[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 5 DE XULLO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Aquelas “longas noites de pedra”

Fondo Cárcere Partido de Tui



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

25 MAIO 2020


No segundo terzo do século XIX os cárceres de partidos xudiciais xorden como consecuencia da reorganización do sistema penal, derivada, á súa vez, da nova división provincial posta en marcha en 1833. Así, as catro deputacións galegas impulsarían desde os anos 50 a construción destes cárceres para facer fronte ás necesidades das localidades de menor entidade, xa que, ademais dos depósitos ou cárceres municipais, cada partido xudicial, que agrupaba varios concellos, debía estar dotado na súa cabeceira cun cárcere de tamaño medio no que tamén se puidese acoller, para reducir gastos, o xulgado de primeira instancia correspondente e, ás veces, os concellos.

En Galicia adoptouse un modelo de cárcere sinxelo, de reducidas dimensións e baixo custo, proxectado para todos os partidos xudiciais salvo aqueles de criminalidade máis reducida.

Lugo e Pontevedra foron as provincias que primeiro comezaron a edificación dos seus cárceres de partido ao enviar, entre 1849 e 1850, á Academia de San Fernando os proxectos para os de Viveiro e Tui, que serían da autoría de Faustino Domínguez, e os de Ponte Caldelas e Cambados, debidos a José Moreno y Teixeira.

Trátase dunhas construcións moi austeras nas que as únicas licenzas ornamentais se reducen á presenza dos balcóns, sobre a porta central, ás molduras das xanelas principais ou aos seus gardapós e volantes superiores.

A Lei de réxime xeral de prisións e cárceres e casas de corrección aprobada o 26 de xullo de 1849 indicaría xa no seu artigo 25 os criterios, á marxe do sexo, para separar as persoas presas en distintos departamentos: primeiro, segundo a natureza das súas condenas, illando as persoas sentenciadas por causas políticas; e segundo, pola diferenza de idade dentro das que tivesen a mesma condena, separando os adultos dos menores de 18 anos se eran varóns, e de 15 se eran mulleres. De acordo con isto, tanto nos cárceres de partido coma nos da Audiencia habería departamentos diferentes para homes e mulleres, separando en cada sexo os menores, ademais do illamento das presas e presos políticos do resto. Unha última recomendación, contida no artigo 11, referíase á necesidade de procurar igualmente que, se os edificios o permitían, se separasen as persoas presas con causa pendente daquelas que estivesen cumprindo condena de arresto maior. Eran, sen dúbida, importantes avances con respecto á situación anterior, aínda que en realidade habería que esperar ata o programa para a construción dos cárceres de provincia e para a reforma dos edificios existentes destinados a esta clase de establecementos, aprobado en 1860, para atopar unha normativa global que clasificase e recomendase opcións para configurar os distintos espazos penitenciarios.

O fondo Cárcere Partido de Tui foi recollido por un funcionario municipal, historiador e investigador local, Aquilino Iglesias, hoxe falecido. Foi depositado sen ningún tratamento técnico en dependencias do propio concello e logo trasladado ao arquivo municipal. Posteriormente, o servizo técnico de Patrimonio Documental do Arquivo da Deputación procedeu á organización e descrición deste fondo, independente do pertencente ao propio concello. Cun marco cronolóxico que abrangue de 1881 a 1960, ocupa corenta e unha unidades de instalación e cento corenta e nove expedientes ou agrupacións documentais.

Esta documentación, recibida mediante ingreso extraordinario, semella de interese para o coñecemento da realidade carceraria no partido xudicial de Tui, con información continuada, especialmente sobre as persoas reclusas, desde 1897 ata 1960. Figura en diversas series documentais, tanto de expedientes (follas histórico-penais de persoas penadas, expedientes persoais de reclusas e reclusos, expedientes procesais, pases de persoas penadas, mandamentos de prisión e de liberdade e notificacións de acordos de prisión e liberdade) coma de rexistros (libro de entrada e saída de presas e presos, libro rexistro de persoas presas con condena de arresto maior, libro rexistro de presas e presos preventivos).

Para a clasificación dos documentos elaborouse un cadro de clasificación a partir de dúas grandes seccións: a administración do cárcere e o control das e dos reclusos. Logo, a propia realidade documental plásmase nas diferentes series documentais.

Máis información sobre este fondo na nosa web arquivos.depo.es



BUSCAR NAS NOVAS
XULLO 2020
LMMXVSD
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 31/05/2020 17:51
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/