[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
XOVES, 17 DE OUTUBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Cursos
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

CURSOS 

Deputación de Pontevedra

Curso de formación e intercambio de experiencias para xerentes de comercio urbano da provincia de Pontevedra

Bases | Formulario de solicitude | Díptico informativo

Bases

Convocatoria para a selección de participantes no curso de formación e intercambio de experiencias para xerentes de comercio urbano da provincia de Pontevedra.

ANTECEDENTES
A Área de comercio da Deputación de Pontevedra ten como obxectivo cumprir coas directrices establecidas no Plan Director de Comercio (2009-2012) redactado a partir dos catro eixos básicos nos que se sustenta o Plan Estratéxico Provincial.

Un destes catro eixos é a liña estratéxica “Formación e cualificación do sector comercial” cuxa premisa é traballar pola profesionalización do movemento asociativo e dos profesionais que traballan á fronte das asociacións de comerciantes, os xerentes.

Para acadar este obxectivo, dende a Área de Comercio da Deputación de Pontevedra ponse en marcha unha das actividades recollidas no devandito Plan Director de Comercio, un curso de formación para os xerentes do comercio urbano da provincia de Pontevedra. Con esta actividade preténdese combinar a formación teórica e práctica para axudar aos xerentes das agrupacións de comerciantes a desenvolver as súas labores de xestión, representación e liderazgo con maior eficacia.

1.— OBXECTO
O obxecto da presente convocatoria é a selección de 25 xerentes e técnicos de comercio da provincia de Pontevedra para ofrecerlles a oportunidade de recibir unha formación específica de carácter teórico – práctica.

Obxectivos específicos:

  • Profesionalización das agrupacións de comerciantes.
  • Coñecer e potenciar as habilidades persoais. Aprender a xestionar as emocións no entorno profesional.
  • Analizar as diferentes ferramentas que se poden utilizar na comunicación formal e informal cos comerciantes e clientes.
  • Desenvolver as habilidades comunicativas persoais no posto de traballo.

En ningún caso, o obxecto estará relacionado co pagamento de prestacións económicas por parte da Deputación de Pontevedra ás persoas que concorran á presente convocatoria.

2.— DESTINATARIOS
Poderán acollerse a esta convocatoria os xerentes e técnicos de primeiro nivel da provincia de Pontevedra que cumpran algunha das seguintes características:

  • Xerentes de Centros Comerciais Abertos ou Urbanos.
  • Técnicos de comercio da Administración local e autonómica.
  • Xerentes e persoal de Asociacións de Comerciantes.
  • Técnicos das Cámaras de Comercio.
  • Licenciados en empresariais ou dirección de empresas con experiencia profesional relacionada co sector comercial.

3.— PROGRAMACIÓN DO CURSO
O curso de formación e intercambio de experiencias constará de tres sesións teóricas nas que os alumnos/as traballarán os seguintes items:

  • Intelixencia emocional no traballo. Comunicación e motivación.
  • Estratexias para chegar aos comerciantes. Visión do asociado como cliente.
  • Como falar en público e facer presentacións eficaces.

A formación en aula complementarase cunha viaxe de intercambio de experiencias na que se coñecerán experiencias de éxito comercial e estará titorizada e guiada polos docentes do curso.

A actividade exposta nas presentes bases desenvolverase dentro do ano en curso, sendo a data límite de remate do mesmo o 31 de decembro de 2010.

4.— LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 e de 17:00 a 19:00, no Rexistro da Sede de Vigo de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas ou por calquera dos procedementos establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Se o último día de presentación de solicitudes coincidira en domingo ou festivo, prorrogarase o prazo ata o primeiro día hábil seguinte.

O devandito prazo poderá ampliarse 5 días máis, no caso de que no prazo estipulado non se cubrisen as 25 prazas.

As inscricións deberán formularse mediante solicitude asinada polo solicitante, segundo o modelo oficial do Anexo 1.

Poderán ser excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan correctamente cubertos os datos necesarios para realizar o proceso de selección de alumnos.

Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude. A inscrición nesta convocatoria implica a completa aceptación das súas bases.

5.— DOCUMENTACIÓN
Aos efectos establecidos na base 3ª da presente convocatoria, os solicitantes deberán presentar xunto coa solicitude:

  • Fotocopia cotexada do DNI
  • Certificado asinado polo/a representante legal da entidade solicitante que acredite a condición do candidato/a de técnico e/ou xerente da mesma.
  • No caso dos/as Licenciados/as en empresariais ou dirección de empresas con experiencia profesional relacionada co sector comercial, copia cotexada do título universitario.

6.— SELECCIÓN DE PARTICIPANTES
A selección dos 25 xerentes e técnicos farase por sorteo público ante o Secretario Xeral da Deputación de Pontevedra.

No caso, de que o número total de solicitudes presentadas sexa inferior a 25, poderá ampliarse o prazo 5 días máis. Si o número é de 25, eliminaríase a fase de sorteo, sendo as solicitudes presentadas as destinatarias do programa. De darse o caso contrario, que estas sobrepasen as 25, estableceríase unha lista de reserva de 5 persoas para os casos nos que as persoas seleccionadas inicialmente se dean de baixa.

7.— CERTIFICADO DE ASISTENCIA
Outorgaráselles un certificado de asistencia aos/ás alumnos/as que participen no curso sempre e cando a súa non asistencia (con ou sen xustificación) non sexa igual ou superior ó 5% das horas lectivas programadas. A superación deste límite, sexa cal sexa a causa, imposibilitará a expedición do certificado.

Non se expedirán certificados nin xustificantes de asistencia sen ter superado o curso.

8.— ORZAMENTO E PUBLICIDADE
O orzamento previsto para esta actividade é de 35.000€ (ive incluído), sendo o importe por cada unha das prazas de 1.400€, que será imputado á aplicación orzamentaria 10/241.431.227.06 do vixente orzamento provincial.

En tódalas medidas de difusión da actividade que se elaboren (anuncios, folletos informativos, etc.) deberá constar a colaboración da Deputación de Pontevedra, Área de Comercio, segundo establece o art. 31 do RLXS.

9.— ÓRGANO DE APROBACIÓN
O órgano competente para a aprobación das presentes bases é a Presidencia, de acordo coas bases aprobadas para a execución do orzamento de 2010.

10.— LEXISLACIÓN APLICABLE E XURISDICIÓN
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao que se dicten. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do Contencioso Administrativo como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa (tras modificación dada pola Lei 19/2003, de 23 de decembro) no prazo de dous meses. Así mesmo, contra as presentes bases tamén poderá interpoñerse directamente o dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos, os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

11.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2009 e lexislación de aplicación.

12.— ANEXOS
O modelo de solicitude referida nas bases será facilitada a través da páxina web: www.depo.es

Pontevedra, 25 de marzo de 2010


Boletín Oficial da Provincia, data 12/05/10, número 89, páxina 20, anuncio 2010005083.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 12/05/2010 10:23
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/