2.2. |
Historia institucional/ Recesión biográfica |
De acordo co Decreto de Unificación do 19 de abril, en 1937 nace a Falange Española Tradicionalista de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET de las JONS) como partido único despois da unión de Comunión Tradicionalista e Falange Española de las JONS. Esta forza política resultante foi coñecida, tamén, como Movemento Nacional, chegando a superar o concepto de mero partido político para constituír a columna vertebral do Estado.
Dotado dos seus primeiros estatutos o 4 de agosto dese ano, foron reformadas e aprobadas as súas modificacións mediante o Decreto do 31 de xullo de 1939. Nel contémplanse, como órganos provinciais do Movemento, o xefe provincial, máxima autoridade política da provincia, cuxo posto foi desempeñado na práctica polo gobernador civil, o secretario, o tesoureiro, os delegados provinciais de servizos e o xefe provincial de Milicias.
Despois de estruturarse no Decreto do 20 de xullo de 1957 os servizos da Secretaría Xeral do Movemento, acométese, dous anos máis tarde, a refundición de todas as disposicións dictadas ata o momento relativas á organización territorial do Movemento. A Orde do 1 de decembro de 1959 aprobando o regulamento de organización e funcionamento das xefaturas provinciais e locais deixou establecidas a súa estrutura orgánica, funcións e competencias.
Aínda que a Secretaría Xeral experimenta un novo cambio na súa estrutura sancionado polo Decreto 15/1970, do 5 de xaneiro, as xefaturas provinciais non se ven afectadas, xa que logo o seu regulamento seguirá en vigor ata a súa supresión mediante o Real decreto-lei 23/1977, do 1 de abril, sobre reestruturación dos órganos dependentes do consello nacional e novo réxime xurídico das asociacións, funcionarios e patrimonio do movemento. |
2.3. |
Historia arquivística |
Recollido, no seu día, polo Goberno Civil, diversas circunstancias determinaron que este fondo documental se transferise, na década dos anos 80 do século XX, polo Arquivo da Deputación. Aínda que non existen documentos que o testemuñen, todo fai pensar que sufriu bastantes avatares ata a súa permanencia definitiva neste Arquivo Histórico. |