[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 10 DE ABRIL DE 2020
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Subvencións, axudas, bolsas...
Páxina Principal
Taboleiro de anuncios
Boletín Oficial da Provincia
Emprego Público
Subvencións, axudas, bolsas...
Perfil do contratante
Cursos
Extractos do Pleno
Extractos da
Xunta de Goberno
Decretos Presidenciais
Notas de Prensa
Axenda

SUBVENCIÓNS, AXUDAS, BOLSAS... 

ORAL

CONVOCATORIA PÚBLICA DE BOLSAS DE COLABORACIÓN PARA LICENCIADOS EN DEREITO, CIENCIAS ECONÓMICAS, EMPRESARIAIS OU TITULACIÓNS EQUIVALENTES E CREACIÓN DUNHA LISTA DE RESERVA

Bases | Formulario de solicitude
Lista de admitidos e excluidos | Lista definitiva de aspirantes admitidos
lista seleccionados

O Consello Reitor do ORAL celebrado o 16 de febreiro de 2011 adoptou o seguinte acordo:
De conformidade coa proposta da Dirección, o Consello Reitor acorda por unanimidade aprobar as bases de tres bolsas de colaboración para Licenciados en Dereito, Ciencias Económicas, Empresariais ou titulacións equivalentes, e a creación dunha lista de reserva por se fose precisa, en virtude das facultades que lle confire a base 15.3 das aprobadas para a execución do Orzamento deste Organismo e segundo as seguintes

BASES

PRIMEIRA.—OBXECTO
Esta convocatoria ten por obxecto a concesión de tres bolsas de colaboración, en réxime de concorrencia competitiva, para Licenciados en Dereito, Ciencias Económicas, Empresariais ou titulacións equivalentes, e a creación dunha lista de reserva por se fose necesaria para novas incorporacións durante o ano 2011, para a realización dun programa de formación nas oficinas do O.R.A.L. (Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais) da Deputación de Pontevedra, así como a participación en proxectos de investigación e apoio ós técnicos deste organismo, tanto nas oficinas centrais como nas periféricas.

SEGUNDA.—CONDICIÓNS DOS ASPIRANTES
Poderán ser beneficiarios destas bolsas de colaboración aquelas persoas físicas que tendo capacidade de obrar e non estando inhabilitadas para a obtención de axudas e subvencións públicas, reúnen os seguintes requirimentos:

  1. Ser español/a ou ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea e ser residente no momento da convocatoria desta bolsa de colaboración. Preferiblemente con residencia na provincia de Pontevedra.
  2. Estar en posesión do título de Licenciado en Dereito, Ciencias Económicas, Empresariais ou titulacións equivalentes, ou en condicións de obtelo na data en que finalice o prazo de presentación de instancias. Os títulos conseguidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán ser validados ou recoñecidos, e deberase xustificar documentalmente que esa validación ou recoñecemento está en trámite no momento de solicitar a bolsa.
  3. Non ter sido beneficiario dunha bolsa neste organismo.
  4. Non ter cumpridos os 35 anos de idade na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes
  5. Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.
  6. Estar ó corrente no cumprimento coas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.
  7. Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no apartado 2 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

TERCEIRA.—DOTACIÓN ECONÓMICA
Estas bolsas figuran cunha dotación económica de 1.200€/mes, importe bruto por beneficiario, gasto que será imputado á partida 11/893.932.48102 (becas estudos - outros) do Orzamento do O.R.A.L. para o exercicio 2011, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra. Sendo o custo estimado de 43.200 €.

O pagamento das bolsas ós beneficiarios realizarase a partires da data de incorporación do bolseiro de colaboración, por mensualidades completas vencidas ou por fracción proporcional ó tempo traballado dende o inicio da mesma, ou en todo caso á data de renuncia voluntaria do bolseiro de colaboración.

Cando por razón do servizo os bolseiros realicen desprazamentos fóra do centro habitual no que realizan a súa formación, poderán solicitar o importe correspondente a ditos gastos, previa xustificación documental dos mesmos e ata o límite legal establecido para os Técnicos (grupo A) deste Organismo.

CUARTA.—PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

  1. As instancias solicitando tomar parte nesta convocatoria dirixiranse ó Presidente do O.R.A.L. e presentaranse no rexistro deste organismo de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00, sito na Avenida de Marín, 9, Pontevedra, podendo tamén presentarse nos lugares ós que fai referencia o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común, cos datos que se detallan no artigo 70 da mesma lei, no prazo de 10 días naturais dende a publicación das bases no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra. Se o último día de presentación das solicitudes coincidise en sábado ou festivo, prorrogaríase dito prazo ata o primeiro día seguinte hábil.

    Cando a documentación se envíe por calquera dos procedementos antes mencionados, o interesado deberá xustificar a data e hora da imposición do envío remitindo a solicitude ó O.R.A.L. mediante fax ó nº 986.859.936 ou telegrama no mesmo día.

    Xunto á instancia achegarase a seguinte documentación orixinal ou debidamente compulsada:

    1. Fotocopia do Documento Nacional de Identidade, ou calquera outro que o substitúa.
    2. Documento acreditativo de estar en posesión do título esixido para dita bolsa, ou en condicións de obtelo na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes.
    3. Certificado do expediente académico, curriculum vitae e documentación acreditativa do mesmo.
    4. Acreditación de cursos ou ciclos de especialización.
    5. Declaración xurada na que o solicitante se compromete a non exercer calquera outro tipo de actividade remunerada durante o tempo de disfrute da bolsa, no caso de que fose seleccionado.
    6. Tarxeta sanitaria da Seguridade Social.
  2. En canto á presentación das solicitudes, ademais do recollido no apartado primeiro desta cláusula, os solicitantes estarán sometidos ó disposto no artigo 23, apartados 3, 4 e 5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, en todo aquelo que lle sexa de aplicación.

QUINTA.—COMISIÓN DE SELECCIÓN
Para poder valorar os méritos achegados polos interesados constituirase unha Comisión de Selección, que estará integrada polos seguintes membros con voz e voto:

  • Presidente: o Presidente do O.R.A.L.
  • Secretario: o Xefe do Servizo Xurídico do O.R.A.L., ou funcionario de carreira con titulación superior en quen delegue.
  • Vogais:
    O Director do O.R.A.L., ou funcionario en quen delegue.
    O Interventor do O.R.A.L., ou funcionario en quen delegue.
    O Secretario do O.R.A.L., ou funcionario en quen delegue.

A Comisión reunirase dentro dos 15 días seguintes á data do remate da presentación de solicitudes.

SEXTA.—SELECCIÓN DOS BOLSEIROS
A selección dos bolseiros efectuarase mediante a valoración dos méritos acreditados polos interesados segundo o seguinte baremo:

Méritos académicos:

Expediente académico, ata un máximo de 3 puntos.

Nota media das cualificacións obtidas, sendo o baremo seguinte:

  • 3 puntos: matrícula de honra
  • 2 puntos: sobresaínte
  • 1 punto: notable
  • 0,5 puntos: ben

Por cursos de especialización impartidos en Centros Oficiais, Universidades, Colexios Oficiais ou Escolas de Administración Pública relacionados coas materias de xestión tributaria; ata un máximo de 4 puntos.

DURACIÓN/ HORAS HORAS PUNTUACIÓN
200 ou máis horas 2
De 100 a 200 horas 1.50
De 50 a 100 horas 1
De 30 a 50 horas 0.50

Cursos de perfeccionamento en procedemento administrativo impartidos en Centros Oficiais, Universidades, Colexios Oficiais ou Escolas de Administración Pública na mesma porcentaxe que no apartado anterior, ata un máximo de 0.50 puntos

Unha vez valorados os méritos pola Comisión de Selección, a lista de aspirantes admitidos xunto coas valoracións definitivas correspondentes ós méritos académicos, será publicada no taboleiro de anuncios do O.R.A.L., así como na páxina web: www.depontevedra.es.

Tódolos aspirantes que sexan admitidos nesta convocatoria, serán convocados pola Comisión de Selección para a realización dunha entrevista persoal que será valorada ata un máximo de 2.50 puntos, sobre cuestións relacionadas con dita bolsa e co coñecemento da xestión tributaria e catastral en xeral.

SÉPTIMA.—RESOLUCIÓN
A Comisión de selección emitirá proposta de resolución nun prazo máximo dun mes a partires da data da publicación desta convocatoria, podendo en calquera momento convocar ós solicitantes para aclaracións que teñan relación coa documentación presentada en referencia ó seu curriculum vitae.

O Presidente do O.R.A.L., á vista da proposta da Comisión de Selección, adxudicará as bolsas ós tres aspirantes que obteñan a maior puntuación no proceso de selección, e aqueles solicitantes que non fosen adxudicatarios quedarán en fase de reserva, por orde de puntuación, en caso de que fosen necesarios para futuros chamamentos. Sen prexuízo de non adxudicar as bolsas cando no se presentaran suficientes aspirantes ou os presentados no acaden os méritos que se estimen necesarios.

Este acordo será comunicado por escrito ós solicitantes das bolsas que foron seleccionados, e publicarase no taboleiro de anuncios do O.R.A.L. e na páxina web: www.depontevedra.es.

No caso de renuncia dalgún bolseiro, ou por razóns de servizo, poderán efectuarse novos chamamentos dos aspirantes incluídos na lista de reserva, por orde de puntuación, previo informe de intervención que certifique a existencia de crédito e unha Resolución Presidencial ó efecto, todo iso, sen prexuízo de tramitar, en calquera momento, unha nova Convocatoria Pública.

Non obstante, ademais do previsto para o caso de renuncia, no caso de que por necesidades do servizo sexa necesaria a incorporación de novos bolseiros, poderán efectuarse novos chamamentos dosaspirantes que formen parte desta lista de reserva, previo informe de intervención que certifique a existencia de crédito e unha Resolución Presidencial ó efecto, todo iso, sen prexuízo de tramitar, en calquera momento, unha nova Convocatoria Pública.

OITAVA.—CONDICIÓNS XERAIS

  1. As bolsas terán unha duración de 6 meses a contar dende a incorporación dos bolseiros, que poderá ser prorrogable por outros 6 meses máis ata completar o ano.
  2. A bolsa será incompatible co desempeño de calquera outra actividade remunerada.
  3. O beneficiario da bolsa de colaboración comprometerase a cumprir o horario de traballo e a disciplina do O.R.A.L.
  4. A aceptación e goce de dita bolsa non establece ningún tipo de relación laboral nin funcionarial co O.R.A.L., non implicando en consecuencia ningún compromiso para unha posterior incorporación ou vinculación posterior de dito bolseiro a este Organismo.
  5. O O.R.A.L. – Deputación de Pontevedra subscribirá unha póliza de accidentes para os beneficiarios de ditas bolsas durante o período de colaboración do bolseiro.
  6. O bolseiro xustificará documentalmente o cumprimento de tódolos requisitos establecidos nas bases da convocatoria.
  7. O bolseiro deberá desenvolver a actividade obxecto de colaboración cuns niveis de rendemento satisfactorios, presentando os traballos e informes que determine a Presidencia do organismo.
  8. O bolseiro presentará no O.R.A.L. como máximo trinta días antes da finalización da bolsa de colaboración, unha memoria explicativa das labores realizadas neste organismo, quedando supeditado ó abono da última mensualidade a presentación da mesma.
  9. Ademais das obrigas mencionadas nos apartados anteriores, estarán suxeitos ós deberes que, con carácter xeral, se establecen no artigo 14 da Lei Xeral de Subvencións. Así mesmo, os bolseiros estarán obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Administración.
  10. No caso de renuncia dalgún bolseiro, sempre por causa xustificada, esta deberá ser comunicada por escrito con antelación como mínimo de 15 días.

NOVENA.—INTERPRETACIÓN DAS BASES
Tódalas dúbidas que puideran xurdir sobre a interpretación das bases serán resoltas pola Comisión de Selección, previos informes do Secretario e Interventor deste organismo.

DÉCIMA.—RÉXIME XURÍDICO
A convocatoria das bolsas e a selección dos bolseiros, así como a realización dos traballos que dan dereito ás mesmas, suxeitaranse ó previsto nas presentes bases e no disposto na Lei 28/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común; na Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992; e demais lexislación aplicable.

Pontevedra, 24 de febreiro de 2011
O PRESIDENTE
ilexible
O SECRETARIO
ilexible

Boletín Oficial da Provincia, data 10/03/11, número 48, páxina 7, anuncio 2011002286.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 09/06/2011 10:56
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/