[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 18 DE XUÑO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

Deputación de Pontevedra

Subvencións en especie para a instalación en concellos da provincia de Pontevedra de sistemas de depuración de augas residuais con sistemas de enerxías renovables no marco do proxecto “Ecoredesaneasol”

Bases | Solicitude
Certificación | Declaración

Bases

Bases de subvencións en especie para a instalación en concellos da provincia de Pontevedra de sistemas de depuración de augas residuais con sistemas de enerxías renovables no marco do proxecto “Ecoredesaneasol” cofinanciado polo F.E.D.E.R. a través do Programa de Cooperacion Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013.

— I —
Os ríos constitúen uns espazos singulares dentro da provincia de Pontevedra. Neles atópase unha grande riqueza natural, de fauna e paisaxística de importante valor económico, á vez, que conviven con asentamentos urbanos e actividades industriais de certa entidade. O deterioro que sofren os ríos como consecuencia da vertedura de augas residuais sen depurar provocan efectos perniciosos na calidade das súas augas que é preciso minimizar. Por outra banda existen diferentes recomendacións e lexislación tanto comunitaria como nacional que incide na necesidade de fomentar o uso de enerxías renovables non contaminantes de cara á obtención dun desenvolvemento económico sostible.

— I I —
A Lei 8/2001, de 2 de agosto, de protección da calidade das augas das rías de Galicia e de ordenación do servizo público de depuración de augas residuais urbanas declarou o servizo de depuración como un servizo de interese xeral da Comunidade Autónoma, cuxa prestación corresponde a Augas de Galicia (Organismo Autónomo de carácter administrativo adscrito á Xunta de Galicia). Por outra banda, o artigo 7.3 de dita lei atribúelles ás entidade locais a competencia da xestión e explotación das instalacións por si mesmas ou mediante calquera fórmula asociativa con outras entidades locais.

— I I I —
O artigo 25.2.l da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local establece que o municipio exercerá competencias nos termos da lexislación do Estado e das Comunidades Autónomas e, concretamente, na materia de tratamento de augas residuais. Por outra banda, os artigos 36.1 b e 36.2 b da citada lei indican que é competencia da Deputación a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica ós municipios, especialmente ós de menor capacidade económica e de xestión, que asegure o acceso da poboación ó conxunto dos servizos mínimos de competencia municipal e a maior eficacia e economía na prestación destes mediante calquera fórmula de asistencia e cooperación municipal.

— I V —
O Comité de Xestión do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, en reunión de data 20 de xaneiro de 2009, acordou a concesión dunha axuda do FEDER para a execución do proxecto 0329_ECOREDESANEASOL_1_P, no que a Deputación de Pontevedra participa como beneficiario en colaboración con outras entidades españolas e portuguesas.

A Deputación de Pontevedra ten asignada neste proxecto a execución da acción 3.2.: “Bacia Hidrográfica do Minho e Bacias hidrográficas dos rios Miño, Ulla, Umia, Lérez e Verdugo”, que comprende a instalación na provincia de Pontevedra de infraestruturas de depuración de augas residuais con subministración de enerxías renovables (en adiante “infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol”).

— V —
A elevada dispersión poboacional da provincia de Pontevedra ten como consecuencia a existencia dun elevado número de núcleos situados nas concas hidrográficas dos ríos mencionados que presentan necesidade de depuración das súas augas residuais. A esta circunstancia engádese a limitación orzamentaria do proxecto Ecoredesaneasol que non permite actuar en todos e cada un dos lugares do seu ámbito territorial que presentan esta problemática, polo que se fai necesario facer unha selección dos concellos nos que se deben instalar as infraestruturas medioambientais previstas neste proxecto.

En virtude do anterior establécense as seguintes bases que regularán a convocatoria de subvencións en especie a concellos da provincia de Pontevedra para a execución do proxecto de referencia de acordo coa disposición adicional quinta da lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións e o artigo 3 do R.D. 887/2006 de 21 de xullo polo que se aproba o Regulamento de aplicación da lei 38/2003.

1.— OBXECTO
Constitúe o obxecto destas bases o establecemento dos termos e condicións que rexerán a convocatoria de subvencións en especie a concellos da provincia de Pontevedra situados nas concas hidrográficas dos ríos Miño, Ulla, Umia, Lérez e Verdugo para a instalación de infraestruturas de depuración de augas residuais con subministración eléctrica a través de enerxías renovables de acordo cos requisitos establecidos no apartado 2.

As subvencións en especie obxecto desta convocatoria consisten na instalación e posta en funcionamento pola Deputación de Pontevedra a cada concello beneficiario dunha planta depuradora de augas residuais, con paneis de subministración de enerxías renovables (en adiante “infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol”). A subvención en especie inclúe todos os custos relativos á redacción dos proxectos técnicos, obras de acondicionamento da parcela, construción da plataforma para situación da infraestrutura, e o subministración, instalación e posta en funcionamento de todo o equipamento.

2.— BENEFICIARIOS: REQUISITOS E OBRIGAS
Poderán solicitar estas subvencións en especie os concellos da provincia de Pontevedra que cumpran os requisitos e condicións seguintes:

  • Estar situados xeograficamente nalgunha das concas hidrográficas dos ríos Miño, Ulla, Umia, Lérez e Verdugo.
  • Que presenten unha problemática ambiental de depuración de augas residuais nas concas hidrográficas dos ríos mencionados no apartado anterior.
  • Que presenten unha dificultade manifesta ou imposibilidade de conexión a unha rede de saneamento e depuración existente.

Os beneficiarios da subvención están obrigados ó seguinte:

  • Cumprir as obrigas recollidas no artigo 14 da lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e nestas bases.
  • Poñer a disposición da Deputación de Pontevedra, unha parcela para a situación da infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol. Neste senso o concello autorizará a plena e libre disposición dos terreos a favor da Deputación de Pontevedra, para que esta poida acometer a execución das obras. No caso de que sexa necesario, o concello realizará as expropiacións, adquisición dos terreos, ou calquera outra xestión que sexa necesaria para poñer a disposición da Deputación de Pontevedra os terreos. Todos estes trámites para a posta de disposición dos terreos serán por conta exclusivamente do concello solicitante.

A parcela debe ter as seguintes características:

  • Ter unha superficie superior a 100 m2.
  • Ter unha rede de saneamento de augas residuais que chegue á parcela ou se atope a unha distancia inferior a 100 metros da parcela.
  • Presentar un plan de mantemento futuro a realizar polo concello para a infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol
  • Presentar os compromisos e declaracións que se xuntan á solicitude de subvención nos anexos I e II

Debido a que as axudas concedidas con cargo ás presentes Bases están cofinanciadas con fondos comunitarios, os beneficiarios estarán obrigados ó cumprimento da normativa sobre ditos Fondos.

O beneficiario da subvención será responsable de informar ó público da participación dos fondos da Unión Europea, colocando durante o período de construción unha valla de obra cos requisitos de información e publicidade de acordo coas disposicións previstas no artigo 8 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, de 8 de decembro de desenvolvemento do Regulamento (CE) núm. 1083/2006 relativo ós Fondos Estructurais, así como os requisitos establecidos na guía de publicidade do POCTEP 2007-2013. A valla publicitaria deberá substituírse por unha placa explicativa permanente no prazo máximo de 6 meses dende a conclusión da obra e instalación da infraestrutura.

Ademais, o beneficiario aceptará ser incluído na lista de beneficiarios das actuacións realizadas pola Deputación de Pontevedra con financiamento comunitaria, tal e como establece o artigo 6 do Regulamento (CE) núm 1828/2006. Sen prexuízo do anterior, con carácter xeral, a Deputación de Pontevedra subministrará ó beneficiario as placas a instalar, comprometéndose o beneficiario a instalar e manter as mesmas durante o período de vixencia previsto na lexislación aplicable.

Se o concello incumprira nalgún momento algunha das condicións anteriores, realizara calquera alteración, modificación ou cambio na infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol, ou renunciara á súa instalación ou posta en funcionamento con posterioridade á concesión da subvención, todos os gastos que se produciran como consecuencia de calquera das causas anteriores serán por conta e risco exclusivo do concello, e a Deputación de Pontevedra poderá detraer o importe da subvención concedida ó concello doutros plans provinciais para facer fronte á débeda.

3.— FINANCIAMENTO
O proxecto ECOREDESANEASOL está cofinaciado polo FEDER nun 75% e pola Deputación de Pontevedra nun 25%. O orzamento previsto para a actividade obxecto destas subvencións en especie é de 1.160.000,00 ?, e para o seu financiamento existe consignación dispoñible nos importes e aplicacións seguintes do vixente orzamento provincial:

ANUALIDADE IMPORTE APLICACIÓN ORZAMENTARIA
2009 690.000,00 € 10/241.161.652.02.2009
2010 470.000,00 € 10/241.161.652.02
TOTAL 1.160.000,00 €

As axudas obxecto desta convocatoria están cofinanciadas por fondos comunitarios do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP). Neste senso aplicaranse os mecanismos de xestión e control propios deste Programa Operativo e, en particular, o Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, de 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas para el desenvolvemento do Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ó FEDER, ó Fondo Social Europeo e ó Fondo de Cohesión e o Regulamento 1080/2006 do Parlamento e do Consello, relativo ó FEDER.

4.— SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no rexistro da súa sede de Vigo, ou na páxina web da Deputación de Pontevedra www.depo.es.

Os concellos solicitantes deberán achegar, ademais, a seguinte documentación:

  1. Anexo I: Certificación do Secretario do concello do acordo do órgano competente polo que se aproba solicitar a subvención, poñer a disposición da Deputación de Pontevedra da parcela e os terreos necesarios para a instalación da infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol, e a asunción por parte do concello dos seguintes compromisos:
    1. O concello tramitará ante a/as autoridade/s competentes os permisos necesarios para a obtención da correspondente autorización de vertedura, así como todas as licenzas pertinentes que foran precisas para a instalación da infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol.
    2. O concello asumirá a titularidade da infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol unha vez instalada ésta pola Deputación de Pontevedra así como o seu mantemento en perfectas condicións de funcionamento no futuro (incluíndose neste apartado os custos de electricidade, mantemento periódico, limpeza e desbroce da parcela, peches antivandálicos, etc)
    3. O concello velará polo estrito cumprimento da normativa autonómica, nacional e comunitaria aplicable a este tipo de instalacións.
    4. O concello non cederá a terceiros a titularidade da infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol ou calquera ben, dereito ou servizo existente sobre a mesma, sen prexuízo de poder elixir o modelo de xestión que considere adecuado no futuro para o mantemento da infraestrutura.
    5. O concello non permitirá que a infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol, os seus bens inventariables ou os recursos económicos que puidera xerar se empreguen para actividades ou finalidades que non sexan as propias de dita infraestrutura.
    6. O concello cumprirá todos os requisitos establecidos na lexislación relativa a fondos comunitarios.
    7. O concello incluirá en todas as medidas de promoción e comunicación indicando que a actuación realizada foi cofinanciada polo FEDER (a través do POCTEP 2007-2013), e pola Deputación de Pontevedra.
  2. Anexo II: Declaración responsable de que o concello non obtivo ou solicitou calquera outra axuda, subvención, ingresos ou recursos que financien o investimento a subvencionar e compromiso de comunicarlle á Deputación as que se obteñan nun futuro; declaración de non estar incurso en causas de prohibición para a percepción de subvencións públicas e de aceptación das bases da convocatoria, asumir e dar cumprimento ás condicións da subvención.
  3. Plan de mantemento futuro a realizar polo concello para a infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol.
  4. Informe do técnico municipal xustificativo da dificultade ou imposibilidade de conexión a unha rede de saneamento e depuración existente.
  5. Plano de situación da parcela na que se instalará a infraestrutura medioambiental Ecoredesaneasol de acordo cos requisitos indicados na base 2.

Calquera falsidade dos datos presentados dará lugar á perda da subvención concedida, ademais doutras medidas que para o caso poida arbitrar a Deputación de Pontevedra.

Se a solicitude non reunise os datos de identificación ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro do réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, terase por desistido da súa solicitude, arquivándose sen máis trámites.

As solicitudes presentadas con anterioridade a esta convocatoria quedarán sen efecto, no caso de pretender a súa inclusión neste plan deberán formular nova petición acompañada da documentación correspondente.

5.— CRITERIOS DE CONCESIÓN
A concesión de subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva. A Deputación de Pontevedra seleccionará un total de 5 solicitudes. As solicitudes presentadas someteranse a un proceso de valoración e puntuación, para establecer unha prelación entre as mesmas a efectos da adxudicación da axuda, realizarse de acordo cos seguintes criterios:

  1. Dificultade ou imposibilidade de conexión a unha rede de saneamento e depuración existente: ata 20 puntos.
  2. Plan de mantemento no futuro da infraestrutura medioambiental a realizar polo concello: ata 30 puntos.
  3. Adecuación da parcela cedida polo concello ó obxecto do proxecto: ata 20 puntos.
  4. Adecuación da instalación da infraestrutura no concello ós intereses provinciais: ata 20 puntos
  5. Importancia medioambiental do entorno: ata 10 puntos.

6.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes irán dirixidas ó Presidente da Deputación de Pontevedra, e presentaranse no rexistro xeral da Deputación, de luns a sábado, no rexistro da sede de Vigo, de luns a venres, ou nos lugares establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os horarios dos rexistros son os seguintes:

  • Rexistro xeral da Deputación en Pontevedra (Avda. Montero Ríos s/n – Pontevedra): de luns a venres: de 8:30 horas a 14:30 horas, e de 17:00 horas a 19:00 horas. Sábados: de 09:00 horas a 13:00 horas
  • Rexistro da sede da Deputación en Vigo (rúa Oporto 3 – 36201 Vigo): de luns a venres: de 09:00 horas a 13:00 horas.

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións comezará a contar ó día seguinte día ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, sendo de 15 días naturais.

7.— INSTRUCIÓN E PROCEDEMENTO
A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe de servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da Deputación de Pontevedra, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución provisional.

As solicitudes de subvención serán avaliadas conforme ós criterios sinalados na base 5 pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  1. Presidente: presidente da Deputación de Pontevedra ou o deputado en quen delegue
  2. Secretario: un funcionario da Deputación de Pontevedra
  3. Vogais:
    1. Dous técnicos do servizo de Infraestruturas da Deputación
    2. Un técnico do servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios da Deputación.

A Comisión de Valoración emitirá un informe co resultado da avaliación realizada e as puntuacións obtidas por cada unha das solicitudes, informe que se recollerá na acta da sesión celebrada ó efecto. Posteriormente, o órgano instrutor do procedemento emitirá unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será remitido ó órgano competente para a concesión (previo informe de fiscalización da Intervención), que, a súa vez, emitirá a resolución definitiva.

Unha vez aprobada a resolución definitiva o procedemento será aprobado polo órgano competente.

A resolución do procedemento se notificará ós interesados de acordo co establecido no artigo 26 da lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións.

8.— LICITACIÓN DAS OBRAS E SUBMINISTRACIÓNS OBXECTO DA SUBVENCIÓN EN ESPECIE
Con posterioridade á presente convocatoria de subvencións, e unha vez emitida resolución definitiva de concesión destas ós diferentes concellos, a Deputación de Pontevedra procederá ás correspondentes licitacións públicas para a execución das obras e a subministración, instalación e posta en funcionamento das infraestruturas medioambientais Ecoredesaneasol en cada un dos concellos beneficiarios.

A execución do investimento, así como a súa recepción correspóndelle á Deputación de Pontevedra, debendo remitirlle o Servizo de Contratación a comunicación desta circunstancia ó servizo de Desenvolvemento Local e Fondos Comunitarios. Os investimentos deberán estar executados na súa totalidade, antes do día 31 de decembro de 2010.

Unha vez rematadas as obras e investimentos e recibidas pola Deputación de Pontevedra como administración contratante, levarase a cabo a súa entrega ó concello ou entidade local titular levantando a correspondente acta. Con carácter previo á entrega (acta de entrega/recepción) dos investimentos ós concellos farase unha resolución presidencial ordenándoa, xa que supón a saída do inmobilizado da esfera xurídico patrimonial da Deputación (pago da subvención), dándolles traslado á Intervención para contabilizar a baixa no inmobilizado da Deputación e ós concellos para que poidan contabilizar a entrada do seu inmovilizado. Na resolución presidencial deberanse facer constar os datos cuantitativos para a correcta contabilización da baixa na contabilidade da Deputación e a alta na contabilidade dos concellos (custo, dimensións e características, etc.).

9.— INCUMPRIMENTOS E REINTEGROS
O incumprimento por parte dos beneficiarios dos requisitos establecidos nas presentes bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, no seu caso se establezan na correspondente resolución de concesión, dará lugar total ou parcialmente, previo o oportuno expediente de incumprimento, á cancelación da mesma, e á obriga de reintegrar a subvención (entendéndose como tal o importe económico equivalente ós custos realizados pola Deputación de Pontevedra para a instalación da infraestrutura medioambiental ó beneficiario da subvención). O reintegro levará engadida a esixencia de xuros de demora correspondente dende o momento da entrega da subvención en especie ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro. De acordo co artigo 38 da lei 38/2003 de 17 de novembro, xeral de subvencións, o xuro de demora aplicable será o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25%, salvo que a lei de Orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente. Por outra banda serán de aplicación o previsto no título IV da referida lei de subvencións si concorresen os supostos de infraccións administrativas en materia de subvencións e axudas públicas.

10.— RÉXIME SANCIONADOR
Será de aplicación o réxime sancionador previsto na lei 38/2003 xeral de subvencións, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.

11.— RECLAMACIÓNS
Contra o acordo da aprobación destas bases que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta publicación (artigos 107 e 117 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro), ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra segundo o disposto nos artigos 8 da Lei 29/1988, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e todo iso no prazo establecido no artigo 46 da citada lei. Todo iso sen prexuízo de que poida utilizar calquera outro recurso que estimen conveniente.

12.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2010, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, de 18/11/2003), Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº. 121 de 25/06/2007) e demáis lexislación aplicable.



Boletín Oficial da Provincia, data 10/03/10, número 47, páxina 42, anuncio 2010002697.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 09/03/2010 16:17
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/