[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 20 DE XULLO DE 2019
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Arquitectura
Páxina Principal
Servizos
Arquitectura
Edificios Provinciais

ARQUITECTURA 

Pazo provincial

A sede principal da Deputación sitúase na Avenida de Montero Ríos, rodeado de zonas axardinadas, moi próximo á casa do concello e ó carón da delegación de Educación da Xunta de Galicia e ó Instituto de Bacharelato Valle – Inclán.

Ata 1890 as oficinas da Deputación de Pontevedra atopábanse no que hoxe é a delegación do Ministerio de Hacienda, e anteriormente Convento de San Francisco. A necesidade de ter un edificio propio, orixina as negociacións co Concello de Pontevedra para a adquisición dos terreos e en 1883 apróbase o proxecto dos irmáns Alejandro e Domigo Sesmeros, sendo os arquitectos elixidos para o novo edificio fronte a Alameda, un ano despois comeza a súa construcción e en 1890 está practicamente rematado, facendo as instalacións eléctrica e telefónica con posterioridade, así coma o peche do xardín e o ensanche da avenida.

EDIFICIO

O edificio de dous plantas e soto ten unha estructura interior a base de cadrados e rectángulos que rodean a parte central. Na planta baixa hai unha superficie dedicada a vestíbulo, cun grande distribuidor no centro e unha ampla escalinata que se abre en dous brazos para o seu acceso á parte superior, dando lugar a dous espacios cadrados a ámbolos dous lados. No centro superior da escaleira un amplísimo rechán que serve de paso as dúas asas laterais e de acceso a un vestíbulo previo ó Salón Nobre, que ocupa o centro do edificio.

A fachada é a combinación de varios estilos, cunha entrada tipo Arco do Triunfo, con tres portas con arcos de medio punto, realizadas coa colocación de medias columnas de estilo xónico, con fustes estriados e base clásica. Na parte superior un balcón corrido que en forma de cornixa percorre o edificio, e perpendiculares ás catro columnas inferiores, outras catro que dan marco ás tres portas do Salón Nobre que saen á balconada. Tres claraboias, sobre ás súas tres portas, cubrirán o espacio entre elas e o arranque do frontón que coroa a fachada, no centro da cal figura o escudo provincial.

Para non concentrar todos os elementos no corpo central a fachada secciónase en cinco corpos, o central, dous medianos e dous laterais. Tratando de gañar o equilibrio de volumes, o corpo central, e os dous laterais sobresaen sobre os medianos. Os laterais remátanse con corpos circulares e nos seus ventanais superiores, colócanse pilastras estriadas de orde xónico, co que se logra equilibrar o conxunto da fachada.

Todo o edificio está rematado cunha cornixa moldurada algo saínte e con decoración de canaliños. A base do edificio levántase a unha boa altura que permite unha ampla escaleira corrida en todo o corpo central.

A fachada posterior, aínda que de menor categoría, está moi coidada e no seu conxunto presenta unha maior horizontalidade, pola lixeira caída do edificio cara atrás, realizándose a mesma conxunción en cinco corpos, facendo sobresaír o central e os laterais sobre os seus medianos.

No pórtico, na súa planta baixa, non hai columnas e as tres portas redúcense a unha central con dúas grandes hornacinas a ambos lados. Na súa parte superior outro balcón para as tres portas que conducen a el, enmarcadas en pilastras de estilo xónico e sobre elas, un simple frontón con decoración xeométrica. As ventás superiores rematadas en semicírculos e as inferiores adinteladas con decoración de conchas de vieira. Dispón dunha escalinata ó corpo central de moita de moita menor envergadura cá da fachada principal.

As fachadas laterais presentan parámetro de sillería lisa no que destacan os remates laterais realizados con bandas verticais de almohadillado. As ventás superiores están rematadas en frontóns triangulares e as inferiores, adinteladas, con remate en concha de vieira. Ó igual que na fachada principal, os laterais superiores rematan con cornixas semicirculares.

MATERAIS EMPREGADOS

A pedra ocupa o maior volume, granito fino das canteiras de Tourón, granito fino e duro das canteiras do Ulloa e granito do país. Para os morteiros utilizouse o cal graxo e area de mina, cunha proporción de dúas de area e unha de cal. O estucado de xeso nas decoracións, o ferro en claraboias e tragaluces, o chumbo e cinc e claraboias e baixantes e a tella plana de Marsella para as cubertas.

Na carpintería utilizouse piñeiro tea para a formación de pisos; táboa, barrotillo e cuberta de cal nos tabiques ; e para as portas e ventás exteriores o castiñeiro, utilizando piñeiro tea nas interiores.

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 24/08/2005 11:20
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/