[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 23 DE SETEMBRO DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Ordenanzas
Ordenanzas 2005
Deputación de Pontevedra
Impostos
Taxas
Prezos públicos
Padroado de Turismo
Escola de Canteiros
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Atención ó cidadán

Páxina [1] 2
ORDENANZAS 2005 

Ordenanza reguladora da taxa pola inserción de anuncios e textos de todo tipo no Boletín Oficial da Provincia

ARTIGO 1. NATUREZA E FUNDAMENTO

    O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, no uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril (LRBRL) e o artigo 132 do RDL 2/2004, de 5 de marzo (TRLRHL), e de conformidade co disposto nos artigos 15 ó 19 do TRLRHL, acorda a imposición e ordenación da taxa pola inserción de anuncios e de todo tipo de texto no Boletín Oficial da Provincia.

ARTIGO 2. FEITO IMPOÑIBLE

    Constitúe o feito impoñible desta taxa:
    • A actividade administrativa e técnica necesaria para inserir no Boletín Oficial da Provincia (BOP) toda clase de escritos, anuncios, requirimentos e textos.
    • O envío ós interesados na inserción de anuncios do BOP no que se publiquen os anuncios polos interesados.

ARTIGO 3. SUXEITO PASIVO

    Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2004, de 17 de decembro (LGT), que soliciten ou resulten beneficiadas ou afectadas pola publicación ou inserción de todo tipo de textos no Boletín Oficial da Provincia, sempre que a publicación sexa motivada por estes, directa ou indirectamente.

ARTIGO 4. RESPONSABLES

  1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei xeral tributaria.
  2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

ARTIGO 5. COTA TRIBUTARIA

    A cota desta taxa será a que figura no anexo a esta ordenanza.

ARTIGO 6. DEVENGO

    Devéngase esta taxa e nace a obriga de contribuír cando se presenta a solicitude de inserir os anuncios ou edictos no Boletín Oficial da Provincia. Esta taxa esíxese en réxime de autoliquidación, sendo previo o seu pagamento á prestación do servizo. Nas publicacións ordenadas por xulgados e tribunais, a instancia de particulares, o pagamento efectuarase cando se fagan efectivas as custas sobre os bens de calquera das partes.

ARTIGO 7. INGRESO DA TAXA

  1. As cotas desta taxa liquidaranse e esixiranse, con carácter xeral, no momento de presentarse o escrito ou oficio polo que se solicita a inserción no BOP. Este ingreso será froito dunha liquidación que efectuará o/a interesado/a no seu domicilio ou na sección de Recursos Económicos; interésase en persoa a publicación.
  2. Os interesados deberán remitir xunto co oficio ou escrito un xustificante de ter efectuado o ingreso mediante unha transferencia á entidade de Caixanova, oficina principal de Pontevedra na conta 2080-0401-68-0040106618, facendo constar que é para inserir no BOP ou ben un xustificante ou carta de pagamento de ter efectuado o ingreso na Tesourería provincial. Sen o ingreso previo non se realizarán os traballos administrativos e técnicos, nin tampouco a inserción no BOP, excepto nos casos previstos no punto seguinte.
    No caso de estaren exentas, deberán pedir este beneficio indicando o precepto legal e os feitos habilitantes.
  3. Excepcionalmente e só cando existan fundadas razóns debidamente acreditadas se realizarán os traballos administrativos e técnicos, así como a inserción no BOP sen pagamento previo.
    A modo de exemplo podemos citar:
    1. Os relativos ós asuntos xudiciais nos que os interesados están declarados legalmente pobres para litigar, ou satisfacer no seu día as partes interesadas que resultan obrigadas a isto, segundo a finalidade do litixio.
    2. Os procedentes de ab intestato tramitados de oficio, que deberán satisfacer no seu día os que resulten beneficiarios.
    3. Os procedementos de asuntos criminais, se houbese condena de custos e se fixesen efectivas por parte do xulgado correspondente.
    4. Nas publicacións ordenadas por xulgados e tribunais, a instancia de particulares, o pagamento efectuarase cando se fagan efectivas as costas sobre bens de calquera das partes.
    5. Calquera outro anuncio non incluído expresamente entre os gratuitos ou de pagamento previo,cando o acrediten os solicitantes da publicación, a concreta exención de pagamento en virtude do precepto con rango de lei, tratado ou acordo internacional.

ARTIGO 8. NORMAS DE XESTIÓN

  1. Os oficios, escritos, etc. para inserir no BOP ó ter entrada no pazo provincial trasladaranse ó Negociado de Xestión de Recursos Económicos para o seu rexistro e comprobar se a autoliquidación é correcta ou non. No caso de non ser correcta practicarase a liquidación complementaria, que será notificada e ingresada nos prazos previstos no artigo 62 da Lei xeral tributaria.
  2. As cotas que non sexan autoliquidables por darse os supostos previstos no apartado 3 deste artigo liquidaraas o Negociado de Xestión de Recursos Económicos. Unha vez liquidadas notificaranse e ingresaranse de conformidade co previsto no artigo 62 da Lei xeral tributaria.
  3. Todo anuncio ou edicto que se remita para publicalo no Boletín Oficial da Provincia deberá cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:
    • Deberán presentarse en papel e en soporte electrónico (e-mail dirixido a: imprenta@deputación.depontevedra.es, ou, subsidiariamente, en soporte informático (disco de 3,5 polgadas ou cd-rom). Cando o documento non se presente en soporte informático ou electrónico, por ser imposible reproducilo ou por calquera outra causa, o texto será tratado e publicado, previo pagamento dun recargo do 100 por cen, de acordo co previsto na tarifa desta taxa.
    • Deberán ser orixinais e xuntaranse á orde de inserción/autoliquidación asinada pola persoa autorizada, remitíndose para a súa publicación á Deputación Provincial de Pontevedra. Sen estes requisitos e o correspondente pagamento, cando así proceda, non se publicará documento ningún, arquivándose sen máis trámite.
    • A orde de inserción/autoliquidación correspóndelle ó órgano competente da administración anunciante e deberá estar asinada pola autoridade ou funcionario facultado para isto.
    • Presentarase nun orixinal limpo e de forma que a súa transcrición non implique problemas de lectura ou comprensión. No suposto de que falten datos ou a redacción sexa inintelixible, non se cursará a publicación.
    • Se o contido dos documentos que se van publicar non fose puramente texto seguido, senón táboas, formularios, gráficos, planos, debuxos ou calquera outra presentación análoga, estes deberán ter calidade nos seus trazos, limpeza nos seus fondos, evitando sinaturas e selos que dificulten a súa lectura óptica.
    • Os orixinais que se envíen para a súa publicación no Boletín Oficial terán carácter oficial e reservado, non podendo facilitarse información ningunha acerca deles, salvo autorización expresa do órgano remitente.
    • Unha vez recibido o edicto e no caso de non presentarse a autoliquidación, a administración do Boletín Oficial enviaralle ó suxeito pasivo a liquidación de taxas, na que se indica o importe e as normas para o seu ingreso.
    • Transcorrido un mes desde o rexistro do edicto sen que se realice o seu pagamento ou se emenden os seus defectos, arquivaranse sen máis trámite, sendo preciso unha nova entrada no rexistro para a súa publicación.
    • As ordes de inserción/autoliquidación, así como os anuncios, sexan obxecto de publicación ou non, permanecerán na administración do BOP a disposición dos interesados ata transcorrido un ano desde a súa recepción.
    • Ser perfectamente lexible, sen borróns, riscadas, indicacións, anotacións, nin correccións.
    • Estar mecanografados ou impresos por medios informáticos, con tamaño de letra normal a un espazo interliñado e cun mínimo de claridade e limpeza respectando as normas, as regras e os signos ortográficos.
    • Non se admitirá ningún anuncio ou edicto remitido por fax
    • Os orixinais dos anuncios, edictos e escritos que non cumpran os requisitos anteriormente sinalados seranlles devoltos ás súas respectivas orixes.

ARTIGO 9. BENEFICIOS FISCAIS

  1. Nesta taxa só se admitirán as exencións e as bonificacións que veñan recollidas nos tratados ou acordos internacionais ou nas normas con rango de lei.
  2. Estarán exentas do pagamento da taxa as publicacións seguintes:
    • Aprobación das ordenanzas municipais de municipios de menos de 10.000 habitantes.
    • Aprobación das normas urbanísticas (plans xerais, normas subsidiarias e complementarias, plans parciais e especiais, estudos de detalle, programas de actuación urbanística, proxectos de urbanización, delimitacións de polígonos e unidades de actuación), excepto cando o planeamento sexa promovido por particulares.
    • Afectación, desafectación e alteración de bens de dominio público e patrimoniais.
    • Nos expedientes de contratación administrativa: aprobación de pregos de cláusulas xerais e de proxectos técnicos e máis as adxudicacións.
    • Aprobación de orzamentos, expedientes de modificación de créditos e da conta xeral.
    • Os anuncios en materia de persoal, a excepción das convocatorias para a selección de persoal, que si están suxeitas salvo as correspondentes a xuíces de paz.
    • Notificacións por comparecencia que se efectúan en virtude do artigo 112 da Lei xeral tributaria, en procedementos de recadación dos tributos nos supostos nos que non fose posible a súa notificación.
    • Anuncios de procedementos electorais.
    • Convocatorias e bases de bolsas de estudos, cursos e subvencións.
    • Anuncios de delegación de competencias.
    • Notificacións dos artigos 59.5 e 60 LRJPAC, cando os interesados nun procedemento sexan descoñecidos ou se trate dunha pluralidade indeterminada de persoas.
    • Convenios colectivos.
    • Rectificacións de anuncios, que terán idéntico tratamento cós anuncios que se rectifiquen, excepto os correspondentes ás licitacións públicas.
    • Os relativos a documentos expostos.
    • Os que correspondan a anuncios interesados pola Deputación ou calquera dos seus organismos ou entidades dependentes, sempre que non se poida repercutir a terceiros.
    • Anuncios da Administración de Xustiza en:
      • Procedementos civís acollidos ó beneficio de xustiza gratuíta.
      • Procedementos penais e laborais.
      • Procedementos contencioso-administrativos non instados por particulares, avogados ou procuradores.
      • Outros anuncios: a interpretar, en cada caso, de acordo coa normativa reguladora.
  3. As persoas ou as entidades que pidan a aplicación dalgún beneficio fiscal deberán solicitalo expresando os preceptos xurídicos e os elementos de feito autorizantes. O prazo de solicitude será o mesmo có de interposición dos recursos de reposición.

ARTIGO 10. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

    En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que a estas lles correspondan en cada caso estarase ó disposto na Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

  • PRIMEIRA.-Cando, por calquera motivo non imputable á administración do boletín, non se produza a inserción do anuncio ou calquera outro textono Boletín Oficial da Provincia os interesados poderán solicitar a devolución do depósito previo nas porcentaxes seguintes:
    1. Se se paraliza a tramitación antes de iniciarse a actividade técnica previa á inserción no Boletín: 75%.
    2. Se xa se iniciou a actividade técnica: 50%.
    3. Se finalizou a actividade técnica e só falta a inserción: 25%.
  • SEGUNDA.-Os anuncios, edictos e textos de todas as clases que teñan que publicarse no BOP remitiránselle ó Ilmo. Sr. Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra. Canto á correspondencia relativa ás inscricións e reclamacións de carácter administrativo e tributario dirixirase á oficina de Recursos Económicos da Deputación Provincial.
  • TERCEIRA.-Se o anuncio remitido para a súa inserción se publicase con algún erro que o altere ou modifique de modo importante ou o invalide, por causas non imputables á administración do BOP, será por conta da persoa ou da entidade interesada. No caso contrario a rectificación será gratuita.

DISPOSICIÓN FINAL

    O acordo inicial de aprobación destas modificacións adquiriu carácter definitivo o día 16 de decembro de 2004.

    As modificacións desta ordenanza fiscal entrarán en vigor e aplicaranse a partir do día 1 de xaneiro de 2005, permanecendo vixente deica a súa modificación ou derrogación expresas.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 04/01/2005 12:49
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/