2.2. |
Historia institucional/ Recesión biográfica |
O Ministerio de Traballo foi creado polo Real decreto do 8 de maio de 1920, aínda que, dous anos máis tarde, se reorganiza acumulando os servizos referentes á industria e ó comercio, pasando a denominarse no sucesivo, segundo o Real decreto do 20 de febreiro de 1922, Ministerio de Traballo, Comercio e Industria.
En novembro de 1928 e no contexto das reformas introducidas na Ditadura de Primo de Rivera situamos o cambio de denominación deste ministerio polo de Ministerio de Traballo e Previsión.
Xa na II República sufrirá diversas modificacións. Ó transferirse os servizos da Subsecretaría de Sanidade e Beneficencia do Ministerio da Gobernación a este Ministerio polo Decreto do 25 de decembro de 1933, transfórmase en Ministerio de Traballo, Sanidade e Previsión. Despois, en 1935, como consecuencia da Lei de restricións, procédese a refundir o Ministerio de Xustiza e o de Traballo no Ministerio de Traballo, Xustiza e Sanidade. Pero a reforma resulta un fracaso e así o Decreto do 19 de febreiro de 1936 dispón que ese ministerio se divida en dous, denominándose Ministerio de Xustiza e Ministerio de Traballo, Sanidade e Previsión.
Pouco despois o Decreto do 4 de novembro de 1936 dispón que este último ministerio se divida, á súa vez, noutros dous: Ministerio de Traballo e Previsión e Ministerio de Sanidade. Polo Decreto do 17 de maio de 1937, dispoñendo unha nova denominación dos departamentos ministeriais, intégranse os servizos do Ministerio de Traballo e Previsión e os de Asistencia Social no Ministerio de Traballo e Asistencia Social.
Durante o réxime franquista, pola Lei do 30 de xaneiro de 1938, organizando a Administración Central do Estado, créase o Ministerio de Organización e Acción Sindical, no que se engloban as funcións en materia de traballo, pero, pouco despois, coa Lei do 8 de agosto de 1939, modificando esta organización, créase o Ministerio de Traballo comprendendo as direccións xerais de traballo, de xurisdición do traballo, de previsión e de estatística. Todos os asuntos relacionados coas actividades sindicais pasan a depender do Servizo de Sindicatos de FET y de las JONS.
Esta acepción xenérica de Traballo permanecerá coa Democracia ata o ano 1981. Nese ano reestrutúranse os órganos da Administración Central do Estado polo Real decreto 325/1981, do 6 de marzo, fusionando os ministerios de Traballo e de Sanidade e Seguridade Social nun: o Ministerio de Traballo, Sanidade e Seguridade Social. Non obstante, ese mesmo ano, e polo Real decreto 2823/1981, do 27 de novembro, despréndense as competencias de sanidade quedando conformado definitivamente como Ministerio de Traballo e Seguridade Social.
A nivel periférico as delegacións provinciais de Traballo créanse pola Lei do 13 de maio de 1932, suprimindo as delegacións rexionais e as inspeccións rexionais de Traballo. O Decreto do 12 de outubro de 1935, modificando a lei e o regulamento de 1932 para a reorganización das delegacións provinciais de Traballo, clasifica a provincia de Pontevedra como de terceira categoría. Pero a Lei do 29 de marzo de 1941 reorganiza estas delegacións atribuíndolle xurisdición rexional, aínda que outra lei, a do 10 de novembro de 1942, restablece as delegacións provinciais con xurisdición provincial, clasificando a de Pontevedra como de segunda categoría. Xa en 1981 o Real decreto 3316/1981, do 29 de decembro, sobre adaptación da estrutura periférica do Ministerio de Traballo e Seguridade Social ó Real decreto 1801/1981, do 24 de xullo, establece que as dependencias periféricas de ámbito provincial deste ministerio se integrarán nunha Dirección denominada Dirección Provincial de Traballo e Seguridade Social. Baixo a autoridade do gobernador civil, estas direccións provinciais estarán integradas nos gobernos civís respectivos e dependerán orgánica e funcionalmente do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, cuxa competencia asumirán no ámbito territorial correspondente. |