[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 18 DE SETEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Recursos humanos e formación
Páxina Principal
Servizos
Recursos humanos
e formación
Oferta de emprego
Ano 2010
Ano 2009
Ano 2008
Ano 2007
Ano 2006
Ano 2005
Ano 2004
Ano 2003
Convocatoria de postos
de traballo
Ano 2010
Contratacións
Ano 2009
Contratacións
Ano 2008
Contratacións
Ano 2007
Ano 2006
Contratacións
Ano 2005
Contratacións
Ano 2004
Ano 2002
Postos de traballo
Ano 2009
Ano 2007
Ano 2006
Ano 2005
Bolsas
Ano 2010
Ano 2009
Ano 2008
Ano 2007
Ano 2006
Ano 2005
Ano 2004
Cursos de formación
2º semestre 2010

RECURSOS HUMANOS E FORMACIÓN 

deputación de Pontevedra

contratación laboral temporal dun técnico en administración para o organismo autónomo local Turismo Rías Baixas

Bases | Formulario de solicitude | Lista de admitidos
Puntuacións 1º exercicio | Puntuacións 2º exercicio
Puntuacións da entrevista

Convocatoria para contratación laboral temporal dun técnico en administración para o organismo autónomo local Turismo Rías Baixas

A Presidencia, no uso das facultades que lle confire a normativa local vixente, ditou a seguinte

RESOLUCIÓN:

“Por razóns de urxencia e necesidade, de conformidade co establecido no artigo 34. g) da Lei 7/85, do dous de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 11/99, do 21 de abril, RESOLVO aprobar a presente convocatoria para a contratación laboral de interinidade con cargo a vacante dun posto de traballo de TÉCNICO DE ADMINISTRACIÓN con destino ó Organismo Autónomo Local Turismo Rías Baixas, que se rexerá polas seguintes

BASES:

PRIMEIRA.—OBXECTO
Esta convocatoria ten por obxecto a contratación laboral temporal de interinidade dun técnico de administración, do grupo A1, con cargo a posto de traballo de persoal laboral fixo vacante no Organismo Autónomo Local “Turismo Rías Baixas”.

Dita contratación formalizarase, por razóns de urxencia e necesidade, ó amparo do establecido no art. 35 do Real decreto 364/95, do 10 de marzo, art. 103 da Lei 7/85, do 2 de abril, Lei 7/2007, de 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico de empregado público, artigo 4 do Real decreto 2720/98, de 18 de decembro, art. 15 do estatuto dos traballadores, I Convenio Colectivo para persoal laboral da Deputación Provincial e demais normas de concordante e pertinente aplicación.

SEGUNDA.—SISTEMA DE SELECCIÓN
A selección levarase a cabo mediante o sistema de oposición libre.

TERCEIRA. REQUISITOS DOS ASPIRANTES

  1. Con carácter xeral, para seren admitidos neste proceso selectivo, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:
    1. Ter a nacionalidade española, sen prexuízo do disposto no artigo 57 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, respecto do acceso ó emprego público de nacionais doutros estados.
    2. Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non excederen, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
    3. Posuír ou en estar en condicións de obter o título de licenciado en dereito.
    4. Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais do posto a que aspira.
    5. Non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ó corpo ou escala de funcionario no que houbese estado separado ou inhabilitado. No caso de ser nacional doutro estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ó emprego público.
    6. Ter ingresado na Tesourería da Deputación ou na conta bancaria de Caixanova nº 2080 0401 68 0040106618 a cantidade fixada como dereitos de exame.
  2. Todos os requisitos sinalados no apartado anterior deberán posuílos os aspirantes o día que remate o prazo para presentar as solicitudes e conservaranos, polo menos, ata a data da formalización do preceptivo contrato laboral de interinidade.

CUARTA.—CONDICIÓNS DO POSTO DE TRABALLO OFERTADO

  • Duración do contrato: Ata que se cubra o posto convocado polo procedemento establecido regulamentariamente
  • Período de proba: Catro meses
  • Retribucións: 2.829,20 €/mes, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

QUINTA.—SOLICITUDES

  1. As persoas que desexen tomar parte nas probas selectivas convocadas deberán facelo constar mediante unha instancia dirixida ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra. A instancia conterá, polo menos, os datos persoais do solicitante co seu enderezo e a denominación do posto de traballo ó que opta, achegándolle unha fotocopia autenticada do documento nacional de identidade.
    Para seren admitidos neste proceso selectivo os aspirantes deberán manifestar nas súas solicitudes de participación que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na data en que expire o prazo de presentación. No rexistro xeral da Deputación facilitaráselles ós interesados o modelo de solicitude incluído no anexo I desta convocatoria.
  2. O prazo para presentar as solicitudes será de 5 días hábiles, contados a partir do día seguinte óda publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
  3. A presentación de solicitudes poderá facerse ben no rexistro xeral da Deputación Provincial de Pontevedra ou no rexistro auxiliar da sede de Vigo, ben en calquera das formas establecidas no art. 38.4 da Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; as solicitudes que se presenten a través da oficina de correos deberán entregarse en sobre aberto para ser seladas e datadas polo funcionario de Correos antes de seren certificadas.
  4. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que consten na súa solicitude, se ben os erros de feito que poidan advertirse poderán emendarse ou repararse en calquera momento, ben de oficio, ben a instancia de parte.

SEXTA. DEREITOS DE EXAME
Será requisito necesario para participar neste proceso selectivo aboar dentro do prazo de presentación de instancias, a cantidade de 10,00 € en concepto de dereitos de exame e os gastos de tramitación que, no seu caso, determine a entidade bancaria, que poderán satisfacerse directamente na Tesourería da Deputación, ou ben mediante xiro postal, telegráfico ou transferencia bancaria dirixida á Deputación Provincial, conta de Caixanova nº 2080 0401 68 0040106618; de non realizarse o pagamento directamente na Tesourería provincial, o solicitante fará constar na súa instancia a data do xiro ou da transferencia e o número do resgardo.

En ningún caso a mera presentación e o pagamento dos dereitos de exame suporá substituír o trámite de presentación en tempo e en forma da solicitude.

Están exentas de pagar os dereitos de exame as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá acreditar documentalmente mediante orixinal ou fotocopia compulsada.

Os dereitos de exame reintegraránselles de oficio ós interesados que sexan excluídos definitivamente da lista de aspirantes admitidos para poderen participar neste proceso selectivo.

SÉTIMA.—ADMISIÓN DE ASPIRANTES

  1. Finalizado o prazo cinco días hábiles para presentar as solicitudes, o Presidente da Deputación ditará resolución declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos, especificando, no seu caso, os motivos de exclusión, que se publicará no taboleiro de anuncios da Deputación Provincial o día 9 de abril de 2010.
  2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 3 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, no seu caso, o defecto que motivase a exclusión, rematando o prazo o día 13 de abril. No suposto de producirse reclamacións deberá ditarse unha nova resolución estimándoas ou desestimándoas coa publicación da lista definitiva no taboleiro de anuncios o 15 de abril.
  3. Contra a resolución do presidente, aprobatoria da lista definitiva, poderase interpoñer un recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó desta notificación (artigos 107 e 117 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/99 do 13 de xaneiro) ou ben un recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso- Administrativo de Pontevedra, segundo o artigo 46 da Lei 29/98, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.
  4. O feito de figurar incluído na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados posuír os requisitos esixidos no procedemento selectivo convocado, que deberán ser xustificados documentalmente no suposto de que os aspirantes admitidos superen as probas selectivas.

OITAVA. TRIBUNAL CUALIFICADOR

  1. O tribunal cualificador estará integrado polos seguintes membros:
    • Presidente: Titular: : Gabriel Rodríguez Alonso, xefe de sección do Servizo de Vías e Obras da Deputación Provincial.
      Suplente: Marina Piñeiro Novo, xefe de Servizo de Cooperación da Deputación Provincial.
    • Secretario: Titular: Mª Jesús Torres Peón, xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial.
      Suplente: Antonio Santos Guerra, xefe do Servizo de Deportes.
    • Vogal 1: Titular: Sonia Mateos Escudero, directora de xestión da Cidade Infantil “Príncipe Felipe”.
      Suplente: Bernardo Sartier Boubeta, xefe de Servizo de Asesoría Xurídica da Deputación.
    • Vogal 2: Titular: José Fernández López, xefe de orzamentos, plans e organismos da Deputación Provincial.
      Suplente: Inés Vereterra Gutiérrez-Maturana, xefa de Servizo de Fiscalización.
    • Vogal 3: Titular: Pablo Montero Carrera, adxunto xefe Servizo de Contratación, Facenda e Patrimonio.
      Suplente: Manuel Corujo Castro, xefe do servizo de Desenvolvemento Local da Deputación Provincial.
  2. Os membros do tribunal e os asesores que asistan ás sesións percibirán as axudas de custo pola súa asistencia segundo a contía legalmente establecida no Real decreto 462/2002, de 24 de maio, sobre indemnización por razón do servizo.
  3. A constitución do tribunal terá lugar o día 20 de abril ás 9,00 horas

NOVENA.—PROBA SELECTIVA

  1. A selección levarase a cabo mediante a realización de dous exercicios, de carácter obrigatorio e eliminatorio, e unha entrevista persoal:
    • PRIMEIRO EXERCICIO: Consistirá en contestar por escrito a un test de 40 preguntas con catro respostas alternativas sobre o contido do programa nun tempo máximo de 30 minutos.
    • SEGUNDO EXERCICIO: Consistirá na resolución dun suposto práctico relacionado co contido do programa no tempo que determine o tribunal.
    • ENTREVISTA: Versará sobre aspectos relacionados co desempeño do posto de traballo obxecto desta contratación, a fin de determinar a súa idoneidade e na que os aspirantes poderán facer a súa exposición curricular.
  2. O primeiro e segundo exercicio serán cualificados de 0 a 10 puntos, necesitándose para aprobar obter unha puntuación mínima de 5 puntos. A entrevista persoal valoraráse de 0 a 5 puntos.
  3. Sumadas as puntuacións totais o tribunal formulará á presidencia a correspondente proposta de contratación.

DÉCIMA.—PROGRAMA

  1. Disposicións xerais sobre os procedementos administrativos e normas reguladoras dos distintos procedementos. Clases de interesados no procedemento. Dereitos dos administrados. A iniciación do procedemento: clases, corrección e mellora de solicitudes. Presentación de solicitudes, escritos e comunicacións. Os rexistros administrativos. Termos e prazos: cómputo, ampliación e tramitación de urxencia. Ordenación, Instrución: intervención dos interesados, proba e informe.
  2. Terminación do procedemento: a obriga de resolver. Contido da resolución expresa. A terminación convencional. A falta de resolución expresa: o réxime do silencio administrativo. O desistimento e a renuncia. A caducidade.
  3. Réxime xurídico dos contratos do sector público. Entes excluídos e incluídos na lexislación estatal de contratos. Clases de contratos: contratos administrativos e privados. Características dos contratos de obras, de concesión de obras públicas, de xestión de servizos públicos, de subministro e de servizos públicos. Invalidez dos contratos. Recursos en materia de contratos. Partes nos contratos. Capacidade. Solvencia. Prohibicións e clasificación. Órganos de contratación.
  4. Preparación e actuacións preparatorias nos contratos. Selección do contratista e adxudicación dos contratos: procedementos de adxudicación e criterios de valoración. Garantías. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos.
  5. O orzamento das entidades locais. Estrutura. Formación e aprobación do orzamento. As bases de execución. Prórroga do orzamento.
  6. As subvencións públicas. Concepto de subvención. Beneficiarios: requisitos para obter a condición de beneficiario, obrigas dos beneficiarios. Publicidade das subvencións concedidas. Procedementos de concesión: concesión directa e en réxime de concorrencia competitiva. Xustificación das subvencións públicas.

DÉCIMO PRIMEIRA.—LUGAR E DATA DA SELECCIÓN

  1. O primeiro exercicio terá lugar no Pazo Provincial o día 22 de abril ás 9,30 horas.
  2. Os aspirantes convocaranse nun único chamamento, quedando decaídos no seu dereito os que non comparezan a realizalo, salvo os casos debidamente xustificados, que resolverá o tribunal.
  3. Para realizaren os exercicios os aspirantes deberán presentarse provistos do DNI, ou documento fidedigno acreditativo da súa personalidade a xuízo do tribunal.
  4. Contra os acordos do tribunal poderá interpoñerse recurso administrativo de alzada perante o presidente que os nomeou, segundo o previsto no artigo 114.1 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/99.

DÉCIMO SEGUNDA.—CONTRATACIÓN
Concluído o proceso selectivo o presidente do Organismo Autónomo Local “Turismo Rías Baixas” formalizará o preceptivo contrato laboral de interinidade co aspirante proposto polo tribunal cualificador ó amparo do establecido no artigo 4 do Real decreto 2720/98, do 18 de decembro.

DÉCIMO TERCEIRA.—RECOÑECEMENTO MÉDICO
O aspirante proposto someterase obrigatoriamente a recoñecemento médico ó inicio da súa relación laboral, a fin de poder comprobar que o traballador reúne as condicions físicas axeitadas para o desempeño do posto de traballo ofertado, e no suposto de que dito recoñecemento médico declarase a este traballador non apto, este cesará automaticamente no posto para o que foi contratado.

DÉCIMO CUARTA.—CARÁCTER VINCULANTE DAS BASES
Estas bases vinculan ó Organismo Autónomo “Turismo Rías Baixas”, ó tribunal cualificador e ós aspirantes que participen neste proceso selectivo.

DÉCIMO QUINTA.—INCIDENCIAS
O tribunal queda facultado para interpretar as bases da convocatoria, así como para resolver cantas dúbidas e incidencias presente a súa aplicación e poderán adoptar os acordos necesarios procurando a boa orde e desenvolvemento do proceso selectivo”.

Pontevedra, 17 de marzo de 2010
O SECRETARIO
ilexible

Boletín Oficial da Provincia, data 26/03/10, número 58, páxina 29, anuncio 2010003380.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 03/05/2010 12:52
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/