[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 19 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura
Páxina Principal
Servizos
Cultura
Subvencións
Asociacións culturais
sen ánimo de lucro
Conservatorios e escolas
de música
Plan Cultural
Colaboracións
Premios
Programas educativos-culturais para escolares
Exposicións e certames
Ligazóns

CULTURA 

Deputación

BASES DE SUBVENCIÓNS DE APOIO Á CULTURA, DIRIXIDAS A ENTIDADES PARA ACTIVIDADES E INVESTIMENTOS. ANO-2012

Bases | Solicitude

A Xunta de Goberno desta Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 22 de xuño de 2012, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

BASES DE SUBVENCIÓNS DE APOIO Á CULTURA, DIRIXIDAS A ENTIDADES PARA ACTIVIDADES E INVESTIMENTOS. ANO-2012

A Deputación establece as bases reguladoras de concesión de axudas e subvencións públicas destinadas a promover e fomentar actividades culturais, segundo os principios de obxectividade, concorrencia competitiva, publicidade e transparencia.

1. Obxecto
A Deputación de Pontevedra concederá axudas económicas para promover, fomentar e difundir aquelas actividades culturais que organicen as persoas físicas e xurídicas sen fin de lucro no seu ámbito territorial e, excepcionalmente, fóra deste, cando teñan relevancia para os intereses provinciais, durante o exercizo actual, así como as destinadas a recuperar e conservar o patrimonio provincial, sendo prioritarias nesta convocatoria as accións tendentes a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais para que así acaden os obxectivos que lle son propios, contribuíndo deste xeito á modernización e recuperación da nosa cultura, así como as tendentes a xerar beneficios no seu contorno.

A concesión das axudas estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria para o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2012, convocándose con cargo ao presuposto da Deputación para o ano 2012 as subvencións que a continuación se detallan:

Materia Programa Aplicación orzamentaria
CULTURA A/12 Actividades culturais 12/330.334.489.05
B/12 a.- Instrumentos
b.- Vestiario
12/330.334.789.00
C/12Infraestrutura 12/330.334.789.04

O programa A/12 “actividades culturais” diríxese ó financiamento de concursos literarios, periodísticos, festivais folclóricos, intercambios culturais, certames, exposicións, etc.

O programa B/12 “instrumentos ou vestiario” diríxese a financiar ós grupos e ás asociacións musicais da nosa provincia para a adquisición de instrumental ou vestiario propio destes, debendo indicar na solicitude unicamente un dos conceptos, ou ben instrumentos ou ben vestiario.

O programa C/12 “infraestrutura” diríxese ó financiamento para a construción ou a rehabilitación de centros culturais, restauración de monumentos, etc.

Quedan excluídos da presente convocatoria e por tanto non serán obxecto de subvención as seguintes actividades e investimentos:

  • As actividades ou investimentos subvencionados, no mesmo exercizo, a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación.
  • Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes e as actividades xerais que se realizan ó longo de todo o ano.
  • As viaxes de ocio, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares.
  • A edición de libros, revistas, os obradoiros e os cursos.
  • Os gastos gastronómicos, excepto naqueles casos que garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para a mesma.

2. Beneficiarios
Poderán solicitar estas axudas as persoas físicas e xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Carecer de fins de lucro (acreditándose en declaración responsable do representante).
  2. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra deste cando versen sobre temas de interese para a provincia.
  3. Non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas.
  4. Estar ó corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Non poderán ser beneficiarios destas axudas as ANPAS, nin aquelas Asociacións que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no exercizo anterior no mesmo programa.

3. Solicitudes e documentación
As entidades poderán presentar unha única solicitude por cada programa. Por cada solicitude que realicen deben presentar os expedientes completos.

As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no Rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Cultura ou na páxina web da Deputación: www.depo.es, achegando ademais a seguinte documentación:

  • Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.
  • Fotocopia cotexada do DNI do representante legal.
  • Memoria explicativa dunha actividade concreta ou do investimento a realizar, asinada polo representante. No caso das actividades culturais xerais deben indicar unha única actividade, en ningún caso se subvencionan as actividades que se realizan ó longo de todo o ano, debe ser unha actividade concreta a realizar nun lugar e nunha data concreta.
  • Orzamento detallado dunha actividade concreta e determinada ou, no seu caso, do investimento a realizar, asinado polo representante. A entidade haberá de solicitar, polo menos, tres ofertas de distintos provedores no caso de que o gasto sexa superior a 30.000,00 €, para realizar obras, ou superior a 12.000,00 € para adquirir equipamento.
  • No caso de realización de obras ou investimentos, acreditación da titularidade ou, no seu caso, a cesión de uso do ben para o que se solicita a subvención.
  • Declaración na que conste se se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade ou o investimento para subvencionar.
  • Declaración de que a entidade non está incursa en causas de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas e de aceptar as bases da convocatoria.
  • Certificación ou declaración responsable de estar ó corrente das obrigas coa Axencia Estatal Tributaria e coa Seguridade Social.
  • Declaración do número de socios da entidade.
  • Certificación orixinal dos datos bancarios, ou ben copia cotexada, co nome da entidade peticionaria .

As entidades poderán autorizar á Deputación de Pontevedra para solicitar as certificacións de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social.

Se a solicitude non reunise os datos esixidos ou calquera dos previstos no art.70 da Lei 30/92, de 26 de novembro, requirirase ó interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicando que, en caso de non facelo, se terá por desistido, arquivándose sen máis trámites.

4. Lugar e prazo de presentación
As solicitudes presentaranse no Rexistro xeral da Deputación:

  • Sede de Pontevedra: Avda. Montero Ríos, s/n (de luns a sábado)
  • Sede de Vigo: Rúa Oporto, 3 (de luns a venres)
    ou tal e como establece o art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

5. Valoración e concesión
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a adxudicación das axudas os seguintes criterios:

  1. Difusión da actividade: de ámbito local, provincial, nacional, internacional, ata 15 puntos.
  2. Número de persoas que participan e se benefician da actividade, ata 15 puntos.
  3. Número de socios da asociación, ata 10 puntos.
  4. Orzamento total da actividade ou investimento e porcentaxe solicitada de financiamento, ata 30 puntos.
  5. Adecuación das actividades ou investimentos ó interese provincial, ata 30 puntos.

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo da actividade ou investimento que desenvolva o beneficiario.

6. Procedemento de concesión
A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó xefe do Servizo de Cultura, quen realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de conformidade co previsto no art. 24 da Lei xeral de subvencións.

As solicitudes de subvención para cada un dos programas serán avaliadas conforme ós criterios sinalados anteriormente, pola Comisión de Valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente: a deputada-presidenta da Comisión de Cultura
  • Vogais:
    • dous/dúas técnicos/as do Servizo de Cultura
    • un/unha técnico/a do Servizo de Intervención
  • Secretario: actuará como secretario, sen voto, un/unha funcionario/a do Servizo de Cultura

A Comisión de Valoración poderá:

  1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver
  2. Emitir informe respecto das solicitudes de subvención

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, ó longo do exercizo orzamentario poderanse resolver aquelas solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non puideran presentarse no prazo sinalado, reservándose para estes efectos a Presidencia ata un 20% do crédito total destes programas para a súa concesión directa, tal como se establece na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial.

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ó previsto no art. 58 da Lei 30/1992, de 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte no que remate o prazo de presentación da solicitude, sen notificarse a resolución, lexitima ós interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

7. Modificación da resolución
Tal como establece o art. 64 do Regulamento da Lei xeral de subvencións (Rd 887/2006, de 21 de xullo), unha vez notificada a resolución de concesión, despois de solicitude razoada, o beneficiario da subvención poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se manteña a finalidade da subvención, que poderá autorizarse sempre que non se danen dereitos de terceiros.

Esta solicitude de modificación deberá presentarse no prazo dun mes dende a notificación da concesión e será obxecto de resolución da Presidencia, logo da proposta previa da comisión avaliadora que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

  • Se o orzamento da nova actividade ou investimento é superior ou igual ó orzamento subvencionado inicial, manteranse ditas condicións da subvención concedida: importe da subvención e orzamento subvencionado.
  • Se o orzamento da nova actividade ou investimento é inferior ó orzamento subvencionado inicial, a comisión avaliadora, logo do informe previo do Servizo de Cultura, deberá determinar o novo importe da subvención e o novo orzamento subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos.

8. Xustificación
Unha vez notificada a aprobación das axudas concedidas e realizada a actividade ou o investimento os beneficiarios deberán xustificalas antes do 31 de marzo de 2013.

Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos establecidos no presuposto inicial e, con carácter xeral, non se admitirán como válidos os xustificantes referidos a alimentos e bebidas.

Para cobrar a subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

  1. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando cada factura o número de unidades, os prezos unitarios destas e máis o custo total de cada unidade.
  2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou gasto total da finalidade subvencionada, detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran en dita conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontran no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación para o seu exame, tal como se establece na base 25.8ª. 2.c das de execución do vixente orzamento provincial.
  3. Os gastos xustificados deberán axustarse no posible ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
  4. No caso de subvencións de execución de obras ou instalacións que superen os 12.000,00 € poderase esixir un informe previo do técnico provincial.
  5. Declaración de non ter recibido outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada.
  6. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación, a través do Servizo provincial de Intervención.
  7. Memoria xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na solicitude de subvención, con indicación das actividades ou investimentos realizados e dos resultados obtidos debidamente asinada.
  8. Acreditar a debida divulgación do financiamento por parte da Deputación da actividade ou investimento subvencionado, sendo suficiente a declaración responsable do representante de a ter feito.

9. Pagamento
Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

    c No caso de que se xustifique gasto polo 100% do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.
  • No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100%, aboarase a parte proporcional da subvención, que non será de aplicación cando esta sexa de importe inferior a 600 €.

O pagamento efectuarase por transferencia á conta bancaria indicada polo perceptor.

10. Incumprimento
Vencido o prazo de xustificación sinalado na base 8ª ou, no seu caso, o establecido na prórroga, sen que a entidade beneficiaria presentara a documentación xustificativa, o Servizo de Cultura requiriraa para que a presente no prazo improrrogable de quince días.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e demáis responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

11. Devolución e reintegro
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Por obtelas falseando as condicións requiridas.
  2. Por non aplicala ós fins para os que foi concedida.
  3. Por incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases.

12. Órgano de aprobación
De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para o ano 2012 e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

13. Xurisdición aplicable
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do Contencioso Administrativo como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses. Asemade, contra a presente resolución tamén poderá interpoñerse directamente dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entende desestimado.

14. Dereito supletorio
Para o non disposto nas presentes bases contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercizo 2012 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e demais lexislación de desenvolvemento.



Boletín Oficial da Provincia, data 02/07/12, número 126, páxina 31, anuncio 2012006426.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 04/07/2012 14:03
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/