[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MARTES, 15 DE OUTUBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Deportes
Páxina Principal
Servizos
Deportes
Subvencións
Convenios
Festa do Deporte Provincial
Festa da Bicicleta
Escolas deportivas
2009/2010
2010/2011
Trofeos Deputación de Pontevedra

DEPORTES 

Deputación de Pontevedra

BASES DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES E CLUBS DEPORTIVOS PARA APOIAR O DEPORTE DE COMPETICIÓN FEDERADO PARA O ANO 2012

Bases | Solicitude | Certificado da federación

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 22 de xuño de 2012, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Dentro do labor de fomento e apoio ás iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que ten atribuída esta Deputación, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas e coñecedora das carencias que teñen aqueles que desexan realizar a súa práctica, establece axudas para paliar ese déficit que se rexerán polas seguintes:

BASES

1. FINALIDADE E OBXECTO

  • 1.1 Esta convocatoria, destinada a clubs deportivos federados, márcase como obxectivo específico apoiar as entidades deportivas nas actividades derivadas da participación en ligas ou competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial, autonómico ou nacional, convocados por organismos oficiais ou federacións deportivas galegas, nas modalidades deportivas de implantación na provincia de Pontevedra, conforme o disposto na Lei 7/1985, de bases de réxime local e demais normativa de aplicación.
  • 1.2 A concesión das axudas estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012, convocándose con cargo ao orzamento da Deputación para o 2012 a subvención que a continuación se detalla:
    Materia Programa Aplicación orzamentaria
    DEPORTES F/12 Deporte Federado 12/340.341.489.23

2. BENEFICIARIOS
Poderán optar a estas axudas as entidades e clubs deportivos que cumpran os seguintes requisitos:

  • 2.1.- Carecer de fins de lucro (acreditándose declaración responsable do solicitante).
  • 2.2.- Estar ó corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria e coa Seguridade Social.
  • 2.3.- A modalidade practicada polos clubs federados ten que ter implantación na provincia de Pontevedra.
  • 2.4.- Estaren inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte.
  • 2.5.- Non estar incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.

Non poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades ou clubs deportivos que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no ano 2011 polo mesmo programa.

3. SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
Cada club só poderá formular unha única solicitude dunha modalidade deportiva concreta nos modelos normalizados, que facilitarán no rexistro xeral, na sección de Deportes ou na páxina web da Deputación: www.depontevedra.es.

Achegarase ademais a seguinte documentación:

  • 3.1.- Fotocopia compulsada da tarxeta do CIF
  • 3.2.- Fotocopia compulsada da tarxeta do NIF do representante
  • 3.3.- Certificación orixinal dos datos bancarios da entidade
  • 3.4.- Orzamento asinado estimativo de gastos, referido á modalidade deportiva correspondente a tempada 2012 ou 2011/2012, segundo a modalidade deportiva.
  • 3.5.- Declaración orixinal do representante na que conste se solicitaron outras axudas, de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para percibir subvencións da Administración pública e de aceptar as bases da convocatoria, segundo modelo aprobado, así como a autorización á Deputación para optar ás certificacións da Axencia Estatal Tributaria e da Seguridade Social.
  • 3.6.- Declaración responsable de estar ó corrente coas Obrigas Tributarias da Axencia Estatal Tributaria e coa Seguridade Social.
  • 3.7.- Certificado de estar inscritos no rexistro de asociacións deportivas da Dirección Xeral para o Deporte.
  • 3.8.- Certificación, segundo modelo aprobado pola Deputación, da federación galega ou nacional correspondente, na que se especifique:
    • 3.8.1.- Participación do equipo en competición na tempada 2011-2012.
    • 3.8.2.- Número de equipos participantes, por categoría do equipo, nivel da competición e sexo.
    • 3.8.3.- Número de licenzas por categoría e sexo que participa en competición na tempada 2011/2012.
    • 3.8.4.- A participación do equipo senior en competición de ámbito nacional na tempada 2011/2012, con denominación da competición e grao de nivel nacional.

Excepcionalmente, aquelas entidades ou clubs deportivos cuxa modalidade deportiva se desenvolva durante o ano natural, deberá presentar o certificado da federación correspondente o ano 2012.

A documentación que se entregue en fotocopia deberá estar debidamente compulsada.

As entidades poderán autorizar á Deputación de Pontevedra para solicitar da Axencia Estatal Tributaria a certificación de estar ó corrente coas Obrigas Tributarias e coa Seguridade Social.

Se a solicitude non reunise os datos exisidos ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, requeriráselle ao interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámite.

4. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

  • 4.1. LUGAR:

    As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral da Deputación:

    • Sede Pontevedra: Avda. Montero Ríos, s/n (horario de luns a sábado)
    • Sede Vigo: Rúa Oporto, 3 (horario de luns a venres)

    ou tal e como se establece no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de presentar a solicitude nunha oficina de correos, farase en sobre aberto para que as solicitudes sexan datadas e seladas polo funcionario correspondente.

  • 4.2. PRAZO: O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

5. VALORACIÓN DAS SOLICITUDES
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva.

A selección das peticións e a contía das subvencións determinarase unha vez consideradas as actividades que se van realizar, ponderando as seguintes circunstancias:

  1. Nivel de competición da agrupación ou club: ata 15 puntos
  2. Número de licenzas federativas: ata 15 puntos
  3. Número de equipos participantes por categorías na actual temporada: ata 15 puntos
  4. Equipo sénior en categoría nacional: 5 puntos
  5. Adecuación das actividades que se van realizar ó interese provincial: ata 30 puntos

As propostas da concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano de goberno competente.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte do remate do prazo de presentación da solicitude, sen que os interesados obteñan unha resposta expresa, entenderase desestimada a petición.

6. RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA
A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao Xefe do Servizo de Deportes, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no art. 24 da Lei Xeral de Subvencións.

As solicitudes de subvención para cada un dos programas serán avaliadas conforme ós criterios sinalados anteriormente, pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente: A Deputada-Presidenta da Comisión de Deportes e Xuventude
  • Vogais:
    • Dous/dúas técnicos do servizo de Deportes.
    • Un/unha Técnico do servizo de Intervención.
  • Secretario: Actuará como secretario, sen voto, un/unha funcionario/a do servizo de Deportes.

A Comisión de Valoración poderá:

  1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver.
  2. Emitir informe respecto das solicitudes de subvención.

A resolución da concesión deberáselles notificar expresamente a todos os solicitantes de forma fidedigna.

7. XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO
Unha vez notificadas as axudas concedidas, os clubs beneficiarios deberán xustificalas no prazo de trinta días e en todo caso antes do 31 de marzo de 2013.

Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo provincial de Intervención.

O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade.

O beneficiario da subvención, de acordo co establecido na base 25.8ª-2ºf) de execución de orzamento 2012, para efectos de xustificación deberá remitir un certificado acreditativo de toma de razón na contabilidade da entidade ou club. Conxuntamente deberá presentar declaración de se recibiron ou non outras axudas ou subvencións coa mesma finalidade e acreditamento da debida divulgación do financiamento por parte da Deputación da actividade subvencionada, sendo suficiente a declaración responsable por parte do representante de a ter feito.

Ademais, ós clubes que se lle outorguen subvencións por importe de 6.000 € ou superiores, quedan na obriga de insertar o anagrama de Deputación na súa vestimenta cunhas medidas aproximadas de 20 cms, así como nos paneis publicitarios ou pancartas das súas instalacións deportivas; acreditando mediante fotografías nítidas ou recortes de prensa da presentación do equipo tal circunstancia.

Os logotipos oficiais a insertar están dispoñibles na páxina web www.depo.es (área de descargas - imaxe corporativa).

8. INCUMPRIMENTO
Vencido o prazo de xustificación sinalado na base 7ª sen que a entidade beneficiaria presentara a documentación xustificativa, o servizo de Deportes requirirá para que a presente no prazo improrrobable de quince días. A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e demais responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

9. ÓRGANO COMPETENTE E XURISDICCIÓN
De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para 2012 e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ao previsto no art. 58 da Lei 30/92, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. O vencemento do prazo máximo (6 meses) sen terse notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de subvención.

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, no prazo dun mes, recurso de reposición perante o órgano que a ditou. Poderá entenderse desestimado dito recurso, se transcorrido un mes dende a súa interposición aquel non se tivese contestado. Neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do Contencioso Administrativo cono se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da Xurisdición Contencioso-administrativa no prazo de dous meses. Así mesmo, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente dito recurso contencioso-administrativo no prazo indicado.

En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entende desestimado.

10. DEREITO SUPLETORIO
Para o non previsto nesta convocatoria serán de aplicación as normas incluídas nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2012 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

Pontevedra, a 25/06/2012
O XEFE DO SERVIZO DE DEPORTES
Antonio Santos Guerra

Boletín Oficial da Provincia, data 02/07/12, número , páxina 36, anuncio 2012006425.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 02/07/2012 10:21
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/