[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 19 DE ABRIL DE 2021
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Un fondo documental con notas musicais

Augusto Bárcena Saracho



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

22 ABRIL 2020


Esta colección documental de orixe privada, familiar, custodiada no noso Arquivo, abrangue desde 1631 ata 2013 e ocupa trinta e unha unidades de instalación con cento sesenta agrupacións documentais.

Trátase dunha colección variada que procede da familia Bárcena, especialmente de Augusto Bárcena Saracho.

Augusto Bárcena Franco, pai do referido Bárcena, foi un dos emprendedores da cidade de Vigo no momento en que esta iniciaba a súa andaina cara a un emerxente e acelerado despegue comercial e industrial, que a converteu na primeira cidade de Galicia. A súa nai, María Saracho Spínola, era de orixe vasca, aínda que naceu en Pontevedra, onde o seu pai exercía de delegado de Facenda.

Por outra banda, a familia Bárcena Franco eran xente acomodada, propietaria de casas de banca, consignataria de buques, impulsora de industrias de ocio coma o teatro Tamberlick ou proxectos coma o tranvía entre Vigo e Baiona. Tamén é de destacar a súa presenza e influencia no mundo da política.

A pesar de crecer neste ambiente de negocios, no mozo Augusto Bárcena imperou a influencia materna, que o alentou no desenvolvemento da sensibilidade artística de compositor e o animou a que se dedicase enteiramente á música, a súa verdadeira vocación.

Realizou os seus primeiros estudos na cidade de Vigo, licenciouse en Dereito en Madrid e estudou comercio en Barcelos. Pero foi na Cidade Condal onde desenvolveu a súa verdadeira carreira creativa en tempos da Belle Époque.

En Barcelona formouse como un compositor profesional e acadou os seus mellores éxitos; dedicouse por completo á música sen as presións de ser o seu medio de vida.

O sentido práctico de compositor e a súa vontade de chegar ao gran público víronse favorecidos pola existencia dun dinámico consumo de música en directo na Barcelona de entre os anos 20 e 30 do século XX.

Algunhas das súas creacións acadaron gran popularidade e a influencia de Galicia estivo omnipresente na súa obra, aínda que non regresou desde que marchara en 1914.

A súa vinculación e as súas orixes coa terra, que, como bo galego, non esqueceu, quedan reflectidas en obras depositadas coma a partitura manuscrita dedicada á súa muller “Brisas de Barallobre. Pasodobre galego”, ”Lembranzas da terra. Pasodobre”, a partitura manuscrita “Pazos galegos. Fantasía”, para piano “En el Ribero. Escena galega”, “Muiñeira”, “De por alá. Díptico galego”, entre outras.

É un fondo cun bo estado de conservación que ingresou no Arquivo mediante cesión de José Bárcena Guzmán, coa pretensión de que se realizase unha exposición e unha publicación sobre a obra do seu pai e de que os fondos documentais e musicais se incorporasen ao Arquivo. A dita cesión foi continuada pola súa viúva, Julia Sáez Angulo, en marzo de 2009.

Os documentos son de diversa índole, relacionados coas súas propiedades, xenealoxía, actuacións familiares ou actividade musical.

A organización pivota arredor de dúas seccións: a primeira, a de fondos xerais, que engloba series coma documentos xenealóxicos e relixiosos, documentos notariais, recibos e documentación da Finca Sobral, correspondencia, fotografías, postais soltas e revistas; a segunda sección, a de fondos persoais, achega series coa documentación do propio Augusto Bárcena Saracho e a dos seus antecesores.

Os fondos musicais (partituras) foron depositados na sección de música notada da Biblioteca da Deputación para o seu tratamento específico. Están integrados polas composicións de Augusto Bárcena e outros autores coma Beethoven, Brahms, Schubert, Liszt, Mozart, Wagner, Chopin, Grieg, Schumann, Haydn, Debussy, Rusa, Albéniz, Granados…, música clásica e música moderna.

Toda unha xoia, realmente interesante, que está á vosa disposición no Arquivo e a través do portal Atopo e a nosa web arquivos.depo.gal



BUSCAR NAS NOVAS
ABRIL 2021
LMMXVSD
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930
 HOXE 
----------------------------
Presentación Editorial
----------------------------

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 26/04/2020 12:35
Copyright © 2002-2021, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/