[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 6 DE DECEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Ordenanzas
Ordenanzas 2005
Deputación de Pontevedra
Impostos
Taxas
Prezos públicos
Padroado de Turismo
Escola de Canteiros
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Atención ó cidadán

Páxina [1] 2
ORDENANZAS 2005 

Ordenanza regulador da taxa por autorización de obras e outros aproveitamentos situados nas zonas contiguas ás estradas provinciais

ARTIGO 1. FUNDAMENTO E NATUREZA

    No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e os artigos 121 e 122 da Lei reguladora das Facendas locais e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19 desta última, a Deputación establece a taxa por licencia de obras, autorización de obras e demais aproveitamentos nos terreos situados nas zonas contiguas ás estradas provinciais que se rexerán pola presente ordenanza fiscal.

ARTIGO 2. FEITO IMPOÑIBLE

    Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade provincial, técnica e administrativa, tendente a verificar se os actos de edificación e uso do solo se axustan ou cumpren os requisitos previstos nas disposición legais e regulamentarias reguladoras do uso dos terreos situados en zonas contiguas ás vías públicas provinciais.

ARTIGO 3. SUXEITO PASIVO

  1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que sexan propietarios ou posuidores, ou, no seu caso, arrendatarios dos inmobles nos que se realicen as construccións ou instalacións ou se executen as obras.
  2. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas ou entidades ás que se lles outorguen autorizacións no seu favor, ou as que se beneficien do aproveitamento, se se procedeu sen a oportuna autorización, unha vez que se leve a cabo a actividade técnica e administrativa citada no artigo anterior.
  3. Terán, en todo caso, a condición de substitutos do contribuínte os constructores e contratistas das obras.

ARTIGO 4. RESPONSABLES

  1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.
  2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores das quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance sinalado no artigo 40 da Lei xeral tributaria.

ARTIGO 5. BASE IMPOÑIBLE

  1. Os metros lineais ou a fracción de fronte ás vías públicas provinciais de todos aqueles aproveitamentos para os que se solicite licencia ou autorización que pola súa natureza sexan susceptibles de seren medidas en termos ou unidades de lonxitude e non se trate dos aproveitamentos ós que se fai referencia nos outros apartados deste artigo.
  2. Os metros cadrados ou fracción da superficie que se vai construír, reparar, etc., no caso de construccións ou edificacións.
  3. Os metros cúbicos ou fracción das explotacións, cando se trate de canteiras ou aproveitamentos similares.
  4. Cada unidade, nos aproveitamentos que teñen por obxecto a instalación de transformadores, corta de árbores ou a ocupación do dominio público provincial con mesas e cadeiras e calquera outro aproveitamento cunha natureza similar.

ARTIGO 6. TIPO DE GRAVAME E COTA TRIBUTARIA

    A cota tributaria resultará de aplicarlle á base impoñible os importes expresados no ANEXO I.

ARTIGO 7. EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS

    Non se concederán exencións nin bonificacións na exacción desta taxa.

ARTIGO 8. DEVENGO

  1. Devéngase a taxa e nace a obrigación de contribuír cando se inicie a actividade provincial, que constitúe o seu feito impoñible. Entenderase iniciada esta actividade na data de presentación da oportuna solicitude de autorización de obra ou aproveitamento, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta última.
  2. Cando as obras ou os aproveitamentos se iniciasen ou executasen sen obter a autorización necesaria, a taxa devengarase unha vez iniciada efectivamente a actividade provincial conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non autorizable, con independencia da iniciación do expediente por infracción tributaria.
  3. A obriga de contribuír, unha vez nacida, de ningún modo se verá afectada pola denegación solicitada ou pola concesión desta, condicionada á modificación do proxecto presentado, nin pola renuncia ou desistencia do solicitante unha vez concedida a licencia.

ARTIGO 9. DECLARACIÓN

  1. As persoas interesadas en obteren a autorización para realizar as obras, a utilización privativa ou o aproveitamento especial nos terreos situados nas zonas contiguas ás estradas provinciais presentarán, previamente, no Rexistro Xeral a oportuna solicitude, achegando o proxecto visado polo colexio oficial respectivo, especificando detalladamente a natureza da obra e o lugar de emprazamento, na que se faga constar a superficie en metros cadrados de cada planta do edificio.
  2. Cando se trate de autorización para aqueles actos nos que non se esixa a formulación do proxecto subscrito polo técnico competente, á solicitude achegaráselle un orzamento das obras que se vaian realizar, coa descrición detallada da superficie de cada planta e, en xeral, das características da obra ou do acto cuns datos que permitan comprobar a superficie daqueles.
  3. Se despois de formulada a solicitude de licencia se modificase ou ampliase o proxecto deberá poñerse en coñecemento da administración provincial achegando o novo orzamento ou o reformado e, de darse o caso, os planos e as memorias da modificación ou da ampliación.
  4. As persoas interesadas na concesión de autorización para a utilización privativa ou o aproveitamento especial dos terreos situados nas zonas contiguas ás estradas provinciais deberán presentar a oportuna solicitude, achegándolle a memoria explicativa da utilización ou do aproveitamento, o plano indicativo da situación do aproveitamento que se vaia realizar e cantos outros datos sexan necesarios para examinar a procedencia da autorización e a liquidación da taxa.

ARTIGO 10. LIQUIDACIÓN E INGRESO

  1. Os interesados na autorización para realizar calquera dos aproveitamentos aquí regulados deberán presentar a correspondente solicitude no Rexistro, que lla remitirá á sección de Rendas para que liquiden o importe da taxa e, unha vez ingresada na sección de Ingresos, porase na instancia "pagado", dando paso á sección de Vías e Obras para que a estudien. En ningún caso se deberá autorizar un aproveitamento sen a constitución do depósito previo, sendo, no seu caso, responsables os funcionarios que tramiten a solicitude sen o pagamento previo do depósito.
  2. A Administración provincial poderá comprobar a superficie real de cada planta dos edificios e de dominio público provincial situado nas zonas contiguas ás estradas provinciais susceptible de ser autorizada a súa utilización privativa ou aproveitamento especial, e a superficie dos carteis declarada polo solicitante, e, á vista do resultado de tal comprobación, practicará a liquidación definitiva que proceda, con deducción do, no seu caso, ingresado en provisional.

ARTIGO 11. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

    En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que a estas lles correspondan en cada caso, estarase ó disposto no artigo 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

    PRIMEIRA. As autorizacións das obras concedidas caducarán no prazo de seis meses se non se inician as obras.

    SEGUNDA. A exacción desta taxa será compatible coa de expedición de documentos, e o Prezo público por utilización privativa ou aproveitamento especial dos bens de dominio público provincial.

    TERCEIRA. Ó analizar a concesión ou non da autorización para realizar as obras ou a concesión de aproveitamentos especiais nos terreos situados nas zonas contiguas ás estradas provinciais terase en conta se as obras ou os aproveitamentos especiais se axustan ó marco da lexislación específica en materia de estradas, a ordenanza reguladora do uso dos terreos situados nas zonas contiguas ás estradas provinciais, así como o ordenamento xurídico en xeral.

DISPOSICIÓN FINAL

    O acordo inicial de aprobación destas modificacións adquiriu carácter definitivo o día 12 de decembro de 2003.

    Estas modificacións entrarán en vigor e aplicaranse a partir do día 1 de xaneiro de 2004.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 16/03/2004 11:41
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/