EDIFICIO
O castelo de Soutomaior está lonxe de ser un clásico castelo medieval construído nun cerro rochoso, aínda que por algún dos seus lados poidamos atopar terreos con penedos. Unha das características máis salientables desta edificación fortificada é a variedade de técnicas constructivas empregadas. Os restos máis antigos están no paramento central do lado este da torre da Homenaxe, torre defensiva que ten a súa orixe nos séculos XII e XIII, e dous dos recintos amurallados, un do século XV e o outro do XIV, que dan lugar á fortaleza.
O palacio, cunha planta trapezoidal irregular de dobre coxía, converteuse, tras as reformas de 1798, en palacio neogótico. Na parte exterior do edificio, do mesmo estilo, localízanse a capela, a galería e a escaleira.
Unha vez rematadas as obras efectuadas pola Deputación despois da súa adquisición, na planta baixa da torre localízase o calabozo, que comunica coa planta de arriba por unha escaleira de caracol, onde se atopan o vestíbulo, a capela, unha sala e o salón de actos. A planta superior da torre distribúese entre o salón tapiz, o salón de batallas, a sala e galería de damas. Na parte máis alta do castelo encóntranse varios despachos xunto a unha sala de xuntas.
Para a construcción do castelo empregouse a cantería nas murallas, torres e muros, tella curva na cuberta e madeira maciza de castañeiro na carpintería exterior, o mesmo ca no artesoado dos salóns da planta alta.
Fotografía: Anxo Rial / ArteXphoto
|