[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 24 DE XUÑO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

Páxina [1] 2 3
SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Subvencións dentro do Plan de Acción Comunitaria

Bases | Solicitude | Anexo I | Anexo II
Anexo III | Anexo IV | Reformulación de solicitude | Ampliación prazo

BASES

A Xunta de Goberno acorda por unanimidade, no uso das facultades que lle confiren os artigos 36 da Lei 7/85, de 2 de abril, e 30 do R.d.l. 781/86, de 18 de abril, e consciente da importancia de fomentar e impulsar investimentos para Agrupacións e Asociacións Veciñais, dadas as carencias de recursos das mesmas, aproba as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas dentro do Plan de Acción Comunitaria para o exercicio 2010, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia, que son as seguintes:

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN COMUNITARIA (PAC), PARA O EXERCICIO 2010

PRIMEIRA.- OBXECTO
A finalidade desta convocatoria é apoiar ás Agrupacións e Asociacións Veciñais (en adiante Agrupacións Veciñais) na realización de investimentos, tanto obras como adquisicións, durante o ano 2010.

Os obxectivos dos investimentos que se financiarán con cargo a este programa serán os seguintes:

  1. A mellora do medio rural e barriadas urbanas mediante un mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles, que permita ós seus habitantes unhas adecuadas condicións de vida.
  2. O desenvolvemento das Agrupacións Veciñais ó obxecto de aumentar a súa capacidade para resolver os seus problemas. Dita solución requerirá a unión de recursos, esforzos e vontades.

Poderán ser obxecto da subvención:

  • Investimentos (obras e adquisicións de bens duradeiros) que estén relacionados coas competencias establecidas nos artigos 25 e 26 da Lei 7/85 de 2 de abril, de Réxime Local, agás a compra de terreos.
    O importe total das subvencións públicas, concedidas para esta finalidade, utilizarase exclusivamente:
  • Tratándose de obras, na adquisición de materiais e/ou alugamento de maquinaria, e
  • Tratándose de subministros, na adquisición dos mesmos.

SEGUNDA.- FINANCIAMENTO
O seu financiamento e réxime acomodaranse ó determinado nestas Bases.

Dito Programa, por importe de un millón douscentos mil (1.200.000,00) euros, financiarase con cargo ó Orzamento de 2010, aplicación 10/942.459.789.07, que poderá incrementarse mediante suplementación de créditos.

TERCEIRA.- REQUISITOS
As actuacións comunitarias serán caracterizadas pola concorrencia dos seguintes requisitos:

  1. Libre determinación dos veciños na elección dos investimentos que desexen executar.
  2. Voluntariedade na participación e liberdade de ditos veciños sobre a forma de organizarse.

CUARTA.- BENEFICIARIOS
Poderán solicitar estas axudas tódalas Agrupacións Veciñais que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Carecer de fins de lucro
  2. Desenvolvelas súas actuacións no ámbito territorial do municipio ó que pertence.
  3. Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas.
  4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias (Estado e Comunidade Autónoma), coa Seguridade Social e non ter débedas de ningún tipo coa Deputación.

QUINTA.- SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, de luns a sábado, no rexistro da sede de Vigo, de luns a vernes, no Servizo de Cooperación ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  1. Memoria explicativa do investimento concreto, acompañado de croquis de situación, asinada polo representante.
  2. Orzamento do investimento a realizar, detallando unidades e prezos unitarios, asinado polo representante e co IVE desglosado.
  3. Declaración responsable na que conste o conxunto dos acordos adoptados polos veciños para a realización do investimento (obra ou adquisición), en réxime de Acción Comunitaria, co nomeamento dun representante único da Agrupación Veciñal e identificación do mesmo, sinalando expresamente o compromiso de completar o financiamento do investimento mediante a achega do traballo, transporte, maquinaria ou metálico, así como de asumir os riscos que puideran xurdir con ocasión da prestación antes citada Anexo III).
  4. Acta de nomeamento dos representantes da Agrupación Veciñal ( Anexo II) ou, de ser unha Asociación, a acta de nomeamento da Xunta Directiva actual, e fotocopia cotexada do C.I.F., no caso de contar con el, así como do D.N.I. do representante.
  5. Declaración responsable na que conste se a Agrupación Veciñal obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien o investimento a subvencionar, e compromiso de comunicar á Deputación as que se obteñan nun futuro (Anexo I).
  6. Declaración responsable de estar ó corrente das obrigas tributarias (Estado, Comunidade Autónoma), coa Seguridade Social, e de non ter débedas de ningún tipo coa Deputación, e autorización á Deputación para obter as correspondentes certificacións. (Anexo I).
  7. Declaración de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria, asumindo o compromiso de dar cumprimento ás condicións da subvención. (Anexo I)
  8. Certificación, da sucursal correspondente, da conta bancaria na que haberá de ingresarse o importe da subvención, que debe estar a nome da Agrupación Veciñal ou, como mínimo, de tres titulares que figuren na Acta de nomeamento dos representantes da mesma.

As Agrupacións Veciñais só poderán solicitar unha subvención por cada investimento, debendo presentar expedientes completos por cada solicitude.

Incumbe ás Agrupacións Veciñais obter as licenzas necesarias para acometer as obras solicitadas, consonte dispón o Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Disciplina Urbanística e demais disposicións aplicables.

Solicitarán licenza do Concello, sen prexuizo das autorizacións ou concesións que sexan necesarias outorgar polos organismos competentes.

Se a solicitude remitida, acompañada da documentación, non reunise os requisitos da convocatoria ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido, arquivándose sen máis trámites.

SEXTA.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación, de luns a sábado, no Rexistro da Sede de Vigo, de luns a venres ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións, que se acollan a este programa, comenzará ó día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no boletín oficial da provincia, sendo de 45 días naturais.

SÉTIMA.- COMPATIBILIDADE
Estas axudas serán compatibles con outras axudas ou subvencións concedidas por outras entidades para o mesmo investimento, pero en ningún caso a contía das mesmas poderá superar o custo do investimento a realizar. A tal efecto comunicarase á Deputación Provincial de Pontevedra a obtención doutras subvencións ou axudas propias para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou extranxeiros.

Asimesmo, estas axudas non son compatibles con outras concedidas por outros Servizos da Deputación para a mesma finalidade no exercicio 2010, nin doutros Organismos autónomos, debendo as Agrupacións Veciñais comunicar á Deputación tal circunstancia de darse o caso.

OITAVA- CRITERIOS DE CONCESION
A asignación de axudas ou subvencións dos distintos investimentos (obras ou adquisicións), farase en función dos seguintes criterios:

1º.- Investimentos en inversións básicas para o municipio, incluidas nos artigos 25 e 26 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local. Valorarase ata 10 puntos

2º.- Número de membros que compoñen a Agrupación ou Asociación. Valorarase ata 10 puntos

3º.- Número de habitantes da comunidade ou municipio beneficiados, ata 10 puntos

4º.- Importancia do investimento en función de: tipo de investimento, posibles beneficiarios, impacto e alcance territorial, colaboración con outras entidades (de se-lo caso) e calquera outro indicador que permita valora-la súa incidencia de cara ó fomento do investimento, que a xuizo da Comisión de Avaliación se deba considerar. Valorarase ata 25 puntos.

NOVENA.- INSTRUCIÓN E RESOLUCIÓN

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó Xefe de Servizo de Cooperación Municipal, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos expedientes. Asimesmo, deberá elaborar un informe-proposta provisional, explicando e motivando a aplicación dos criterios de concesión establecidos na base oitava.

O informe-proposta provisional será sometido a estudio e avaliado pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente: O Presidente da Deputación ou Deputado en quen delegue
  • Vogais: O Presidente da Comisión Informativa de Cooperación Municipal e a Xefa de Servizo de Cooperación.
  • Secretario: Actuará como secretario, sen voto, un/unha funcionario/a do Servizo de Cooperación.

A Comisión de Valoración poderá acadar cantos informes estime necesarios para resolver e deberá emitir un informe-proposta definitivo no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, o órgano competente poderá resolver, ó longo do exercicio orzamentario aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou causas imprevisibles e excepcionais non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose a estes efectos á Presidencia ata un 20 % do crédito total deste programa para a súa concesión directa, tal como se preveé na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial. As propostas de concesións de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente, previo informe de fiscalización de Intervención.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte en que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo real do investimento a desenvolver polo beneficiario.

DÉCIMA.- REFORMULACION DE SUBVENCIONS
Os beneficiarios dunha subvención, por razóns xustificadas, poderán solicitar a reformulación da solicitude presentada cando o importe da subvención proposta sexa inferior ó solicitado. Será no momento da comunicación da proposta provisional de concesión cando os beneficiarios poidan reformular dita solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable e sempre antes de que ó órgano competente acorde a concesión da mesma. A nova solicitude, terá que ser aprobada polo órgano competente para a súa concesión e, en todo caso, terá que respetar o obxecto da primeira solicitude e demais requisitos previstos nas bases desta convocatoria e demais normas reguladoras de subvencións.

DÉCIMO PRIMEIRA.- PUBLICIDADE
As Agrupacións Veciñais que sexan beneficiarias da subvención, deberán darlle a adecuada publicidade do financiamento do investimento obxecto da mesma pola Deputación, poñendo un cartel ou placa anunciador, en un lugar visible, coa inclusión da imaxe institucional da Deputación Provincial de Pontevedra.

DECIMO SEGUNDA.- MODIFICACIÓNS DE SUBVENCIÓNS
As subvencións concedidas entenderanse aceptadas se os beneficiarios non se opoñen ou rexeitan expresamente no prazo de dez días hábiles contados desde a súa notificación.

Unha vez recaída a resolución de concesión, poderase solicitar o cambio ou modificación do seu contido se concorren circunstancias excepcionais, axeitándose ó establecido nas distintas normas desta convocatoria.

As circunstancias serán as seguintes:

  • Non dispor de crédito suficiente, para levar a cabo o investimento.
  • Ter recibido axudas ou subvencións doutros organismos públicos ou privados, que cubran o importe do investimento.
  • Ter prioridade na realización doutro investimento que teña que acometer a Agrupación Veciñal, e non conte con crédito de financiamento para levalo a cabo.
  • Algún impedimento administrativo ou doutro tipo que impida a súa realización.

Non se admitirá o cambio de aplicación ou modificación do investimento subvenciado, se non se solicita antes do día 31 de marzo do 2011, sempre que existan razóns excepcionais que o aconsellen e así o decida o Presidente ou Vicepresidente en quen delegue.

DÉCIMO TERCEIRA.- XUSTIFICACION E ABOAMENTO DAS SUBVENCIONS

  1. Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizado o investimento, os beneficiarios deberán xustificalas antes do día 31 de outubro do 2011
    Se non puidesen xustificalas no prazo establecido, poderase solicitar, antes de que remate dito prazo, unha ampliación do prazo establecido para a xustificación que non exceda da metade do mesmo, e, en todo caso non supere os seis meses, sempre que non perxudique dereitos de terceiro.
  2. Será esixida a xustificación do 100% do orzamento presentado para recibir a totalidade da subvención.
    No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100% do orzamento subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.
  3. Para recibir as subvencións concedidas, de acordo con estas bases, cómpre presentar, directamente na Deputación Provincial, os seguintes documentos:
    1. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo (identificando: acreedor e documento, importe, data de emisión, se é posible, data na que se pagou; información, no seu caso, das desviacións con relación ó orzamento que serviu de base á concesión). (Anexo IV).
      Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
    2. Facturas orixinais, ou fotocopias compulsadas, conformadas polo Presidente da Agrupación Veciñal, con indicación do DNI. Admitíndose só aquelas que inclúan materiais, aluguer de maquinaria, ou a realización dalgunha adquisición. A xustificación con facturas será, como mínimo, polo importe da subvención concedida.
    3. Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, debidamente asinada polo representante da Agrupación Veciñal.
    4. Declaración responsable de non ter recibido outras subvencións de Administracións Públicas ou detalle do financiamento obtido para a finalidade subvencionada e declaración responsable de que os ingresos obtidos non superan o custo da mesma. (Anexo IV)
    5. Acreditación de estar ó corrente das súas obrigas tributarias (do Estado e da Comunidade Autónoma), coa Seguridade Social e de non ter débedas, de ningún tipo, coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo Provincial de Intervención. (Anexo IV).
    6. Declaración da Agrupación Veciñal de darlle difusión ó investimento subvencionado, facendo constar a colaboración da Deputación-Area de Cooperación (Anexo IV)

O Servicio de Inspección dos investimentos comprobará que foi posto o cartel ou placa de publicidade da subvención concedida e, de non ser así, non sé procederá ó libramento da mesma.

Será necesario tamén o informe dos técnicos provinciais correspondentes, que será solicitado polo Servizo de Cooperación, ó obxecto de comprobar a realidade do investimento, e de que o executado se axusta ó previsto na memoria e no orzamento.

O aboamento da subvención practicarase directamente á Agrupación Veciñal na conta bancaria indicada por esta.

DÉCIMO CUARTA.- DEVOLUCIÓN E REINTEGRO
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requeridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.
    As responsabilidades anteriormente citadas esixiranse de acordo co procedemento previsto na Lei de réxime xurídico das Administracións Públicas. Asímesmo, o reintegro das cantidades efectuarase de acordo co procedemento previsto no Regulamento Xeral de Recadación.

DÉCIMO QUINTA.- APROBACIÓN DAS BASES
De acordo co establecido na Base 16.2 das de execución do orzamento para o 2010, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei Xeral de Subvencións e demais lexislación aplicable, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

DECIMO SEXTA.- DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases, contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2010, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003), no Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e demáis lexislación aplicable.

DECIMO SÉTIMA.- RECLAMACIÓNS
Contra o acordo da aprobación destas bases que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto nos artigos 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo Reguladora da Xurisdicción Contencioso-Administrativa, e todo iso no prazo establecido no artigo 46 da citada Lei.

ANEXOS DA CONVOCATORIA E MODELOS DE PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN
Todos os anexos referidos nas presentes bases ou modelos normalizados para a solicitude destas subvencións serán facilitados polo Servizo de Cooperación ou ben a través da súa páxina web (www.depontevedra.es).

Pontevedra, 05 de febreiro de 2010
A XEFA DE SERVIZO

Boletín Oficial da Provincia, data 09/02/2010, número 26, páxina 48, anuncio 2010001218.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 31/03/2010 12:13
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/