HISTORIA
A ausencia de documentación en canto á existencia do castelo e dos seus elementos arquitectónicos impide sabermos a súa datación cronolóxica. A fortaleza foise construíndo ó longo do tempo, a medida que xurdían as necesidades e este tipo de edificacións se tiña que perfeccionar.
A primeira etapa do castelo arranca da Idade Media e, aínda que nada se sabe a ciencia certa, todo semella indicar que foi nos últimos cen anos desta época. A súa daquela pertenza á casa de Soutomaior fixo que desempeñara un papel importante en acontecementos transcendentais na historia de Galicia. Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido polo alcume de Pedro Madruga, foi o personaxe máis salientable desta familia, que con el acadou a maior cota de poder e, en consecuencia, a renovación do castelo. Do protagonismo mantido durante as fazañas bélicas o castelo pasa á súa segunda etapa, na que cobra un carácter máis residencial e de administración do señorío. Durante a Idade Moderna seguirá sendo propiedade da familia que lle deu orixe pero pouco a pouco vai entrar en declive debido ás súas disputas internas. A finais do século XVIII Benito Fernando Correa, tras longos preitos, queda definitivamente co castelo, no que efectúa algúns cambios, coma a substitución do escudo de armas da porta principal polo seu propio. Na terceira etapa o castelo de Soutomaior convértese en estancia de verán dos marqueses de la Vega de Armijo, que, tras as obras de restauración levadas a cabo, converten a fría fortaleza nunha acolledora casa residencial. Desta época son a capela e a actuación sobre o parque coa plantación de diversas árbores que aínda hoxe se conservan. Os herdeiros dos marqueses manteñen o interese pola fortaleza, chegando a construír un sanatorio nas inmediacións, pero a principios do século XX perden o castelo por motivos políticos. Este sae á poxa en 1917, o que leva consigo a decadencia e abandono do castelo ata que finalmente en 1982 o adquire a Deputación de Pontevedra, tras varias vendas anteriores e o deterioro das súas instalacións. Hoxe é afortunadamente patrimonio público.
Fotografía: Anxo Rial / ArteXphoto
|