[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
VENRES, 19 DE ABRIL DE 2019
   Está en » depontevedra.es
Páxina Principal
Símbolos da Deputación: escudo e bandeira
Información económica e financeira
Ordenanzas
Ordenanzas 2003
Ordenanzas 2004
Ordenanzas 2005
Ordenanzas 2006
Deputación
Impostos
Taxas
Prezos públicos
Turismo Rías Baixas
Escola de Canteiros
ORAL
Patrimonio da Deputación
Historia
Organismos Autónomos
Atención ó cidadán

ORDENANZAS 2006 

Ordenanza reguladora da taxa por prestación de servizos polo Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), dependente da Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra

INTRODUCIÓN

    Este organismo foi constituído con efectos desde o 1 de xaneiro de 1994, data en que asumiu as funcións do Servizo de Recadación xestionado directamente pola Deputación, iniciando a súa andadura coa subrogación do expresado Servizo, ampliadas con novas delegacións para a xestión, liquidación, inspección e recadación tributarias segundo o artigo 7 da Lei 39/88, reguladora das Facendas Locais, constituíndo a prestación destes servizos a actividade básica do organismo, ampliada nalgúns casos a recursos públicos non tributarios.
    A prestación de tales servizos púxose en marcha sobre a base dos acordos plenarios tipo, con idéntico contido, entre outros aspectos, sobre a compensación económica a percibir polos mesmos, polo que, despois do tempo transcorrido, coa experiencia acumulada, e tendo en conta a propia natureza destes servizos, ó non ser susceptibles de prestación pola iniciativa privada tanto por implicar unha manifestación de autoridade como pola reserva legal en favor das entidades locais, procede normalizar a esixencia das contraprestacións polos servizos prestados polo referido organismo autónomo, mediante a imposición e ordenación dunha taxa que cubra o custo dos mesmos, incorporando o contido dos acordos tipo, que se esixirá consonte ó previsto nesta.

O R D E N A N Z A

ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1

    A presente ordenanza ten por obxecto ordenar a aplicación dunha taxa polos servizos prestados polo Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), dependente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, e que se refiren á xestión, liquidación, inspección e recadación de tributos e outros recursos públicos de entidades locais da provincia de Pontevedra e, no seu caso, a outras Administracións Públicas e Institucións pola súa actuación na provincia. Quedan fóra do ámbito regulador da taxa as actividades de xestión catastral realizadas polo ORAL consecuencia de convenios asinados ou que se asinen coa Dirección Xeral do Catastro, así como as inspeccións extraordinarias dos diferentes recursos públicos, o que dará lugar a convenios ou acordos puntuais.

FEITO IMPOÑIBLE

Artigo 2

    Estará constituído pola prestación de calquera dos servizos indicados, é dicir, de xestión, liquidación, inspección e recadación de tributos ou doutros recursos públicos ás entidades, administracións e institucións que se mencionan no artigo un.

SUXEITOS PASIVOS

Artigo 3

    Serán suxeitos pasivos e contribuíntes por esta taxa as Entidades Locais da Provincia de Pontevedra e outras Administracións e Institucións que deleguen no Organismo Autónomo Provincial de Xestión de Recursos Locais (ORAL), a través da Excma. Deputación Provincial, todos ou algúns dos procesos de xestión, liquidación, inspección e recadación dos seus recursos tributarios e non tributarios de natureza pública no ámbito da provincia.

BASES IMPOÑIBLE E LIQUIDABLE

Artigo 4

    As bases impoñible e liquidable serán coincidentes, distinguíndose os seguintes supostos:
    1. Procesos que inclúan a recadación. Tomarase como bases impoñible e liquidable o importe da recadación neta obtida.
    2. Procesos que non inclúan a recadación. Tomarase como bases impoñible e liquidable o importe dos padróns, suma de documentos cobratorios emitidos e importe das liquidacións das actas de inspección.

TIPOS DE GRAVAME E COTA

Artigo 5

    A taxa esixirase consonte ós seguintes tipos de gravame e supostos:
    1. Procesos con recadación en voluntaria.
      a) O tipo de gravame fíxase no seis por cento (6%) da recadación neta obtida.
      b) No caso de que o recurso xestionado sexan as multas de tráfico, o tipo de gravame será, incluídos todos os custes, o seguinte:
      b.1) O quince por cento (15%) da recadación neta obtida.
      b.2) O dez por cento (10%) da recadación neta obtida, no caso de que o servizo se preste a unha entidade á que o ORAL xestiona os seus tributos.
      c) No caso de que a entidade delegante emita as súas liquidacións e o ORAL se limite a efectuar a recadación ou cobro, o tipo de gravame será do un por cento (1%) da recadación neta obtida.
    2. Procesos con recadación en voluntaria que alcancen ou superen determinadas porcentaxes do importe dos padróns ou doutros cargos. Ademais do tipo de gravame do apartado 1, aplicaranse os tipos de gravame seguintes:
      • — O 0,50% cando a recadación alcance ou supere o 90%.
      • — O 0,75% cando a recadación alcance ou supere o 93%.
      • — O 1% cando a recadación alcance ou supere o 95%.

      Estas porcentaxes non se aplicarán nos procesos de recadación de liquidacións por contraído previo.
    3. Procesos con recadación en executiva. O tipo de gravame e a cota será unha cantidade equivalente ós recargos de constrinximento e costas de procedemento, sen que en ningún caso poidan ser inferiores ó seis por cento (6%).
    4. Procesos con recadación en executiva que alcancen ou superen determinadas porcentaxes dos cargos.
      Ademais da cantidade do apartado 3, aplicaranse os tipos de gravame seguintes:
      • — O 1% cando a recadación alcance ou supere o 45%.
      • — O 1'25 cando a recadación alcance o 50%.
      • — O 1'50% cando a recadación alcance ou supere o 60%.
    5. Procesos que non inclúan a recadación.

    O tipo de gravame será o catro por cento (4%) do importe dos padróns, listas cobratorias ou documentos equivalentes.
    A determinación dos tipos de gravame a que se refiren os apartados anteriores será independente dos intereses derivados das entregas a conta ou anticipos de recadación, que se efectúan periodicamente ós concellos e demais entidades delegantes, con cargo á operación de tesourería que se concerta ó efecto. Estes intereses serán por conta do ORAL na súa totalidade.

EXENCIÓNS REDUCCIÓNS E BONIFICACIÓNS

Artigo 6

    Non se recoñecen, segundo determina o artigo 9 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, que aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais.

PERÍODO IMPOSITIVO E DEVENGO

Artigo 7

    O período impositivo coincidirá co ano natural para todas as actuacións ou servizos prestados polo ORAL e gravados con esta taxa, producíndose o devengo da mesma na data en que o respectivo servizo foi prestado.

XESTIÓN E RECADACIÓN DA TAXA

Artigo 8

    Para a xestión da taxa, tomarase como base os acordos e resolucións de delegación e aceptación, reflectidos nos correspondentes convenios, ós que se incorporará como anexo a presente ordenanza como elemento integrante dos mesmos.

Artigo 9

    Periodicamente, segundo se determine polo Regulamento de organización e funcionamento do ORAL ou nos respectivos acordos, faranse liquidacións ás Entidades, Administracións e Institucións delegantes, determinando a contía e o importe da taxa.

Artigo 10

    Como norma xeral, o ingreso da taxa devengada pola prestación de servizos de recadación, en período voluntario ou en executivo, farase descontando o seu importe do producto da recadación que periodicamente liquide o ORAL ás Entidades, Administracións e Institucións delegantes.
    Este procedemento seguirase tamén nas entregas a conta ou anticipos de recadación, polo que na liquidación definitiva soamente se aplicará a taxa sobre o saldo pendente. Nos procesos nos que non se poida utilizar esta vía do desconto, a xestión do cobro da taxa efectuarase segundo o establecido no Regulamento Xeral de Recadación.

APLICACIÓN E APROBACIÓN

Artigo 11

    Esta ordenanza entrará en vigor a partir da data da publicación no Boletín Oficial da Provincia da súa aprobación definitiva e do texto da mesma, aplicándose con carácter xeral a partir do 1 de xaneiro de 2006, incorporándose como anexo ós acordos e convenios vixentes na actualidade.

Artigo 12

    Esta Ordenanza foi aprobada, a proposta do Consello Rector do ORAL, por acordo do Pleno da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, adoptado en sesión celebrada o 26 de outubro de 2005.

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 05/01/2006 10:20
Copyright © 2002-2019, Deputación de Pontevedra | Aviso Legal | Protección de datos | Política de cookies
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depo.gal/