.
    3. Fotocopia debidamente compulsada do título académico esixido para o ingreso.
    4. Certificado médico, sen prexuízo dun posterior recoñecemento.
    5. Declaración xurada de non ter sido separado do servizo das administracións públicas e non estar incurso nalgunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade determinadas na lexislación vixente.
    6. Fotocopia da cartilla da seguridade social, número de conta bancaria e fotocopia do DNI.
    7. Documentación xustificativa daqueles outros requisitos esixidos para o ingreso nas bases específicas de cada proceso selectivo.
  3. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos sinalados, os aspirantes poderán acreditar que reúnen as condicións esixidas mediante calquera outro medio de proba admitido en dereito.
  4. Quen non presentase a documentación sinalada anteriormente dentro do prazo fixado, salvo causa de forza maior, non poderá ser nomeado funcionario interino, nin tampouco se do exame da documentación se deducise que carece dalgúns requisitos.

DÉCIMO QUINTA.- NOMEAMENTO DE FUNCIONARIOS E TOMA DE POSESIÓN

  1. Concluído o proceso selectivo os aspirantes aprobados, cun número que non poderá exceder en ningún caso o da praza convocada será nomeado funcionario interino polo presidente, unha vez que xustifique documentalmente o cumprimento dos requisitos previstos nestas bases para o ingreso.
  2. O aspirante proposto someterase obrigatoriamente a recoñecemento médico ó inicio da súa relación laboral, a fin de poder comprobar que o candidato reúne as condicions físicas axeitadas para o desenvolvemento deste posto de traballo. No caso de que o recoñecemento médico declarase a este funcionario interino non apto, éste cesará automaticamente no posto para o que foi nomeado.
  3. A toma de posesión efectuarase dentro do prazo máximo 15 días a partir do nomeamento interino; de non facelo, sen existir causa xustificada, que deberá ser alegada e aceptada, os nomeados quedarán na situación de cesantes.
  4. Este nomeamento interino surtirá efectos dende o 1 de xuño e ata que a praza se cubra polo procedemento regulamentario con funcionario de carreira, se amortice o desaparezan as causas que motivaron este nomeamento interino.

DÉCIMO SEXTA.- CARÁCTER VINCULANTE DAS BASES
As bases da convocatoria vinculan a Administración provincial, o tribunal cualificador e os aspirantes que participen no proceso selectivo convocado.

DÉCIMO SÉTIMA.- INCIDENCIAS
O tribunal queda facultado para interpretar as bases da convocatoria, así como para resolver cantas dúbidas e incidencias presente a súa aplicación e poderán adoptar os acordos necesarios procurando a boa orde e desenvolvemento do proceso selectivo.

DÉCIMO OITAVA.- DISPOSICIÓN FINAL
As bases da convocatoria e cantos actos administrativos deriven delas e das actuacións do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei 30/92, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99, así como Lei 29/98, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Administración provincial tamén poderá, no seu caso, revisar as resolucións dos tribunais segundo o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Pontevedra, 25 de Maio de 2009
A XEFA DO SERVIZO DE RECURSOS HUMANOS E FORMACIÓN
Mª Jesús Torres Peón

Boletín Oficial da Provincia, data 03-06-2009, número 104, páxina 20, anuncio 2009006117.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3 4

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 13/10/2009 15:43
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/