[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
MÉRCORES, 24 DE XANEIRO DE 2018 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

O Arquivo audiovisual da Deputación de Pontevedra

Artigo de José María Cumbraos Álvarez, publicado na revista "A cuarta parede", primeira revista dixital en galeo especializada en crítica cinematográfica



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

13 DECEMBRO 2017


Coñecín aos responsábeis da revista A Cuarta Parede hai tres meses, no seminario sobre crítica audiovisual celebrado na última edición do Play-Doc. Falamos daquela da posibilidade de escribir sobre o traballo que vimos facendo na Sección de Fondos Audiovisuais do Arquivo da Deputación de Pontevedra, polo que este artigo pretende dar conta das nosas actividades e servir de declaración de intencións sobre o que aspiramos a ser. Cómpre, con todo, comezar con algunhas notas sobre a xénese da sección, o seu percorrido e os seus fondos.

A nosa función, como institución relacionada coa conservación do patrimonio cultural, é xestionar con eficacia a documentación relacionada coa memoria, para salvagardala e divulgala ante a cidadanía. Tentamos pór en valor esta documentación como ferramenta indispensábel para expresar a identidade persoal e colectiva fronte á ameaza do esquecemento, con mentes de conservala a través do tempo. Por iso, recollemos materiais en formato audiovisual ligados ao contexto galego, sen entrar en limitacións territoriais e sen preocuparnos polas terminoloxías: a fin de contas, nestes tempos de hibridación a tódolos niveis, entendemos que, sendo unha institución da cultura como as bibliotecas, os museos ou os demais arquivos, debemos pensar unicamente en darlle unha resposta de calidade aos usuarios que se poden interesar, dende calquera sitio e por múltiples vías, polos nosos fondos.

A sección foi creada hai xa máis dunha década, en 2004, co obxectivo de xestionar os fondos audiovisuais xerados pola propia Deputación de Pontevedra no decurso das súas actividades, respondendo inicialmente ás funcións propias de arquivo desta institución. De xeito paralelo, e ao abeiro da Convención da Unesco para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial, contemplouse tamén a posibilidade de abrir unha nova liña de traballo á vista do desenvolvemento imparábel dos soportes audiovisuais. Así, deseñouse unha estrutura en tres partes, identificadas cadansúa con tres tipos de fondos: un fondo sonoro e musical, que na actualidade contén máis de 12.000 rexistros, e está constituído en boa parte por gravacións antigas de alto valor patrimonial (cilindros de cera, rolos de pianola, discos de 78 RPM, etc); un fondo gráfico, con máis de 50.000 referencias, que abrangue a totalidade de soportes dende comezos do século XX até hoxe (fotografías, fotolitos, vidros, postais, diapositivas, carteis, etc); e por último, un fondo de imaxe en movemento, ou fondo fílmico, que é o que nos ocupa neste texto.

Este último fondo reúne na actualidade preto de 4.000 referencias en diferentes formatos e soportes. Boa parte son gravacións xeradas pola propia Deputación, referidas ás súas reunións oficiais ou aos actos, xornadas, conferencias, exposicións e demais eventos que organizou no pasado, así como aos materiais creados dende os seus gabinetes de prensa e comunicación. Son fondos gravados en diferentes formatos dende os anos 80, que agora se atopan dixitalizados e abertos á cidadanía: do mesmo xeito que levamos anos cedendo fotografías e materiais gráficos para exposicións, publicacións dixitais ou traballos editoriais, estamos certos que estas gravacións poden ser tamén interesantes como metraxe para calquera traballo audiovisual.

Alén destes fondos institucionais propios, tamén recollemos e conservamos distintos fondos audiovisuais galegos –ou relacionados con Galicia– en todo tipo de formatos: longametraxes, curtametraxes, documentais, traballos de videocreación ou videoarte, programas e reportaxes televisivos, etc. As tipoloxías nas que conservamos estes fondos, sexan institucionais ou externos, son de novo moi variadas: filmes de 8, 16 e 35 mm, fitas magnéticas, U-matic, VHS, Beta, MiniDV, DVD, Blu-ray, arquivos dixitais… Neste sentido, mantemos dende hai dous anos unha política estable de ingreso de fondos, ofrecendo aos creadores a posibilidade de arquivar os seus traballos para que estean dispoñíbeis para a consulta de investigadores e cidadáns, respectando sempre os seus dereitos de propiedade intelectual. Así, no último ano e medio ampliamos de xeito sobranceiro o noso número de rexistros a través da colaboración dun bo número de creadores que nos cederon as súas obras. (1) Cómpre salientar que os materiais que máis nos interesan son aqueles que están máis afastados dos circuítos comerciais, como os documentais, as curtametraxes, o cinema experimental, o cinema de animación, as webseries e os formatos nativos na rede, así como o cinema afeccionado ou as vangardas creadoras dos anos 70.

Toda esta actividade, porén, non tería sentido sen a nosa vontade de traballar pola difusión destes materiais. Ante este reto, a incerteza dos ambientes sociais, económicos e políticos non debería resultar un problema; ao contrario, debería reforzar o rol moderno do arquivo como xestor cultural: o arquivo que queremos e no que cremos debe ser dinámico, creativo e aberto ao encontro co usuario, sobre todo cuns usuarios que se expresan en linguaxes moi afastadas das propias dos arquivos tradicionais, e para os que o noso arquivo pode supor unha referencia atractiva. Por iso, estamos a pensar no desenvolvemento dalgúns espazos de colaboración cos creadores, arredor de actividades como a presentación de novos traballos, un programa editorial de compilación de curtametraxes ou documentais, ou unha programación anual estábel que abranga diferentes temáticas e formatos.

Outra idea na que estamos traballando é a xeración de sinerxías con institucións audiovisuais xa consolidadas, aproveitando a súa forza e visibilidade, coa idea de darlle apoio e, ante todo, difusión ás súas actividades: poden ser festivais e certames audiovisuais (entre os que algúns xa están sendo apoiados pola Deputación), cineclubes e asociacións culturais, escolas universitarias e de formación profesional, etc. Nós, máis do que ser unha alternativa a outros centros culturais, o que queremos é dotarnos dunha personalidade e singularidade propias para ofrecer un servizo público de calidade. Por iso, cando queirades, agardámosvos.

(1) Algúns destes creadores que no último ano e medio cederon traballos ós nosos fondos son, por exemplo, Alexia Muíños, Aitor Rei, Alberto Lobelle, Anxos Fazáns, David Fidalgo, David Varela, Hugo Amoedo, Iván Castiñeiras, Óscar Galansky, Edu Lavandeira, Lois Blanco, Lucía Estévez, Lucía Vilela, Diana Gonçalves, Mariano Casas, Adriana Páramo, Antonio Caeiro, Gutier Rolán, Darío Autrán, etc


http://www.acuartaparede.com/arquivo-audiovisual-deputacion-pontevedra/

BUSCAR NAS NOVAS
XANEIRO 2018
LMMXVSD
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 13/12/2017 08:36
Copyright © 2002-2018, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/