A casa de Combarro aínda que é propiedade da Deputación, as súas instalacións están cedidas á Asociación Ateneo Cultural Corredoira, para usaren como biblioteca e desenvolver actividades lúdico-culturais.
Situada en Combarro, no municipio de Poio, chégase a ela pola estrada C-550 Pontevedra-O Grove e dista uns 12 quilómetros da capital da provincia, Pontevedra. Combarro é un exemplo de arquitectura popular e as súas edificacións adaptáronse ó seu terreo, fundamentalmente granítico. A mellor maneira de coñecelo é paseando.
O edificio, que se construíu no século XVIII, está incluído no catálogo de edificios protexidos municipais. Dispón de dúas plantas comunicadas entre si por unha escaleira metálica circular interior e unha exterior de pedra cunha balaustrada. Diante da casa atópase un dos seis cruceiros que ten Combarro.
Os materiais empregados na construcción, típicos da arquitectura popular, foron a pedra para a fachada e os muros de carga, cuberta inclinada de tella e madeira para o interior.
|