[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 19 DE XUÑO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Anticipos reintegrables a entidades locais da
provincia de Pontevedra

Bases | Anexo I. Solicitude | Anexo II. Certificación
Anexo III. Certificación | Anexo IV. Xustificación anticipos

Bases

O Consello Reitor do Organismo Autónomo “Caixa de Anticipos de Cooperación”, en Sesión extraordinaria celebrada o día 23 de decembro pasado, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Aprobacion das bases reguladoras para a concesión por concorrencia competitiva de anticipos reintegrables a municipios e mancomunidades da provincia de Pontevedra - 2010

PRIMEIRA. NATUREZA XURÍDICA
O O.A.L. “Caixa de Anticipos de Cooperación” da Deputación de Pontevedra subvenciona a totalidade dos xuros destes anticipos reintegrables, polo que, de acordo co disposto no artigo 2.4.h) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS), rexeranse por esta lei e terán a consideración xurídica de subvencións. Así mesmo seralles de aplicación o Real Decreto lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas locais.

SEGUNDA. OBXECTO
As presentes bases teñen por obxecto regular a concesión, polo Organismo Autónomo Local “Caixa de Anticipos de Cooperación” da Deputación de Pontevedra, de anticipos reintegrables sen xuros, destinados a financiar os investimentos de concellos e mancomunidades de municipios que reúnan os requisitos e condicións establecidos nas presentes bases.

TERCEIRA. BENEFICIARIOS
Poderán solicitar estas axudas todos os concellos da provincia de Pontevedra cunha poboación de dereito inferior ós 25.000 habitantes, de acordo co último Padrón ou actualización publicados polo INE. Tamén poderán solicitar por concesión directa axudas as mancomunidades de municipios da provincia.

E que, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

  • Ter aprobado o orzamento para o exercicio corrente ou, en caso de prórroga cumprir co previsto no artigo 50 do TRLRHL.
  • Non ter pendente de pagar cotas de amortización vencidas de exercicios anteriores ou a comisión de formalización dalgún anticipo xa concedido.

CUARTA. FINANCIAMENTO
Para financiar este programa de concesión de anticipos reintegrables existe unha consignación dispoñible para tal fin na partida orzamentaria 10/894.942.821.20, do orzamento do OAL “Caixa de Anticipos de Cooperación”, cun crédito inicial de un millón novecentos cincuenta mil euros (1.950.000,00 €).

O 80% deste crédito, é dicir, un millón cincocentos sesenta mil euros (1.560.000,00 €), concederase por concorrencia competitiva; e o 20% restante, é dicir, trescentos noventa mil euros (390.000,00 €), concederase seguindo o procedemento de concesión directa.

Este crédito pode ser ampliado a través dunha nova convocatoria de producirse modificacións na aprobación do orzamento ou ben nos distintos expedientes de modificacións de crédito.

QUINTA. FINALIDADE PARA A QUE SE PODEN CONCEDER ANTICIPOS REINTEGRABLES

Con cargo a este programa pódense conceder anticipos reintegrables para as seguintes finalidades:

  • Con carácter preferente, para facer fronte á achega dos beneficiarios ós investimentos incluídos en plans provinciais de cooperación, en investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios así como en aqueles outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou a Comunidade Autónoma.
  • Para o resto de investimentos en obras e servizos dos entes locais beneficiarios.
  • Con carácter excepcional poderanse conceder anticipos para operacións de tesourería, para facer fronte a situacións transitorias de tesourería, especialmente para aquelas situacións de emerxencia dos entes locais beneficiarios debidamente acreditados, previo informe favorable dos servizos técnicos da Caixa (xefa do Servizo e interventor) e cando así sexa apreciada polo Consello reitor.

SEXTA. CARACTERÍSTICAS DOS ANTICIPOS REINTEGRABLES
Os anticipos reintegrables que concede a Caixa de Anticipos terán as seguintes características:

  • Importe máximo que se pode conceder: o 80% por cento do custo do investimento, sen superar os 400.000 euros. En casos especiais o Consello Reitor poderá, motivadamente, incrementar a porcentaxe e o importe absoluto. Así mesmo, cando trala asignación de acordo cos límites anteriores haxa excedente de crédito, poderanse incrementar os importes inicialmente concedidos a todos os solicitantes ata o esgotamento do crédito sobrante ou proceder a unha nova convocatoria.
  • Xuros: os anticipos que se concedan non reportan xuros.
  • Comisións: o 2 por cento, por unha soa vez, para facer fronte ós gastos de administración; e esixirase antes da formalización do contrato.

SÉTIMA. SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación ou na súa sé de Vigo, no Servizo de Cooperación, ou na páxina web da Deputación (www.depontevedra.es).

Deberá achegarse a seguinte documentación:

  1. Solicitude asinada polo alcalde do concello ou o presidente do ente local.
  2. Memoria explicativa do investimento a realizar e do seu financiamento, e proxecto do investimento a executar.
  3. Importe do anticipo que se solicita en termos absolutos e relativos, indicación de se se solicitaron outras axudas para a mesma finalidade e mais o compromiso de informar á Caixa de Anticipos das que se obteñan no futuro.
  4. Acordo do órgano competente da entidade local solicitante polo que se:
    • Aproban as condicións do contrato de anticipo.
    • Compromete a consignar nos seus orzamentos, nos exercicios nos que estea vixente o anticipo, a cantidade necesaria para proceder á súa amortización (agás as destinadas a operacións de tesourería).
    • Faculta á Caixa de Anticipos de Cooperación e á Deputación para reter ou compensar calquera saldo que teñan ó seu favor con toda clase de débedas vencidas e pendentes de pagarlle á Caixa ou á Deputación.
  5. Certificado sobre o aforro neto, de acordo coa última liquidación do seu orzamento, e da débeda viva pendente de amortizar na data da solicitude.
  6. Calquera outro requisito establecido na normativa reguladora das operacións de crédito no ámbito local: autorización, no caso de ser necesario polo órgano competente da Comunidade Autónoma, comunicación da concesión, etc.
  7. Compromiso de realizar a difusión do financiamento total ou parcial do investimento co anticipo reintegrable concedido pola Caixa de Anticipos da Deputación.
  8. Certificado do esforzo fiscal, do número de habitantes de dereito e demais criterios de valoración que se establecen nestas bases.
  9. Documentación acreditativa de cumprir as condicións para percibir a subvención.
  10. Datos bancarios para, no seu caso, realizar o aboamento da subvención.
  11. Certificación ou declaración de estar ó corrente das súas obrigas tributarias (Estado e Deputación) e coa Seguridade Social.
  12. Declaración responsable de non estar incurso en ningún dos supostos de prohibición para percibir subvencións.
  13. Compromiso de dar cumprimento ás condicións da subvención. (Ver anexos I, II
    e III)

A documentación que se presente será orixinal ou, no caso de ser fotocopia, deberá vir compulsada.

En caso de defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base así como de incumprimento do previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ao interesado para que emende as faltas no prazo máximo de 10 días hábiles, indicándolle que, se non o fixese, teráselle por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no art. 42 da Lei 30/92.

OITAVA. FORMA E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As axudas que se contemplan na presente convocatoria poderán solicitarse a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e durante o prazo de dous meses.

As solicitudes irán dirixidas ao Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación de Pontevedra (tamén na súa sé de Vigo) ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

NOVENA. CRITERIOS DE CONCESIÓN E CUANTIFICACIÓN DOS ANTICIPOS

Os anticipos que se concedan por concorrencia competitiva concederanse en base ás seguintes normas:

  • Para achegas a plans provinciais de investimentos (PPC, PAM, PSA e outros), para investimentos financiados con fondos FEDER ou outros fondos comunitarios, así como aqueles outros investimentos financiados pola Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, valoraranse ata 5 puntos.
  • Investimentos en servizos públicos mínimos regulados nos artigos 25 e 26 da Lei 7/1985. de 2 abril, bases do réxime local, valorarase ata 2 puntos.
  • Interese provincial, valoraranse ata 10 puntos.
  • Achega do Concello ó investimento, valorarase ata 2 puntos.
  • Esforzo fiscal per capita, valorarase ata 1 punto.
  • Número de habitantes de dereito do ente local, valorarase á inversa, ata 5 puntos.

DÉCIMA. INSTRUCIÓN E COMISIÓN DE VALORACIÓN
A instrución do procedemento de concesión dos anticipos correspóndelle á director/a da Caixa de Anticipos de Cooperación, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos expedientes. Así mesmo, deberá elaborar un informe-proposta aplicando os criterios de concesión e cuantificación establecidos na base oitava.

Unha vez fiscalizado o informe-proposta, a Comisión avaliadora en base a este proporá motivadamente o acordo de concesión e/ou desestimación das solicitudes de anticipos tramitadas.

A Comisión de valoración estará composta por:

  • Presidente: o presidente nato ou deputado en quen delegue
  • Vogais: o presidente executivo, o vicepresidente e o xefe do Servizo de Infraestruturas.
  • Secretario: actuará como secretario, sen voto, a director/a da Caixa de Anticipos de Cooperación

Transcorridos seis meses a partir do día seguinte ao remate do prazo para presentar a solicitude, sen que os interesados obteñan resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

DÉCIMO PRIMEIRA. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO DO ANTICIPO
O pagamento das disposicións do anticipo faranse a medida que se xustifique a realización dos investimentos que se financian co anticipo, aboándose para cada xustificación que se presente a parte proporcional do anticipo en relación co custo total do investimento.

A xustificación da realización dos investimentos que se financian co anticipo será como a continuación se sinala:

  1. Presentando certificación de obra, aprobada polo órgano competente do Concello/Mancomunidade, ou escritura pública do contrato de compra venda no caso de adquisición de bens inmobles (neste último caso a escritura poderase presentar despois da disposición do anticipo).
  2. Mediante certificación do secretario ou do interventor no que se acredite a execución real do investimento financiado co anticipo, e a declaración de que os xustificantes se atopan no ente local a disposición do OAL da Caixa de Anticipos de Cooperación para, no seu caso, proceder ó seu exame, xa sexa na propia sede do ente local ou solicitando a súa remisión ás oficinas da Caixa de Anticipos.
  3. Acreditar a publicidade dada do financiamento cun anticipo reintegrable concedido pola Caixa de Anticipos da Deputación.
  4. Certificado de que as axudas recibidas non superan o custo do investimento para o que se concedeu o anticipo.
  5. O prazo para xustificar os investimentos será o mesmo que para a súa disposición. (Ver anexo IV )

O prazo de disposición do anticipo será como máximo de dous anos a contar dende a sinatura do contrato; só en casos especiais debidamente xustificados se poderá prorrogar por un período máximo de ata un ano.

DÉCIMO SEGUNDA. AMORTIZACIÓN DO ANTICIPO
Teranse en conta as seguintes indicacións:

  • Amortización: non pode superar os 15 anos a contar dende o ano seguinte ó da formalización do contrato, excepto nos anticipos para xustificar subvencións e nos anticipos de tesourería, que non pode superar os dous anos. Non obstante, as Entidades Locais poderán solicitar un período de carencia, que non excederá de tres anos a contar desde a formalización do contrato.
  • As amortizacións serán por períodos naturais anuais.
  • O importe de cada amortización anual será o resultado de dividir o saldo disposto entre os anos que falten para finalizar a amortización.
  • Inicio da amortización: a amortización das cantidades dispostas comezará no exercicio no que finalice a disposición de anticipo e non poderán superar o prazo de quince anos a contar dende a data da súa formalización. As amortizacións serán esixibles a partir do primeiro día do ano ó que corresponda cada amortización.
  • No caso de que as mancomunidades de municipios non procedan ao aboamento da/s amortización/s correspondentes, a responsabilidade será mancomunada, sendo os respectivos concellos que compoñen a mancomunidade os que terán que afrontar as débedas contraídas co Organismo Autónomo, ben procedendo voluntariamente ao seu pagamento, ben procedendo a propia Deputación de Pontevedra a detraer a cantidade adebedada mediante os sistemas de compensación que considere axeitados.

DÉCIMO TERCEIRA. COMPATIBILIDADE CON OUTRAS SUBVENCIÓNS
Pola propia finalidade da Caixa de Anticipos de Cooperación os anticipos que esta conceda son compatibles con calquera outra subvención ou axuda destinada ó financiamento do investimento para o que se concedeu o anticipo, sempre e cando o importe agregado das subvencións e o anticipo non superen o custo total do investimento.

No caso de que o importe agregado das subvencións e o anticipo superen o importe do custo do investimento recortarase o importe do anticipo.

DÉCIMO CUARTA. RÉXIME SANCIONADOR
Será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.

DÉCIMO QUINTA. RECLAMACIÓNS
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contenciosos-Administrativo, como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998 (modificada pola Lei 19/2003) no prazo de dous meses. Asemade, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou, no seu caso, da publicación no BOP, ou da data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

DÉCIMO SEXTA. DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nas presentes bases contemplarase o establecido nas Bases de Execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2010, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/2003), no seu Regulamento (BOE núm. 176, de 25/07/2006), na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, no Real Decreto lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas locais e nas demais disposicións vixentes que resulten de aplicación.

ANEXOS DA CONVOCATORIA E MODELOS DE PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN
Todos os anexos referidos nas presentes bases ou modelos normalizados para a solicitude destas subvencións serán facilitados polo Servizo de Cooperación ou ben a través da súa páxina web (www.depontevedra.es).

Pontevedra, 18 de xaneiro de 2010
O PRESIDENTE
Rafael Louzán Abal

Boletín Oficial da Provincia, data 21-01-2010, número 13, páxina 16, anuncio 2010000493.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 25/01/2010 11:31
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/