[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 18 DE OUTUBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Centro Provincial de Asesoramento Municipal
Páxina Principal
Servizos
Centro Provincial de Asesoramento Municipal
Regulamento
Cursos de formación
Concellos da provincia de Pontevedra

Páxina 1 2 3 [4] 5 6 7 8 9 10 11
CENTRO PROVINCIAL DE ASESORAMENTO MUNICIPAL 

Regulamento (cont.)

Órganos de goberno

Artigo 6.- O CPAM rexerase por un Consello de Administración composto por:

  • O presidente, que será o da Deputación Provincial
  • O vicepresidente 1º.
  • Ata un máximo de nove vogais, deputados provinciais, un dos cales ocupará a vicepresidencia.

    Estarán adscritos ó Consello de Administración, con voz pero sen voto:

  • Tres alcaldes de concellos da provincia
  • O secretario da Deputación Provincial
  • O interventor da Deputación Provincial
  • O director-xerente do centro.

    O secretario actuará, igualmente, como secretario do Consello de Administración.

Artigo 7.- Os deputados membros do Consello de Administración nomearaos o Pleno da Corporación, a proposta dos grupos políticos que a formen e a razón dun por cada tres deputados dos que pertenzan a este.

O presidente designará de entre eles o que ha de ocupar a vicepresidencia.

Os alcaldes elixiranse eles mesmos, un de entre os titulares dos concellos con menos de 5.000 habitantes, outro entre os de 5.000 a 10.000 habitantes e outro de entre os de máis de 10.000 habitantes.

Os mandatos renovaranse ó cambiar as corporacións locais, con ocasión das eleccións municipais e provinciais.

Artigo 8.- Os membros do Consello de Administración poderán percibir asistencias ás sesións do Consello, cun máximo de once (11) ó ano, da contía que para cada exercicio fixe a Corporación provincial, así como os gastos de desprazamento, os que teñan a súa residencia fóra do termo municipal de Pontevedra e se vexan obrigados a faceren a viaxe ex profeso para acudiren á sesión.

As compensacións por asistencia serán compatibles con calquera outra indemnización que os interesados perciban do orzamento provincial. Artigo 9.-

  1. O Consello de Administración reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez por trimestre, podendo facelo con carácter extraordinario cando o decida o presidente ou o solicite a maioría dos seus vogais.
  2. As convocatorias efectuaranse con 72 horas de antelación, debendo achegarlles a estas a correspondente orde do día, poñendo a disposición dos membros do Consello a documentación dos asuntos que se van tratar. En casos de urxencia poderá convocarse o Consello de Administración por calquera dos medios que o presidente estime máis oportuno, pero sempre cun prazo mínimo de 24 horas.
  3. Para a existencia de quorum nos acordos adoptados polo Consello de Administración, esixirase en primeira convocatoria a asistencia da metade máis un dos seus vogais. En segunda convocatoria bastará a asistencia dun tercio destes. A reunión do Consello en segunda convocatoria poderá ter lugar unha hora despois da hora fixada para a primeira.

    En todos os casos será necesario, para que teña lugar, a asistencia do presidente ou do vicepresidente do Consello e do seu secretario ou de quen legalmente o substitúa.

  4. As decisións adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, decidindo en caso de empate o voto do presidente. Queda expresamente prohibida a delegación de voto.

    Os acordos deberán recaer sobre os puntos comprendidos na orde do día, salvo que, previa declaración de urxencia e co voto favorable da maioría dos membros, se inclúan outros puntos.

Artigo 10.- O Consello de Administración ten as seguintes atribucións:

  1. Administrar e gobernar o centro.
  2. Aprobar o proxecto do orzamento anual de ingresos e gastos polo que se rexerá o centro, someténdoo á aprobación do Pleno da Deputación.
  3. Aprobar inicialmente as contas anuais do centro e a súa remisión á Deputación para a súa aprobación definitiva.
  4. Proposta de aprobación do cadro de persoal adscrito ó centro, relación e descrición dos postos de traballo, contía das retribucións complementarias, sometendo todo isto ó Pleno da Corporación.
  5. Aprobar as bases de contratos con profesionais e adscrición de colaboradores.
  6. Aprobar o plan anual de actividades do centro.
  7. Dictar as normas de réxime interior do centro, así como as que sexan precisas para executar as disposicións do presente regulamento.
  8. Propoñerlle á Deputación as ordenanzas por prestación de servizos.
  9. Delegar facultades concretas e determinadas nunha comisión executiva nomeada polo propio Consello do seu seo.
  10. E, en xeral, exercer as máis amplas facultades de xestión do centro, sen máis limitacións que as que se deriven da súa dependencia da Deputación Provincial.

Artigo 11.- O presidente do Consello terá as seguintes facultades:

  1. Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións, dirixir as deliberacións e dirimir os empates co seu voto de calidade.
  2. Autorizar co seu visto e prace os documentos do centro que así o requiran.
  3. Inspeccionar a marcha dos servizos, coidando de que se cumpran os acordos e directrices do Consello.
  4. Desempeñar a representación permanente do Centro e do Consello de Administración.
  5. Ordenar os gastos con cargo ás consignacións orzamentarias, subscribindo, no seu caso, os contratos pertinentes.
  6. Poderá delegar no vicepresidente facultades concretas e determinadas, entre elas, a presidencia das sesións do Consello durante a súa ausencia.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 3 [4] 5 6 7 8 9 10 11

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 26/10/2004 06:46
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/