[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 19 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Medio Natural
Páxina Principal
Servizos
Medio Natural
Pesca e Cultivos Mariños
Subvencións
Convenios
Medio Ambiente
Axudas
Residuos
Educación ambiental
Agricultura
Agricultura
Convenios
Prestación servizos
Axudas
Sector Forestal
Instalacións deportivas
Agricultura Biolóxica
Instalacións
Finca Castelo de Soutomaior

MEDIO NATURAL 

Deputación de Pontevedra

Bases reguladoras das axudas económicas a cooperativas, da provincia de Pontevedra para financiar as melloras nos servizos que presten aos seus socios – 2010

Formulario de solicitude

Bases

A Deputación de Pontevedra, consciente da importancia do movemento cooperativista para o desenvolvemento do sector agropecuario provincial, establece as axudas a cooperativas, para financiar as melloras nos servizos que presten aos seus socios para o ano 2010 e que se rexerán polas presentes bases.

1.— OBXECTO E FINANCIAMENTO
Constitúe o obxecto das presentes bases definir o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión das axudas económicas ás cooperativas da provincia de Pontevedra que outorgue a Deputación de Pontevedra, segundo os principios de obxectividade e concorrencia competitiva de acordo coas consignacións dispoñibles para tal fin na partida orzamentaria 10/410.412.789.00, cun crédito inicial de douscentos mil euros (200.000,00 €).

2.— ACTUACIÓNS SUSCEPTIBLES DE AXUDA E CONTÍA DA SUBVENCIÓN

  • 2.1) Serán obxecto de axuda os investimentos realizados polas cooperativas, para mellorar os servizos que presten ós seus socios (construcións, equipamentos, maquinaria, instalacións, reparacións en edificios que sexan investimentos, estudos técnicos, mobiliario, utilización das novas tecnoloxías e enerxías renovables e calquera outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos prestados polos beneficiarios aos seus socios).
  • 2.2) As axudas económicas poderán alcanzar ata o 50% do investimento realizado, sen prexuízo de que sexan compatibles con outras axudas recibidas para o mesmo investimento por outros organismos e que en ningún caso a súa concorrencia supere o custo do investimento realizado.

3.— BENEFICIARIOS
Poderá solicitar estas axudas calquera cooperativa agraria da provincia de Pontevedra que reúna os seguintes requisitos:

  1. Estar legalmente constituídas
  2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou sobre temas de interese para a provincia

4.— FORMULACIÓN DE SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación ou na súa sé de Vigo, no Servizo Agrario ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es e que serán publicados coas presentes bases no Boletín Oficial de Pontevedra.

Achegarase a seguinte documentación:

  1. Solicitude asinada polo presidente da cooperativa ou representante legal e debidamente cumprimentada
  2. Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da cooperativa ou agrupación beneficiaria
  3. Copia cotexada do DNI do representante legal ou persoa que asina a solicitude
  4. Copia cotexada dos estatutos da entidade
  5. Memoria descritiva do investimento a realizar, especificando as características técnicas dos equipamentos, maquinaria, obras, estudos técnicos, mobiliario, etc. Nas obras achegarase o seu orzamento técnico coas unidades de obra desagregadas e o seu prezo unitario
  6. Orzamento de gastos e ingresos, asinado e detallado, da actividade ou do investimento a realizar
  7. Certificado do acordo do órgano competente da entidade beneficiaria no que se autorice a solicitar esta axuda
  8. Contía da axuda solicitada, que non poderá superar o 50% do orzamento calculado de gastos
  9. Declaración das axudas solicitadas e/ou obtidas a outras administracións públicas ou entidades privadas para esta finalidade e compromiso de comunicar á Deputación as que se soliciten e/ou obteñan nun futuro e a súa contía en relación co orzamento total dos investimentos a realizar
  10. Certificación orixinal dos datos bancarios ou ben copia cotexada a nome da entidade peticionaria
  11. Certificación do número de socios de cada cooperativa, a súa categoría e declaración de que desenvolve as súas actividades no ámbito da provincia ou que teñen interese para a provincia
  12. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000,00 €, no suposto de execución de obras, ou de 12.000,00 € no caso de subministro de bens de equipo, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da axuda (art. 31.3 Lei 38/2003). Esta situación deberá acreditarse no expediente da subvención concedida
  13. Certificación de estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social o xustificante de autorización de mora.
  14. Declaración asinada do presidente ou o representante legal da cooperativa conforme non está incursa en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co establecido no art. 13 da Lei 38/2003 xeral de subvencións
  15. Compromiso de realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, conforme ao disposto no artigo 14 da Lei 38/2003 xeral de subvencións
  16. Compromiso de difundir o financiamento da Deputación de Pontevedra e facela constar en todo tipo de información que realice no desenvolvemento da actividade subvencionada

As entidades poderán autorizar á Deputación de Pontevedra para que solicite as certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social

A documentación que se presente será orixinal ou, no caso de ser fotocopia, deberá vir compulsada.

O defecto, erro ou ausencia na presentación da documentación á que se refire esta base así como o incumprimento do previsto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase ao interesado para que emende as faltas no prazo máximo de 10 días hábiles, indicándolle que se non o fixese teráselle por desistido da súa solicitude, previa resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no art. 42 da Lei 30/92.

5.— PRAZO E PRESENTACIÓN DAS SOLICITUDES
As axudas que se contemplan na presente convocatoria poderán solicitarse a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e durante 30 días naturais.

As solicitudes irán dirixidas ao Ilmo. Sr. Presidente da Deputación de Pontevedra e presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación de Pontevedra (tamén na súa sé de Vigo) ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A pesar do anterior, ó longo do exercicio orzamentario poderán presentarse solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais xustificadas adecuadamente e por escrito, non puideran presentarse no prazo sinalado no parágrafo anterior. Estas solicitudes, logo de que o xefe do Servizo Agrario emita un informe sobre a existencia das causas que dan lugar á súa presentación fóra de prazo, tramitaranse de acordo coas presentes bases, agás o cumprimento dos prazos e sempre e cando exista consignación orzamentaria. Neste senso, a Deputación de Pontevedra poderá reservar ata un 20% do crédito total para a súa concesión directa, tal e como se establece na base 25ª.3 das Bases de Execución do vixente orzamento provincial.

6.— VALORACIÓN DAS SOLICITUDES
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e avaliaranse por unha Comisión de Valoración que atenderá, para a súa adxudicación individualizada, ós seguintes criterios:

  • Número de socios da cooperativa (ata un máximo de 10 puntos)
  • Aforro e eficiencia enerxética e/ou instalacións de enerxías renovables (ata 10 puntos)
  • Adecuación dos investimentos ao interese provincial (ata 20 puntos)
  • Creación de postos de traballo (ata 10 puntos)

7.— RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA
A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle ao xefe do Servizo Agrario, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no artigo 24 da Lei xeral de subvencións.

A Comisión de Valoración avaliará, conforme aos criterios indicados no apartado anterior cada unha das solicitudes. Esta Comisión estará composta da seguinte maneira:

  • Presidente: O presidente da Comisión de Desenvolvemento Agrogandeiro ou o deputado en quen delegue
  • Vogais:
    O enxeñeiro director do Servizo Agrario
    Un técnico do Servizo de Intervención
  • Secretario: Un funcionario do Servizo Agrario, sen dereito a voto

A Comisión poderá:

  • acadar cantos informes estime necesarios para resolver
  • propoñer ó beneficiario a reformulación da solicitude
  • emitir un informe respecto das solicitudes de subvención

A proposta de concesión das axudas someterase ó ditame da Comisión Informativa de Desenvolvemento Agrogandeiro.

Finalmente, a proposta de resolución elevarase para a súa aprobación definitiva ao órgano competente segundo o disposto nas Bases de Execución do orzamento provincial do presente ano e a lexislación vixente.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte ao remate do prazo para presentar a solicitude, sen que os interesados obteñan resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

8.— MODIFICACIÓN
Unha vez notificada a resolución de concesión e logo de que o beneficiario da subvención o solicite por escrito e razoadamente, acreditando as causas excepcionais ou imprevisibles que o motivan, poderán modificarse as condicións da resolución, nos termos recollidos no artigo 27 da Lei xeral de subvencións.

Esta solicitude deberá presentarse no prazo de tres meses dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución polo órgano competente, despois da proposta previa da Comisión Avaliadora, que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

  • Se o presuposto da nova actividade ou investimento é superior ou igual ao inicial, manteranse as mesmas condicións da axuda concedida: coeficiente de financiamento, importe da axuda e presuposto subvencionado.
  • Se o presuposto da nova actividade ou investimento é inferior ao inicial, a Comisión Avaliadora, logo do informe previo do Servizo Agrario, deberá determinar o novo importe da subvención e o novo orzamento subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos.

9.— XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO

  • 9.1.- Prazo de xustificación
    Unha vez notificadas as axudas concedidas e realizada a actividade ou o investimento, os beneficiarios deberán xustificalas en todo caso no prazo de seis meses a contar desde a notificación da concesión, se ben antes de que finalice o prazo poderase ampliar por solicitude razoada do interesado ou proposta xustificada da unidade xestora, nos termos previstos no artigo 49 da Lei 30/1992.
  • 9.2.- Documentación xustificativa

    As subvencións aboaranse despois da xustificación dos gastos.

    Para poder recibir a subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

    1. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando o número de unidade os prezos unitarios destas e mais o custo total de cada unidade, e que reúnan, ademais, os requisitos legais esixidos polo R.D. 1496/03 de 28 de novembro sobre confección de facturas (número de factura, datos referidos o expedidor e o destinatario da factura, concepto e prezo total con IVE, que estará detallado, incluído ou exento, o lugar e a data de emisión da factura, etc.)
    2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou o gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran en dita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontran no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación para o seu exame durante un prazo mínimo de 4 anos.
    3. Unha memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos
    4. Declaración de non ter recibido outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e unha declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada
    5. Certificación de estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social ou xustificante de autorización de mora, ou autorización para que a propia Deputación as solicite directamente
    6. Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da Deputación de Pontevedra da actividade ou investimento subvencionado ou, se non é posible, declaración responsable do representante
  • 9.3.- Tramitación da xustificación

    Á vista da documentación xustificativa presentada e despois dos informes do Servizo Agrario e da Intervención provincial, o órgano competente resolverá sobre o pagamento da axuda.

    No caso de que a documentación xustificativa non fose correcta ou suficiente, requirirase ao interesado para que emende as faltas nun prazo de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte da notificación do requirimento.

    Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

    • No caso de que se xustifique o 100% do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención
    • No caso de que se xustifique un gasto inferior ó 100% do orzamento subvencionado, aboarase a parte proporcional da subvención.

O aboamento da subvención realizarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

10.— RÉXIME SANCIONADOR
Será de aplicación o réxime sancionador previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, coas especificacións indicadas na súa disposición adicional décimo cuarta.

11.— ÓRGANO DE APROBACIÓN
De acordo co establecido na base 16ª.2 das de execución do orzamento para o ano 2010 e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

12.— RECLAMACIÓNS
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contenciosos-Administrativo como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998 (modificada pola Lei 19/2003) no prazo de dous meses. Asemade, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación, ou no seu caso da publicación no BOP, ou da data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

13.— DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nas presentes bases contemplarase o establecido nas Bases de Execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2009, na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, de 18/11/2003), no seu Regulamento (BOE núm. 176, de 25/07/2006), na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e nas demais disposicións vixentes que resulten de aplicación.



Boletín Oficial da Provincia, data , número , páxina , anuncio .
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 27/12/2010 12:58
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/