[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 5 DE XULLO DE 2020
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Patrimonio Documental
Arquivo Deputación Provincial
Patrimonio Documental Provincial
Patrimonio Bibliográfico
Biblioteca
Hemeroteca
Cartoteca
Audiovisuais
Editorial

 

Os custodios da documentación na Administración local

Os arquivos municipais



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Patrimonio Documental e Bibliográfico

01 XUÑO 2020


Os documentos producidos e conservados nos concellos españois constitúen o reflexo da organización e competencias destas institucións locais ao longo dos séculos.

Ata o establecemento do réxime liberal decimonónico e a entrada en vigor do Real decreto do 23 de xullo de 1835 non atopariamos unha lexislación común a todos os municipios de España.

A partir de aí as variacións na súa organización e funcións estarían condicionadas basicamente polo número de habitantes, pola cantidade total do seu orzamento ou polas características xeográficas do seu contorno.

O réxime local nos séculos XIX e XX caracterízase pola súa dependencia do Estado, mesmo das deputacións provinciais, tanto desde o punto de vista político coma económico. Isto deu lugar a unha grande uniformidade organizativa e competencial, deixando unha ineludible pegada na documentación.

Existen varias definicións relativas aos arquivos municipais, pero quizais unha das máis sinxelas e acertada sexa a que nos achega o grupo de traballo das e dos arquiveiros municipais de Madrid, na que se nos traslada a concepción do arquivo municipal como un servizo público de carácter administrativo especializado na xestión e o tratamento da documentación e na custodia e divulgación desta.

Tamén se concibe o arquivo municipal como o conxunto de todos os documentos conservados por un concello, procedan dun ou varios fondos documentais, pois, ás veces, xunto ao fondo documental municipal, poden conservarse outros fondos xerados por confrarías, asociacións, empresas e outros da localidade. Un exemplo deles, nalgúns arquivos municipais da nosa provincia, son os das irmandades sindicais de labregos e gandeiros ou das cámaras agrarias.

En ocasións tamén se constata a existencia de coleccións documentais, ás que se refire Antonia Heredia como “agrupacións artificiais de documentos”; outros, non obstante, denomínanas “fondos especiais ou seccións facticias”.

Así pois, unha colección concreta pode estar formada por documentos extraídos de varios fondos ou dun só fondo, e dentro deste, de diferentes seccións e series. O criterio utilizado non ten nada que ver co principio de procedencia, xa que se basea en decisións subxectivas e, ás veces, facilmente cuestionables ou discutibles.

A formación de coleccións documentais pode estar motivada pola conservación, sobre todo no caso de mapas, planos, carteis de festexos ou diplomas e bandos das autoridades locais. Non son series senón unidades documentais simples que forman parte, polo xeral, doutras unidades compostas de doada identificación.

As coleccións tamén poden darse en relación co tipo de soporte. Os pergamiños son unha mostra diso, e o mesmo sucede cos soportes audiovisuais (fotografías, cintas de audio); agrupándoos e identificándoos cunha sinatura propia obtemos a colección.

Outro tipo de compilacións son as formadas por documentos de biblioteca, é dicir, documentación impresa de orixe non municipal. A súa existencia no arquivo responde ao carácter informativo que ofrecen sobre aspectos concretos. Son os gravados, carteis, postais ou programas de festas. A súa conservación debe ser independente, en contedores especiais e axeitados, que contribúen a facilitar o seu uso.

Por outra banda, o arquivo é un ben de dominio público, susceptible de ser incorporado no inventario de bens municipais en función do establecido na normativa vixente sobre bens das corporacións locais, xa que conserva e custodia o patrimonio documental municipal.

O persoal técnico do Servizo de Patrimonio Documental da Deputación de Pontevedra ocúpase, de xeito regular e planificado, do tratamento documental, é dicir, da organización e descrición dos fondos documentais de todos os concellos da nosa provincia, salvo os de Marín, Pontevedra e Vigo.

Neste último ano estase traballando nun novo estándar de cadro de clasificación de arquivos de carácter só funcional para facilitar a interoperatividade e o acceso á información entre as distintas administracións. O cadro de clasificación tipo empregado nos municipios pontevedreses achéganos o seguinte esquema, distribuído en catro seccións: a sección de Goberno, que engloba as subseccións de concello/pleno, alcalde, comisión de goberno/permanente e comisións informativas e especiais; a sección de Administración, que acolle as subseccións de secretaría, rexistro, patrimonio, persoal, servizos xurídicos, contratación e arquivo; a terceira sección, dedicada a Servizos, abrangue obras e urbanismo, servizos agropecuarios e industriais, abastecementos e consumos, transportes, seguridade cidadá, sanidade, beneficencia e asistencia social, educación, cultura, deportes, poboación, quintas e milicias, e eleccións; e, por último, a sección de Facenda, coas subseccións de intervención, financiamento e tributación, e tesourería.

Na meirande parte dos concellos levouse a cabo un proceso de dixitalización, impulsado polo proxecto Depotic, dalgunhas series documentais seleccionadas previamente. Un exemplo destas series dixitalizadas, accesibles de forma máis doada á cidadanía a través do noso portal Atopo, son: expedientes de división territorial, expedientes de cargos municipais, libros de actas do Pleno, ordenanzas e regulamentos, libro de actas da comisión municipal permanente ou os libros de amillaramento, entre outras. Estes últimos semellan ter un especial atractivo para as veciñas e veciños dos concellos por seren unha fonte de información moi útil en temas catastrais, de lindeiros, da propiedade da terra ou os camiños.

A maior parte dos documentos dos concellos son do século XIX cara a diante, aínda que hai algúns fondos que teñen un marco cronolóxico que se inicia desde finais do Antigo Réxime.

Ao fío disto cómpre resaltar a importancia documental que albergan os arquivos municipais de Baiona e Tui, pois algúns do seus documentos, especialmente os libros de actas e contas (no caso de Baiona) ou a documentación do marqués da Ensenada e os libros de acordos do Concello de Tui, consérvanse desde o século XVI. O Concello da Guarda tamén conta con documentación do século XVII.

Son fondos de carácter público e de libre acceso coas limitacións derivadas da normativa legal vixente.

En xeral, resultan de grande interese polo suculento caldo de cultivo e a diversidade que amosa a súa documentación, para facer estudos diversos, estatísticos, da evolución histórica e económica destas entidades locais, das súas actividades, aspectos sociais, lúdicos… En definitiva, son conxuntos documentais que, coma os caixóns de xastre, permiten múltiples alternativas.

Máis información no noso portal web

www.arquivos.depo.es e no portal atopo.depo.gal/

BUSCAR NAS NOVAS
XULLO 2020
LMMXVSD
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 01/06/2020 08:35
Copyright © 2002-2020, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/