O IMSERSO e a FEMP puxeron en marcha un SERVIZO DE TELEASISTENCIA MÓBIL, con carácter gratuíto, dirixido ás corporacións locais, principalmente ós concellos de menos de 20.000 habitantes e sempre que a Deputación estea adherida ó programa.
Este servizo deseñouse especificamente para previr as agresións que padecen as mulleres por parte de quen é ou foi o seu cónxuxe ou de quen está ou estivo ligado/a por relacións similares de afectividade, aínda que non existise convivencia.
O Servizo de Teleasistencia Móbil, modalidade que dispón dunha tecnoloxía adecuada dirixida ás víctimas de violencia de xénero cunha orde de protección, ofrécelles a estas unha atención inmediata e a distancia, asegurando unha resposta rápida ás eventualidades que lles poidan sobrevir, as 24 horas do día, os 367 días ó ano e sexa cal sexa o lugar onde se encontren. O servizo baséase na utilización de tecnoloxías de comunicación telefónica móbil e de telelocalización e permite que as mulleres con risco de sufrir violencia de xénero poidan entrar en contacto, ante situacións de emerxencia, cun centro con persoal especificamente preparado para dar unha resposta axeitada á crise presentada, ben por si mesmos ou mobilizando outros recursos humanos e materiais propios do usuario ou existentes na comunidade. O contacto deberá poder establecerse en todo momento e desde calquera lugar, tan só premendo un botón e na modalidade de “mans libres”.
OBXECTIVOS DO SERVIZO
- Garantir unha atención inmediata e adecuada ante situacións de emerxencia, a través de persoal especializado, proporcionando seguridade á usuaria e mobilizando os recursos oportunos, en función do tipo de emerxencia que se produza.
- Proporcionar tranquilidade e seguridade ás usuarias do servizo e ós familiares que dependan directamente delas, ofrecéndolles apoio, información e asesoramento, e garantíndolles a comunicación interpersoal ante calquera necesidade as 24 horas do día.
- Potenciar a autoestima e a calidade de vida das usuarias do servizo, contribuíndo a crear unha rede social de apoio.
- Axudar a minguar a sobrecarga que soporta unha usuaria destas características, proporcionándolle tranquilidade sabendo que hai un equipo técnico e humano capaz de apoiar e resolver as incidencias que poidan sobrevir.
INFORMACIÓN ÁS USUARIAS
As usuarias do Servizo de Teleasistencia Móbil serán informadas, nunha linguaxe clara e comprensible, do funcionamento básico do servizo para que teñan coñecemento exacto do tipo de atencións que lles pode ofrecer: características, funcionamento e mantemento da terminal, co fin de que fagan un correcto uso deste e así mesmo dos seus dereitos e obrigas como usuarias.
A información facilitarase no momento de entregar a terminal e, posteriormente, a petición da usuaria ou por iniciativa do Centro de Atención, sempre que se considere oportuno.
Ademais de que a información se lles facilite verbalmente, proporcionaráselles ás usuarias, no momento da entrega do dispositivo, un folleto no que se recollan, de forma breve e clara, informacións relevantes.
DEREITOS E OBRIGAS DAS USUARIAS
As usuarias deben recibir unha información clara e precisa sobre os seus dereitos en relación co servizo de telefonía móbil e en particular do dereito a recibiren unha atención inmediata e adecuada por parte do Centro de Atención. Tamén deben ser informadas das súas obrigas como usuarias, deben proporcionar información veraz, colaborar para facer posible a operatividade plena do servizo e a de observar as instrucións de coidado e de mantemento das terminais.
CUSTO DO SERVIZO
Aínda que o servizo é gratuíto e operativo as 24 horas, os 365 días ó ano en función das características da terminal, algunhas das chamadas realizadas desde este poderían correr a cargo da usuaria.
As usuarias deben recibir unha información exacta sobre os posibles custos ó seu cargo.
En definitiva, este servizo é unha ampliación da Teleasistencia para maiores e para persoas con discapacidade da que xa gozan máis de 600 persoas na nosa provincia, froito dun convenio entre a FEMP-INSERSO e mais a Deputación Provincial de Pontevedra.
REQUISITOS DE ACCESO
- Non convivir coa persoa ou persoas que as someteron ó maltrato.
- Contar cunha orde de protección ou todos os casos de violencia de xénero que conten con medidas de afastamento durante a vixencia das mesmas
- Aceptar as condicións de uso e mantenemento do terminal
INCORPORACIÓN Ó SERVIZO
As persoas que cumpran os requisitos de acceso poderán solicitar a incorporación ó Servizo de Teleasistencia Móbil nos departamentos de servizos sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes da nosa provincia. Á solicitude achegaráselle a copia compulsada da orde de protección.
A solicitude incluirá o compromiso, asinado polo solicitante, de aceptar as normas do servizo e a autorización, tamén asinada, para incorporar os seus datos persoais ós ficheiros do Centro de Atención e poder xestionar a atención adecuada das situacións de emerxencia que se puideran producir.
Os departamentos de servizos sociais dos concellos serán os encargados de emitiren a orde de alta no servizo, que trasladarán ó Centro de Atención, e unha notificación á Deputación que non conterá os datos da persoa.
A empresa adxudicataria do servizo deberá incorporar as usuarias ó servizo, nun prazo non superior a sete días, desde a recepción da orde de alta, salvo nos casos de urxencia, nos que o prazo será de 48 horas.
BAIXA NO SERVIZO
Serán causa de baixa no servizo:
- A decisión da usuaria de abandonar o servizo, expresada formalmente nunha solicitude de baixa.
- Reiniciar a convivencia coa persoa ou persoas que someteran á víctima a maltrato.
- Incumprir reiteradamente a usuaria as súas obrigas de colaboración para facer posible a prestación do servizo.
As usuarias quedan obrigadas, ó causaren baixa no servizo, a devolver a terminal.
Os departamentos de servizos sociais emitirán a orde de baixa cando se lles notifique a finalización da vixencia da orde de protección, que trasladarán mediante fax ou correo electrónico ó Centro de Atención e enviándolle unha copia deste á Deputación Provincial.
TRASPASO DE EXPEDIENTE USUARIA TAM POR CAMBIO DE ENDEREZO DENTRO DA ZONA ASIGNADA A CRUZ ROJA ESPAÑOLA
Para que a usuaria poida continuar como tal no proxecto de Teleasistencia Móbil, tralo cambio de domicilio que supoña un cambio de municipio, tan só é necesario que o Centro de Servizos Sociais lle remita a “Solicitude traspaso dependencia de usuaria TAM VG” ó novo Centro de Servizos Sociais que corresponda para que este, á súa vez, o remita cuberto ó Centro de Atención xunto coa solicitude de alta e a folla de recursos da súa zona, non sendo necesario que envíen a ficha de datos nin a cláusula asinada pola usuaria.
Ó recibir no Centro de Atención a “Solicitude Traspaso dependencia de usuaria TAM VG”, comunicaráselles dito cambio ós Centros de Servizos Sociais implicados, mediante o listado mensual de usuarias para que poidan proceder á baixa e alta respectivamente nos seus arquivos; así mesmo contactarase coa usuaria para comprobar os datos susceptibles de troco.
|